por Luís Álvarez Pousa viñeta Pepe Carreiro
Das crónicas saídas do “Foro de La Toja” non tira un máis que pullas e exorcismos. Se como os presentou a toda páxina o xornal dos Fernández Latorre son as “mellores mentes” de España, aviados imos. Foi todo como moito unha representación. Co rei na mesa, tocaba poñerse monárquicos ata na sopa. E ninguén como Felipe González e Alberto Núñez para exercer de turiferarios. Cumpriron. Con iso contaban os patrocinadores, a crème da crème do empresariado español, que veñen movendo Roma con Santiago para acoirazar o sistema de poder no que sempre fixeron Caixa, empezando por apoiar sen condicións a continuidade da monarquía. Os juancarlistas de antes mutaron agora en incondicionais felipistas. Xa que logo, non ían darlle entrada no Foro aos que, co emérito campechano á fuga e co rei en modo foto de Colón, confesándose cómplice do maxistrado Lesmes no pulso que desde o Supremo lle está botando ao Goberno, reavivan o debate sobre o temido referéndum de se monarquía ou república.
Con esa censura polo medio, mal podían tomar parte nas mesas de A Toxa os heterodoxos do pensamento contemporáneo. Mulleres e homes que teñen posto ao servizo da sociedade e do ben público a súa capacidade intelectual e a súa independencia como analistas e intérpretes do acontecer. Xa sucedeu na edición do ano anterior, e por iso, do que aventaron os ponentes —sempre os mesmos do bipartidimo e do Ibex35— nada máis se soubo. Pullazos e esconxuros contra os que teñen por okupas constitucionais e institucionais como os que reproduciron os seus medios afíns non dan máis que para alimentar o morbo nos platós televisivos.
Son, sen embargo, un síntoma do que actualmente atenaza as arterias dun país democrática e politicamente convulso. E ten por iso explicación que reparemos neles. Por iso e porque congregan a maior parte das grandes terminais do poder en España. Esa é a clave na que tamén hai que interpretar a batalla que se libra en Madrid poñendo como excusa —aínda sendo unha dramática realidade— o asedio ao que a ten sometida o coronavirus. A presidenta Díaz Ayuso, din que a discípula avantaxada do trumpismo en España, é tamén outro síntoma da degradación do sistema (institucional, político, económico, mediático) que padecemos. En ningunha outra comunidade territorial se concentran, e en boa convivencia, o poder económico desas mesmas terminais e as maiores tramas de corrupción política e empresarial do reino. Contando ademais cunha prensa encanallada que envelena o debate público, e que ao darlles amparo contra quen
ouse restarlles capacidade de decisión, contribúe a confirmar a capital no que xa é, o epicentro dun nacionalismo español paleto e excluínte.
Non nos pilla despreveñidos ese supremacismo de foro ou de bandeiras al viento alí onde a extrema dereita consigue ata un 16 por cento dos votos. Pero ben farían o Goberno de coalición, e os numerosos sectores que apostan por unha sociedade máis democrática, progresista, culta, solidaria e non excluínte, en blindala constitucionalmente con esas dimensións. Antes de que sexa demasiado tarde.