Luns 6, Febreiro 2023
HomeOpiniónLecturas sobre fascistas

Lecturas sobre fascistas

por Antón Baamonde 

O elemento máis evidente que nos leva a concluír que estamos ante un xiro da modernidade é a crise da idea de progreso. Da tecnoloxía todos esperan aínda enormes transformacións, pero xa ninguén pensa o futuro como unha liña continua de progreso indefinido. As ficcións máis populares conxugan o  poder da tecnoloxía e a percepción negativa do futuro dun modo distópico: Minority Report, Black Mirror. Á súa vez, o imaxinario está cheo de psicópatas asasinos e mortos vivintes.  

O medo e a falta de esperanza alimentan o radicalismo de dereita. Non, que se vexa, e polo que sexa, o de esquerdas. O ciclo histórico posterior ao trauma da II Guerra Mundial estivo marcado polo optimismo derivado da extensión do estado do benestar. Dende hai décadas, pola contra, vívese co permanente temor a perder o nivel alcanzado. A política é incapaz de ofrecer un horizonte de progreso.  

Como o poder dos mercados se xulga intocable –o que dista moito de ser certo como amosan ás claras as medidas tomadas por mor da guerra na Ucraína- a acción pública vólvese irrelevante ou circunscrita a aspectos irrelevantes. Partidos, Parlamentos, Gobernos absólvense a si mesmos a través desa falacia de toda obriga que vaia máis aló das cousas miúdas. A pesar de que estamos vivindo cambios tectónicos que, pese a isto, ou por isto, pasan desapercibidos. 

En fin, a frecha da historia vai cara atrás, e ninguén sabe cales podan ser os límites das novas formas de extrema dereita. Ou se o ultra nacionalismo e os novos imperios poden acabar, outra vez, en fascismo. Menos se sabe se a democracia liberal pode resistir sen perder a súa substancia. Tal vez regresan por iso os libros sobre fascistas.   

 D´Annunzio. El Gran Depredador, emblema de una época” ( Lucy Hughes-Hallet, ed. Ariel 2014) é unha estupenda biografía de Gabriele D´Annunzio. Hai unha relación entre o esteticismo decadente e o militarismo fascista? Se un xulga polo poeta e dramaturgo italiano, está claro que si (un pensa tamén en Mishima; os que consideren que o cinema anterior a 2022 merece unha oportunidade poden ver “Mishima”, o filme de Paul Schrader, 1985). De entre todas as cousas nas que  D´Annunzio atopaba pracer e beleza, a violencia e a morte sobresaían por dereito propio. A morbideza era o medio no que D´Annunzio se movía con máis facilidade. Era un depredador sexual prendado da morte. 

Era, tamén, un arribista e un fraude. Como el mesmo escribiu “O mundo debe convencerse de que son capaz de calquera cousa!”. Presentouse voluntario a combater e pilotar avións na I Grande Guerra –perdeu un ollo nunha acción-. Os avións, como despois a Marinetti e outros futuristas, eran  máquinas que excitaban a súa imaxinación. O nacionalismo que encarnou sona hoxe melodramático e impostado, cursi e falso, de tan retórico como é, pero canto maior era a hipérbole, máis éxito tiña entre os soldados aos que inflamaba. A saber como sonaba o esplendor da morte entre os combatentes nas trincheiras. 

Descontento do Tratado de Londres auspiciado por Wilson, no ano 1919 ocupou, cun grupo de conmílites, a disputada cidade de Fiume, que hoxe forma parte de Croacia. Nun século XX no que abundou, a República de Fiume foi o pico máis alto e disparatado do teatro político. Os irmáns Marx non podían soñar un despropósito maior. Non cabe dúbida do esplendor dos espectáculos da vella Roma, nin dos do Papado romano, pero o século XX superou toda escenografía anterior imaxinable. E D´Annunzio foi o gran director de escea que anunciou a época.  

Están histrionismo e fascismo ligados ? É outra pregunta interesante. No caso de D´Annunzio a sobreactuación está ligada á megalomanía. Estaba namorado de si mesmo. Pero histrionismo e megalomanía son elementos que conxugou tamén Benito Mussolini, fundador do fascismo italiano e discípulo avantaxado da escenografía d´annunziana: o saúdo romano co brazo estendido, os cánticos e berros de guerra, a glorificación da virilidade e da xuventude, a patria e o sacrificio cruento eran elementos que estaban presentes en Fiume tres años antes da marcha de Mussolini en Roma.  

M”, biografía novelada en tres tomos de Mussolini debida a Antonio Scurati, ( ed. Alfaguara, 2020) é outro dos libros que se deitan sobre o fascismo. É unha novela, pero é un libro de historia. O ascenso do fascismo está narrado con espléndida claridade. A época estivo marcada pola Revolución rusa. Pero o que Curzio Malaparte aprendeu da revolución é a técnica do golpe de estado que toma a Trotsky como principal inspirador (“Técnica del golpe de Estado”, Ariel, 2017) . Dende logo, lendo a Scurati asombra como a organización das escuadras fascistas, que inrrompían na noite nas casas dos líderes campesiños socialistas para humillar e asasinar pais ante as súas fillas, conseguiron derrotar moi rápido a enorme hexemonía que as organizacións populares de esquerdas posuían en boa parte de Italia. 

As esquerdas pregoaban a revolución, pero non tiñan ningún plan. Mussolini, cabalgando sobre o medo á revolución de propietarios agrarios, clases medias e altas, organizou unha estrutura militar, chea ata os topes de chusma, excombatentes da guerra e lumpenproletarios, que soubo conducir, polos meandros da historia, ata o poder do Estado. Puxo o Estado baixo o mando do fascio mandando, entre outras cousas, asasinar a Matteotti, deputado socialista (pódese ver “O caso Matteotti”, película de 1973 dirixida por Florestano Vancini).  

O Estado, ese ente sobre o que outro fascista, este español, Giménez Caballero, dicía “El Estado es el máximo valor político y el mayor crimen es enfrentarse a él”. Máis ou menos o mesmo que pensaba o filósofo italiano Giovanni Gentile. No manifesto que escribiu con Ramiro Ledesma Ramos afirmaban ambos: “Corresponde al Estado y no a las urnas interpretar las esencias universales del pueblo español: La soberanía última residirá en él, y sólo en él”.  

Calquera  día alguén nos descubrirá a Giménez Caballero que certamente foi histriónico, hiperbólico e extravagante como os italiáns que amaba e emulaba. Coma eles, asociou Imperio, nacionalismo e virilidade: “Nacimos para mandar” “Somos un país fecundo, genial: genital. Somos raceadores, donjuanes, magníficos garañones varoniles de pueblos”. Non fan falta sofisticados analistas do falologocentrismo, Derrida nin Deleuze, para interpretalo.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]