Luns 2, Outubro 2023
HomeDestacadasNESTA HORA DECISIVA

NESTA HORA DECISIVA

por Luís Álvarez Pousa

Coinciden no tempo as negociacións con ERC para facer posible que Sánchez sexa investido presidente e a ruptura da unanimidade no TC sobre todo o que tivo directa ou indirectamente que ver co procés catalán. Dándolle a razón a Junqueras no seu recurso en defensa dos seus dereitos de representación política, os tres maxistrados que romperon a disciplina de Estado á que se viñeron sometendo desde o 2017 os xuíces da Audiencia Nacional, do Tribunal Supremo e do Constitucional abandeiran o despegue da operación castigo contra os líderes, políticos e sociais, do independentismo.

Non quero eu dicir que ambas as dúas circunstancias, a da negociación política e a xudicial, estean suxeitas a unha teledirixida e forzada realimentación. Pero si que se estarían producindo nun clímax máis propicio, aquel no que tanto a dinámica electoral —o 10N volveu situar a escaldada pelota da crise institucional no tellado dos partidos— como a opinión pública española —suxeito sufrinte de infestas campañas guerracivilistas— deron sinais de esgotamento.

O inesperado abrazo de Sánchez con Iglesias a prol dun goberno de coalición ten a súa razón de ser nese humus. E por máis que a sentenza condenatoria dos seus líderes embarre o terreo e sigan sendo por iso presos políticos con denominación de orixe, o independentismo máis pragmático —maioritariamente ligado aos postulados ideolóxicos e sociais de ERC— está máis en modo conquista cívica que en modo avión. Que queiran levar á axenda da mesa de negociación co PSOE e co goberno de Madrid o dereito a decidir e a amnistía para os presos do procés cae de caixón. Entre a moción de censura que lle deu a Sánchez o acceso á Moncloa e esta nova reedición do consenso parlamentario a prol dun goberno progresista, hai unha sentenza esmagadora do Supremo. E tamén unhas eleccións cataláns en perspectiva. Pero para que o conflito político de Catalunya chegue algún día próximo a ter unha saída pactada e negociada, con ou sen referendo, uns e outros han ter que retroprogramarse. Sábeno e están por iso obrigados a comprometer unha axenda de despresurización para despois da investidura.

Velaí o significado político que teñen os tres votos particulares que rompen a filosofía do “todos a unha” —equivalente do “a por eles” policial— contra os rebeldes e sediciosos que impuxo hai tres anos o daquela fiscal xeral Maza, en aberta e clara sintonía co goberno do Estado. Porque abren a porta á racionalidade xurídica, que é a que os tribunais europeos están avaliando en relación coas causas que se seguen desde España, até agora con paus certamente humillantes, e a que en definitiva utilizará como criterio obxectivo o Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo.

Por iso é fundamental que o goberno progresista de coalición saia adiante. Alude a iso Jordi Sánchez na entrevista* que nos concedeu desde o cárcere. E ten razón.

______________________

(*) TEMPOS NOVOS nº 271, decembro 2019.