Fartámonos de reivindicar unha Real Academia viva.
Conectada coa sociedade. Aberta a canto ten na contemporaneidade, e no mundo
global, un montón de desafíos aos que han ter que enfrontarse a cultura e a
lingua do país. Porque nelas está o noso ADN colectivo, e son os académicos e
académicas os e as que se deben á causa de darlles sentido e significado.
Quérese dicir, significalas nese mapamundi de culturas e de linguas que, para
sobrevivir, han de estar en permanente estado de revista. Ocorrerá non só
porque están activadas pola identificación que con elas ten o pobo, tamén
porque reciben o salvoconduto dunha cidadanía que lle dá a ese pobo unha
dimensión política, e porque contan con institucións que as auscultan, lustran
e defenden, pechando así o círculo que as significa e diferencia.
A cultura e a lingua de Galicia non conseguiron polo de
agora a converxencia deses tres estadios. En boa medida porque aínda non
conquistaron na dimensión necesaria o status político –a conciencia e a vontade
de compartilas. A RAG é por iso a institución sobre a que recae con maior
intensidade a representación simbólica desa converxencia por facer. Velaí a
dificultade de asumir que un problema interno, criticable sen dúbida –a
contratación de persoas con parentesco académico non é ilegal, pero non por iso
é aceptable– acabe nunha crise que pode comportar consecuencias indesexables.
A dimisión do presidente Méndez Ferrín, que desde hai tres
anos levou o timón da nave cunha exquisita lealdade institucional e social, non
debería serlle aceptada. Por dúas razóns: a dimisión parece unha resposta
desproporcionada en relación co sucedido –sen que as reaccións do grupo de
académinos non ferrinianos teñan contribuído tampouco a xustificala–, e
non sería senón un torpedo que abriría en canal a Academia. Volvan as augas á
súa canle, debatan un regulamento interno que axuste os procedementos e sigan,
con Ferrín á fronte, dándolle lustre e poñendo na axenda pública a institución.
O Pobo é quen máis ordena
Unha crise total. Porque están confluíndo nela a económica,
a política e a moral. Con máis radicalidade ca nunca. Ao tempo, e por razóns de
moi variada gama, entre as que é preciso subliñar a incapacidade que amosan as
institucións democráticas para desafiar os dogmas da Troika –entre eles, o do
déficit, como principio e fin de tódalas cousas–, cada vez nos sentimos máis
orfos. Á triangulación desa crise total hai que sumarlle, xa que logo, a de
representación. Os gobernos, e as organizacións que os sosteñen, burlan
programas e compromisos selados nas urnas, como está a facer o presidido por
Rajoy, sen outro norte que o de satisfacer a voracidade dos banqueiros alemáns,
que teñen na señora Merkel á súa máis fiel colaboradora. Agora con maior razón,
porque empezan a sentir tamén a sacudida europea, a recesión, que tanto
contribuíran a provocar.
Non é de
estrañar que os partidos perderan esa súa dimensión representativa, ou de
mediación, tan necesaria en tempos de tribulación. Non son de fiar. Nin eles,
nin os seus líderes, que aparecen unha e outra vez encabezando a táboa
clasificatoria da desafección cidadá. Nunca en tan baixas cotas de desconfianza
estiveran nos anos que levamos de democracia. Co partido dos gobernos de España
e Galicia en coiros -nunca dera unha organización política tantos síntomas de
dopaxe–, e con máis de trescentos políticos imputados en parlamentos, gobernos
autonómicos e concellos, a cidadanía pasa da desconfianza á indignación. A un
paso da insubmisión e da rebelión. A vangarda cívica volve ter no maltratado
Portugal o detonante. Que millóns de humillados e indignados cidadáns lusos
retomen o Grándola, vila morena, e que milleiros de pancartas teimen no
grito revolucionario de que o pobo é quen máis ordena, non debera pasar
aos arquivos sonoros como se dun desafogo nostálxico se tratase.
Os mortos de Bárcenas
Pode ser Bárcenas o sepultureiro de Mariano Rajoy? Pode.
Cada día que pasa sen que nin el nin o PP dean pasos que desdigan os moitísimos
indicios que apuntan a que o ex-tesoureiro foi durante anos o enlace que a
trama Gürtel tiña na sede central do partido, é unha pada máis na sepultura.
A declaración selectiva que fixo da súa renda –só a partir
do ano 2003– non é máis ca unha cortina de fume coa que enmascarar a verdade.
Teña ou non finalmente esa verdade carga delitiva. Se, como sinalan os papeis
de Bárcenas publicados polo diario El País, cobrou sobresoldos procedentes de
escuras doazóns, cousa que á fin se decidiu a investigar o mesmo xuíz que
avanza, aínda que con excesiva lentitude, en destripar todo o relacionado coa
rede Gürtel, non ía incluílos nas declaracións. Destas unicamente se deduce
que, ao tempo que recortaba recursos e dereitos animando a soportar o
sufrimento, decidía subirse o soldo do partido nun 27 por cento. E tampouco
teñen forza de proba as contas en bruto do partido que tamén fixeron públicas.
O que de verdade tería relación directa co caso Bárcenas sería a contabilidade
detallada do PP durante os anos que están sometidos a sospeita.
Porén, máis alá dos mortos políticos aos que poida dar pé o
proceso aberto contra quen vén de confesar que chegou a ter 38 millóns de euros
no refuxio suízo, e avogando porque nada do que está detrás dese complot de
intereses que ten en catro gobernos autónomos –Madrid, Valencia, Baleares e
Galicia–, por unha parte, e no despacho que o home das finanzas do PP tiña na
rúa Xénova, pola outra, o seu escenario de operacións, quede impune, o que se
impón é poñer a cero a conta da democracia. Para volver a empezar con tódolos
corruptos e tódolos corruptores inhabilitados: para exercer en política, uns,
para contratar coas administracións públicas, os outros.