Luns, Abril 22, 2019

Home Opinión Lume e tópicos na Fraga

Lume e tópicos na Fraga

Xabier Vázquez

Artigo da revista Tempos Novos 179 (abril 2012)

“Veña, outra” penso mentres leo as primeiras novas sobre o lume, nesta ocasión, nas Fragas do Eume. E non hai fallo. Miro o Facebook e ferve a comentarios extemporáneos. Os xornais debullan os tópicos nun guión aburrido ata o fastío. Todos os personaxes do teatriño do absurdo posicionadas nun escenario perfectamente coñecido: o presidente da Xunta facendo de presidente da Xunta, a oposición de oposición, os xornalistas, perfectamente ignorantes da materia recreándose nos lugares comúns e, síntoo, non vou engadir iso de “con honrosas excepcións” porque eu non as vin.

De Tempos Novos chámanme para escribir este artigo. Penso que vale, pero tamén penso se non estarán aburridos de min e se serei capaz de repetir os mesmos conceptos dun xeito minimamente digno e ameno. E aquí estou, seguindo o guión de predicador no deserto con Gila nos meus pensamentos: Hola, ¿es ahí el fuego?

Cando o lume nas fragas aínda non estaba controlado, vexo fugazmente nun telexornal un alto cargo da Xunta que leva aproximadamente, calculo, uns 20 ou 25 anos no mesmo posto, cunhas breves vacacións durante o bipartito. Ao longo destas dúas décadas este home estivo en multitude de incendios por todo o país, con varios conselleiros e ata con dous presidentes da Xunta diferentes. É moito tempo, porén, repite exactamente o mesmo, fai o mesmo diagnóstico, fíxase os mesmos obxectivos. Penso que dende un punto de vista profesional, e tamén persoal, facer o mesmo durante máis de 20 anos e ter sempre o mesmo resultado negativo debera, como mínimo, forzarnos a pensar que en algo estamos equivocados. Pero non, non vexo dúbidas nas súas declaracións nin na súa expresión. Coincidín con el nun par de ocasións hai tres lustros e pareceume unha persoa intelixente, áxil. Pero acaso non é isto o que lle pasa a toda a sociedade galega? Aquí hai algo que non entendo, somos un pobo de case tres millóns de cidadáns sen capacidade algunha de reflexión crítica? Persoas sen interese ningún pola comprensión dos problemas aos que as desastrosas evidencias lles son indiferentes?

Por suposto, o presidente da Xunta, nesta ocasión interpretado por Feijoo – como antes o foi Albor, Laxe, Fraga ou Touriño– fai unhas afectadas declaracións, nas que destaca esa magnífica revelación de que o incendio foi provocado. Os xornalistas apresúranse a tomar nota de tan transcendente develamento e mentres as tendencias fascistoides corren como o lume por redes sociais, dixitais ou non, transcendendo partidos e inclinacións políticas máis ou menos explícitas: endurecemento das penas, castigo exemplar, cadea perpetua e ata pena de morte! Préndese a retórica do absurdo ao cualificar un feito de “terrorismo”, imprevisible por definición e polo tanto sobre o que as políticas públicas pouco poden facer salvo labores policiais, é dicir, como se as administracións non tivesen realmente responsabilidade ningunha coas súas políticas.

En definitiva nada novo. Por suposto un lume no monte pode ser debido a causas naturais coma un raio, a causas accidentais como un cable da luz, debido a descoidos, a imprudencias, etc. pero o habitual é que detrás do lume haxa un humano cun chisqueiro, así que que ten isto de nova?

O lume como consecuencia

Se miramos imaxes de satélite do norte da península ibérica do día no que se orixinou o incendio e anteriores vemos unha gran cantidade de lumes, en Galicia, en Portugal, Asturias e León, etc. Así que un primeiro apunte: é unha cuestión de orde xeral, non puntual, polo que, no caso de que o lume nos preocupe seriamente, cousa que dubido, deberiamos estar ocupados todos os días do ano, non cando un lugar senlleiro arde ou cando o lume se aproxima ás áreas máis densamente poboadas de Galicia, como no 2006.

Agora ben, o lume non é un problema en si. En realidade é unha consecuencia máis de varios problemas interrelacionados e complexos que actúan nunha sinerxía negativa. Afeitos á simplicidade na vida pública, ao populismo en definitiva, resulta complicado que a sociedade reflexione seriamente sobre este fenómeno.

O lume é un elemento máis de moitos ecosistemas ao longo do planeta, unha perturbación forte, sen dúbida, con efectos sobre ecosistemas espallados polas máis diversas áreas bioxeográficas. Moitos deses ecosistemas dependen do lume para manterse ou teñen elementos especialmente preparados para combatelo. Por non buscar exemplos no Serengeti, Yelowstone ou Australia baste lembrar que as nosas sobreiras teñen a cortiza que teñen como protección para o lume ou que as nosas reboleiras compiten con éxito tras un incendio.

Indignados polo das Fragas do Eume a dialéctica populista di lumes nunca máis como se iso fose posible, ou mesmo desexable. Non é posible pola simple razón de que existe unha grande cantidade de material combustible no monte e hai unha grande cantidade de persoas nel, polo que dun xeito ou doutro algo vai arder, tarde ou cedo. E non todos van ser provocados por delincuentes, tal e como xa se ten máis que probado polos corpos de seguridade do Estado que, cónstame, fixeron un labor máis que rigoroso neste terreo. Por facer unha comparación sinxela, pretende alguén que non se vulnere nin unha soa vez o código de circulación? Que todo o mundo respecte os límites de velocidade, pare nos pasos de peóns e ceda o paso? Non, verdade? As autoridades de tráfico melloran as estradas para que sexan máis seguras porque ao volante vai haber unha porcentaxe, pequena, de delincuentes, unha morea de estúpidos, bastantes despistados e mesmo modélicos condutores que poden ter un mal día.

O que nos debemos preguntar é se temos un modelo apagable e a un prezo razoable e admisible pola administración pública, neste caso a Xunta de Galicia. A resposta é que non, o noso modelo non é apagable. Por esa razón cada vez que hai un lume a situación devén en traxedia en vez de quedarse en anécdota.

Repoboar o campo

Para ter un modelo apagable primeiro hai que repoboar o campo, non de especies madeireiras exóticas, senón de labregos que mantivesen as actividades agrícolas e gandeiras, ollo! non as forestais, porque na actualidade o noso monte é un continuo de explotacións madeireiras con especies pirófitas de crecemento rápido. Si, refírome aos piñeiros e eucaliptos que teñen o seu propio “lobby” defensor por riba dos intereses do conxunto da cidadanía e por suposto da sostibilidade ambiental. Non vou incidir neste feito máis que para lembrar que un mes antes do incendio nas Fragas do Eume en varios xornais galegos, por suposto no máis subvencionado, aparecía unha plubirreportaxe sobre o eucalipto no que se chegaba a cualificar de “oro verde de Galicia”. Por suposto o tópico é que agora saia calquera defensor dicindo, sen base científica ou estatística ningunha, por máis que teña unha titulación, que a especie dá igual, etc. Tanta ignorancia non é inocente. Agora ben, non habería ningún problema en cultivar este tipo de especies, incluso de xeito continuo, se este negocio fose un negocio “normal”, en definitiva que tivese asumidos todos os seus custos: refírome a que se arde este tipo de negocio debería ser a industria e os propietarios quen directamente asumisen os cartos que custa extinguir o lume, en vez de ser todos, repito, todos, os que pagamos manter a súa maraña. Por facer a analoxía: se a vostede lle arde a súa casa ou o seu negocio, os bombeiros apáganllo pero logo tenlles que pagar o servizo do seu peto ou cun seguro que vostede ten contratado previamente. Isto é así para todo o mundo, menos, oh, sorpresa! para os propietarios rurais e as nefastas industrias do eucalipto e o piñeiro de baixa calidade. Son receptores dunhas colosais subvencións indirectas ás que outros empresarios non poden acceder.

Chegados a este punto e tal e como está o monte galego, o lume non só non é negativo senón que é necesario porque os pequenos lumes protéxennos fronte aos grandes lumes, inapagables, carísimos, desastrosos. O ideal sería ter unha paisaxe en mosaico con multitude de usos no espazo, sobre todo agrícolas e gandeiros; en definitiva, algo contrario ao tópico das concentracións parcelarias de monte.

As políticas públicas para o campo, dende os anos 40 e 50 do franquismo, e continuadas ata hoxe, foron todas encamiñadas a expulsar os traballadores do campo cara ás cidades. Con eles marcharon os seus cultivos, prados e o gando que retiraba toneladas e toneladas de biomasa combustible. A modo de exemplo, calculo que na parroquia onde naceu o meu pai, había non menos de 1.500 cabezas de gando ovino cando el era novo, hoxe 5, que unha veciña ten como entretemento a 20 km da cidade de Lugo. Unha práctica habitual dende o paleolítico é abrir pastos con lume. Nun contexto de hai 5 décadas non hai problema ningún; este xorde cando case non se fai e case non hai gando porque o lume pasa de ser puntual e moi pequeno a ter dimensións catastróficas.

Máis pistas de como cambiaron os ecosistemas nos últimos 60 anos? Antes había moitas perdices, coellos e lebres que son especies de hábitats abertos, hoxe son raros, como sabe calquera cazador, e pola contra son abondosos xabarís e corzos, especies de áreas cunha grande cobertura vexetal.

Como poderiamos recrear esa paisaxe hoxe en día? Sen dúbida difícil pero a dignificación da profesión de labrego, a agricultura e gandería ecolóxicas que poida vender os produtos a prezos dignos en mercados de proximidade é a liña para seguir. Esquecer as grandes empresas e as grandes superficies. Isto, visto o pico do petróleo (o esgotamento do recurso) e o prezo que os combustibles van ir collendo vai ser así en calquera caso queirámolo ou non. O mantemento por parte da Administración correspondente de pequenos lumes rápidos a baixa temperatura, a modo de parcheo, e a recuperación do pastoreo son solucións, difíciles por suposto, a seguir. Neste senso, chama a atención como moitos compañeiros ecoloxistas reclaman, fronte ao lume, unha nova política forestal, cando esta non é máis que unha das políticas que teñen incidencia sobre a cuestión; por exemplo é máis importante o prezo do leite que a política forestal en si.

Por suposto a adopción de medidas serias sobre o lume non a pode emprender un só partido político por moito que teña unha ampla maioría. Como os seus discursos políticos son miméticos e as medidas para adoptar son complexas, a longo prazo e, moitas delas, impopulares, é preciso un gran pacto de país, ou de estado, ou como queiran denominalo, e darse un prazo de 25 anos como mínimo para que algún resultado puidese ser apreciado. Ata o de agora non tivemos políticos á altura, ou máis ben, tivemos políticos á diminuta altura do pobo e os seus medios de comunicación.

Por que neste caso lles tocou ás Fragas do Eume? Quizais moitos ignoren que o que maioritariamente ardeu, non foi bosque autóctono, senón piñeiros e eucaliptos das partes altas. Se hai fraga é porque está nun lugar dificilmente explotable e combustible. Cabe preguntarse que fan estas especies nun parque natural. De paso preguntarnos se os parques naturais en Galicia teñen unha dotación orzamentaria e de persoal suficiente, se teñen sistemas de xestión axeitados, etc ou ben son simples figuras decorativas para contentar a uns cantos ecoloxistas, cumprir o teatro neste ámbito e de paso, figurar como reclamos para turistas incautos. Por suposto foi un desastre, pero non o maior que lles ocorreu ás Fragas. O maior foron os piñeiros e os eucaliptos, o abandono e a neglixencia. E por suposto, o propio feito de ser o “único” bosque atlántico que temos, isto é que non hai outro, non hai máis, a ninguén lle parece isto escandaloso e triste?

O lugar común é moi tranquilizador sobre todo cando ten cara de malo e se abona á novela negra. Neste caso había un culpable perfecto, unha mina no límite do Parque. Finalmente o lume parece que se iniciou nun único punto, quizais foi un descoido ou un propietario airado polo Parque Natural. Estultos, despistados e cabróns vainos haber sempre.

Mentres, ardía de novo o Xurés e ninguén dixo nada, recortados o corpo dos bombeiros forestais por parte do goberno da Xunta: é un xeito de recortar a súa permanencia nese goberno. Eles saberán que para iso teñen asesores.

E lembren, tal e como están as cousas, calquera lugar da xeografía galega, a excepción das áreas urbanas, é susceptible de arder. Cantos millóns estamos dispostos a malgastar para prolongar a situación?

Doume por contento se consigo facer dubidar a alguén.

Novedades