Domingo 28, Novembro 2021
HomeOpinión MIRANDO CARA A ACOLÁ

[RELATO] MIRANDO CARA A ACOLÁ

Digo sí, digo non, / ningunha cousa é certa. / Son un longo camiño /que en mín erguéu a terra. (Antón Tovar, do poema Eu, O vento no teu colo).

 

Un relato de Xosé Antón Jardón

Ás veces, só ás veces, acontécennos cousas estrañas, andrómenas ao fin e ao cabo, que talvez só padezamos os cargosos doentes de anomalías conxénitas. Pois iso. Saímos rumbo a Chaves, dispostos a atravesar Portugal de norte a sur, logo cruzar o Guadiana cara a Ayamonte e, dende acolá, regresar axiña ao punto de orixe para non alongar o baile demasiado, non vaia ser o demo que o descoido da perspectiva nos acabe disipando a identidade entres postas de bacallau, pescaítos e lascas de xamón de marráns azacotados con landras crúas.

Ás dúas horas de autovía unha das próstatas que nos acompañaba, aborrecida e impaciente, imploroulle a chofer que se detivera. Paramos en Lamego e, ao entrarmos no bar, recibiunos unha señora de corpo abundante que nos despachou tarde, mal e nunca. Soprounos seis euros, un e medio por cada café, malia que esta bebida en Portugal soe ser máis ben barata, por tanto chegamos á conclusión de que aquilo ou era unha estafa ou unha equivocación. Non pedimos explicacións e seguimos o camiño. En Aveiro paramos para xantar. No restaurante dirixíronse a nós en español a pesar da nosa afábel teimosía por falarlle en galego –ou case en portugués– mais non houbo maneira. Así que, se a taberneira de Lamego nos tomou por primos, a de Aveiro decidiu tratarnos de cuñados. Ao aterrarmos nas terras do Alentexo a cousa foi a peor; non só nos recibiron en español senón que, nun par de establecementos, os nosos anfitrións nunca ouviran falar de Galicia.

Menos mal que, ao chegarmos a Ayamonte, o fulano que nos tirou as fotos, un turista de Caminha, nos preguntou se eramos brasileiros. Dixémoslle que si, claro. Cando a cousa semellaba que se ía endereitando, todo foi ao carallo: por moito que lle porfiamos, a recepcionista do hotel tentouno de mil maneiras, mais foi incapaz de pronunciar Xosé. Iso si, dicía Shaquira cunha naturalidade espantosa. Cruzamos Extremadura e parte de Castela e León sen conseguirmos que alguén dixese Xosé. Ao chegarmos a Sanabria o do restaurante preguntounos se a nosa reserva estaba a nome de José e, ao ouvirnos falar en galego, a escape nos dixo que era de Monforte. Mátame, camión!

[O meu tío Lisardo pensa que estas cousas tan insólitas só nos pasan a nos, e seica é por perdermos o tempo mirando cara acolá, á espreita dos biosbardos, no canto de centrarnos no noso, para desacelerar a nosa imparábel disipación no medio da perpetua escuridade].


 

Novidades