Domingo 5, Xullo 2020
Home Opinión MOMENTOS HISTÓRICOS

MOMENTOS HISTÓRICOS

por Carlos Méixome

Inicio a lectura dun documento político; refírome a un elaborado por unha organización política. Dise o pecado, non o pecador. Comeza: “Neste momento histórico…”. A tentación de non seguir lendo invádeme; só unha certa respectuosa disciplina me  obriga a continuar. Chego ata o final con esforzo. Agás o do “momento histórico” que segue remoendo nos miolos, o demais esvaecese.

Sempre me chamou a atención que as máis diversas esquerdas acudan, con excesiva frecuencia, a unha pulsión obsesiva por vivir momentos históricos. Canto máis escoradas, cando menos na fraseoloxía, cara á “rive gauche”, máis se lles nota. En cada recuncho hai un momento histórico, ou cando menos un instante fulgurante. Estes momentos de solemnidade brillan con intensidade cando no horizonte, máis ou menos próximo, se albisca unha contenda electoral. Daquela, o momento, o instante, o intervalo, o intre, o lapso temporal, elévase na súa misticidade histórica para virarse en transcendente.

Tamén me chama a atención a fraxilidade desa obsesión na franxa do arco político que exerce o poder, quizais, con maior propiedade, debésemos dicir o goberno. Esa tensión pola historicidade do momento vai diluíndose a medida que nos achegamos aos centros de decisión, dunha ou outra banda da fantasmagórica demarcación ideolóxica, aínda que sexan do fragmentado e diminuído poder político actual. A eles só lles preocupa o instante. Será por iso por que gobernan? Por  outra banda, os que exercen o poder de verdade, o económico, viven só no día a día, sen ningún sentido da transcendencia, tomándose a tensión diariamente nas raíñas que soben e baixan nos paneis das oficinas bursatis.

Aínda que nos últimos tempos tamén inzaron na “rive droite” os entusiastas do momento histórico pasado. A teórica, e real, diferenza entre eles é que para uns o momento é pasado, é nostalxia; para outros é futuro, é ilusión. A nostalxia como argumento político é perigosa, ben por provocar parálise na acción ou xerar reacción ao cambio. Por iso, un coma min é un iluso.

Superado o horizonte electoral, comprobado que o momento pasou, que o fracaso aconteceu de novo, que o momento histórico fica para o futuro, chega o momento da análise racional. Daquela, con rigor, esmiúzanse os “factores esóxenos” que permiten comprender os magros resultados, non agardados, pero condicionados pola dificultade das circunstancias puntuais. Tras o exercicio de racionalidade colectiva, cada quen vaise ao seu recuncho remoendo o fracaso e a frustración que só mingua coa nova  rutina.

Meu avó contoume que cando meu tío-avó Nilo era un mozote, enfadouse, por non ser o primoxénito. Este, meu avó, exerceu a xefatura da casa durante décadas acompañado polo seu irmán solteiro, o meu tío avó Nilo, que levou unha vida de aventuras, en especial na súa imaxinación.

O caso é que ao Nilo  déuselle por se meter na cama. Pasaba os días amouchado baixo mantas e cobertores; erguíase para espelicar unhas miudezas á hora de xantar ou cear para  entobábase de novo no seu cuarto. A súa nai, miña bisavoa polo tanto, comezou a preocuparse. A familia tamén. Todos lle preguntaban que lle pasaba. Nilo baixaba os ollos, remoía un boh! ou un bah!, machicaba un nada! e retornaba ao seu escondedoiro. Miña bisavoa comezou a preocuparse de veras. Foi entón cando decidiu entrar no cuarto e falar con el. Nilo estomballado, envolvido en cobertores e coa cara baixo a almofada, non respondeu aos primeiros “que che pasa?” da súa nai. Esta chegou a enfadarse. Arrombou os cobertores e a almofada,  xeniúda como era botoulle un “que che pasa?” dos que hai que responder.

– Boh!, o que eu quero é mandar -respondeulle o meu tío-avó Nilo.


Novidades