Domingo 25, Xullo 2021
HomeOpiniónMATAR LIRICAMENTE

MATAR LIRICAMENTE

por Rexina Vega ilustración Andrea López

Vale!, as letras de Pablo Hasél son vomitivas, non tanto polo fondo como pola forma, hai que ter moi mal karma para facer rimas coma estas:

Yo soy la bomba, por eso me rastrean obsesivamente.
Se siente agente, los maté líricamente.
Usted no nos protege, porque si lo hiciera.
Metería a poderosos en la trena con condena eterna.
Chiste de mal gusto, el Estado me querella.
Injusto como que no muera de gangrena en el ano Ana botella.

De acordo, pobreza conceptual e inexistente sentido do ritmo, pero interésame iso de “matar líricamente”, porque aí está, coido eu, a cerna da cuestión. O sentido figurado, a imaxe, a metáfora. Somos culpables das nosas metáforas? Debe esixírsenos condena por imaxinar?

O dereito á liberdade de expresión é un dos dereitos máis luminosos que as sociedades democráticas foron quen de acadar. E eu, que comecei a ser un ser racional xa nunha sociedade que ía cara arriba, cara á liberdade, e nunha xeración que derrochou consignas punkarras explícitamente violentas sen que pasase nada, non acabo de entender en que momento xusto se fanou todo.

O marco conceptual que permite castigar o que non se quere oír comezamos xa a compralo canda os asasinatos na redacción do Charlie Hebdo. Non hai tanto, aínda que pareza outra vida, dada a aceleración do noso presente, comezaron a chantarse os límites. Non, non se pode unha rir de todo. Así, moitas e moitos benintencionados progresistas viron na caricatura de Mahoma un exemplo de eurocentrismo, unha chata moral, un asasinato lírico. Non, non todas e todos foron Charlie Hebdo.

Recordo que por aqueles días de 2015 andaba eu encerellada nunha polémica moi agre no seo da miña universidade. Un compañeiro do meu departamento organizara unha campaña por terra, mar e aire contra un cargo administrativo que empregaba as listas de correos do noso campus para facer literatura satírica e pornográfica disparando en clave contra todos os lugares comúns do políticamente correcto. Estaba claro o seu carácter de exercicio humorístico e tamén o tufo machista que había por tras dos chascarrillos de barra de bar. O caso é que ante ese xogo do administrativo, irreverente e de mal gusto, abofé, ese meu compañeiro viu unha fiestra de oportunidade. O meu colega, ao que lle vira mil e unha veces actitudes violentas coa súa parella e mais coas profesoras da área, decidiu ser o dedo acusador, marcar a súa superioridade moral sinalando ao rancio provocador como un machista perigoso ao que lle debía ser anulada a conta pública no espazo institucional. Entón foi cando comprendín o perigoso do marco no que comezabamos a instalarnos. Un machista encuberto acusa a outro machista lírico de machismo real e pide a anulación da súa voz en nome dos límites da liberdade de expresión.

Eu sinalei a perversión, baixo a que alentaban, claro está, loitas de grupos de poder, como un abuso que, en último termo, puña en cuestión a liberdade de todas, que nos facía a todas culpables das nosas metáforas. Si, si se podía rir de todo!! Eu porfiaba niso, en que a palabra crea unha realidade distinta que ten e non ten que ver co real, e que precisabamos preservar espazos nos que se poidan perpetrar imaxes que non nos gusten, que rexeitemos, que apaguemos coa nosa indiferenza ou co noso cabreo, pero que non borremos, prohibamos, censuremos. Miráronme mal.


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]