por Xurxo Borrazás
“As nosas desgracias derívanse de non sabermos quedar sentados e sos no cuarto”. Nunca a frase de Pascal pareceu ter máis sentido.
Nun capítulo d’Os Simpsons no que Homer vén de vivir un momento de gloria comenta: “A fama parecía unha droga pero o que máis se parecía ás drogas eran as drogas”. Coa mesma lóxica esmagadora, o coronavirus ensinounos que un contido dixital popular espállase coma un virus, pero o que máis se espalla coma un virus son os virus mesmos. Igual as autoridades non viron ese capítulo e por iso non souberon calibrar a que nos viña enriba.
Non estou seguro de que a cita da serie animada sexa un chiste, a de Pascal non me cabe dúbida de que si o é.
*
Di o proverbio inglés: “Cruzaremos a ponte cando cheguemos a ela”, algo semellante a non poñer o carro diante dos bois, ou a venda antes que a ferida. A respecto da Covid-19, estas chamadas á calma en forma de cuñadismo de refraneiro podo permitirmas eu ou vós a esbardallar na taberna. Os políticos deberían limitarse a prever a evolución con diferentes escenarios, especialmente se son tan predicibeis coma un virus e cando desde outros países soaran todas as alarmas.
Actuar só cando non queda máis remedio, para que non nos acusen de non ter feito abondo, é comprensíbel a nivel humano: ninguén vai ao dentista cada seis meses. Diante dunha catástrofe, os políticos están para empurrarnos a ir ao dentista cando nos dá preguiza, a inacción temerosa de prexudicar a economía é unha ruína. Dito isto, o que agora parece predicíbel non debe selo tanto cando ningún país parece dar coa tecla.
Con iso e todo, non podemos volver pasear o Prestige pola Costa da Morte mentres lle abre a fenda no casco, e a iso chamarlle “modular a resposta”. Se un bebé cae ao río, non agardamos varios segundos antes de tirarnos a salvalo porque uns segundos sen respirar ben os aguanta. Deben estar todas as pontes listas, non cabe deixar pasar dúas semanas para dicir que dentro duns días esperamos recibir equipos de protección para que o persoal sanitario non teña que envurullarse en bolsas do lixo e film de cociña, ou que estamos a buscar respiradores pero estanlles a subir o prezo aproveitando a nosa necesidade. Que teriamos perdido se mercásemos o equipamento antes? O refraneiro reborda de consellos do que fai alguén con sentido común: máis val previr que curar, a saúde é o primeiro, unha puntada a tempo aforra un cento…
*
As crises sanitarias non se combaten como fixo Europa, imprimindo billetes a cambio de pechar fronteiras e sálvese quen poida. Tampouco entoando o “malo será” primeiro e o “eche o que hai” despois. Moito menos con declaracións de guerra dos militares, combátense facendo exactamente o contrario do que fixo Núñez Feijóo: con partidas dos orzamentos, non reducindo camas nin clausurando quirófanos, mantendo os pediatras, non pechando paritorios, non ofrecéndolles a médicas e enfermeiras contratos de días ou horas, non construíndo hospitais coma o de Vigo para entregárllelos a fondos privados internacionais que acaban saíndonos polo triple do que sairía un público, para despois encontrármonos con que non hai cartos para UCIs, ambulancias ou máscaras protectoras. Ben, máscaras di Feijóo que si as mercara con antelación, medio millón, só lle faltou repartilas. Como non lembrar tamén neste momento a macarra Esperanza Aguirre encarándose chulesca co caramelo na boca e intimidando as enfermeiras das mareas brancas que protestaban polos recortes na sanidade pública?
*
A teoría sabémola todos, Os incendios apáganse limpando o monte en inverno. No verán, unha vez que prenden e gañan forza, pouco máis se pode facer que agardar a que chova, que pare o vento ou que non haxa máis leña para arder. Os incendios apáganse antes de que prendan, porque no verán van prender.
As inundacións evítanse limpando os cauces e as beiras nos tempos de seca, ordenando o urbanismo a carón dos ríos e nas ramblas, para que non se constrúa nas chairas de inundación nin se canalicen as arroiadas polas rúas convertidas en funís. As inundacións evítanse antes de que chova a caldeiros, porque sabemos que vai chover a caldeiros. Porén, a política habitual é a de limpar e “xa estás p’a outra”. Retiramos a lama, pasamos un mangueirazo, reconstruímos os paseos marítimos e agardamos polo próximo temporal.
Outro exemplo de tren cuxo descarrilamento observamos extáticos no canto de frealo, antes de acudir a axudar heroicamente as vítimas, é o cambio climático, fronte ao cal temos unha reacción semellante á da Covid 19. Sobrereaccionar prexudica a economía, malo será que se dea coa forza que anuncian, a natureza autorregúlase, agora vén o bo tempo e iso dificultará a expansión do virus, co cambio climático os veráns van ser máis longos, o virus só lles afecta aos anciáns con patoloxías previas, non deixa de ser unha gripe, etc. Mesmo saíu un médico dicindo que tivera resacas peores, un twuit á altura do dictador bielorruso: “ese virus cúrase con vodka”.
O resultado vai ser peor que os titubeos dos políticos, imos cara a imitación do modelo de éxito, o capitalismo autocrático dixital chinés. De momento xa nos adaptamos disciplinadamente a un estado de excepción virtual, con milleiros de mortos e outra recesión de cabalo ás portas, mando único e o exército a tomar o control das rúas.
___________