Mércores 30, Novembro 2022
HomeOpiniónInvisíbeis para Portugal, así vai Galiza...

Invisíbeis para Portugal, así vai Galiza…

por Alberte Santos Ledo

A relación dos galegos co norte de Portugal é cada vez máis estreita e frecuente. Ao longo destas últimas décadas ten progresado moito, malia que a algúns siga parecéndonos insuficiente. A súa aceleración podería axudar definitivamente a definir unha rexión socio-económica máis artellada e rica e a poñela no mundo.

Sen embargo, ao debuxo desa colaboración fáltanlle cabezas e planificación para que os avances aceleren.

Precisamos que Portugal vexa a Galiza como unha parte cultural de si mesma e como aliado natural dun futuro en común dentro da Unión Europea.

Un dos regueiros estratéxicos que Galiza ten para medrar é a súa colaboración co Norte de Portugal. As posibilidades son moitas, pero precisamos que os dous países dispoñan na UE dun recoñecemento compartido que entenda que o noso e o deles está alén da cuestión fronteiriza. Porto soubo entender o seu lugar nesa rexión para no canto de depender de Lisboa, desenvolver unha estratexia propia e singular. As estratexias dependen -en boa parte- de quen está á fronte dos gobernos e os do noso lado nunca entenderon que Portugal é o mellor aliado de Galiza para o noso futuro. A súa competencia é un estímulo.

Pero o avance para dar un novo paso precisa que as sociedades que están a un lado e ao outro do Miño se miren doutro xeito. Nin Galiza ten recoñecemento en Portugal, nin Portugal en Galiza. O máis concorrente entre os dous países é quizais o que máis nos arreda. A lingua non é o que nos identifica. Os portugueses non ven a Galiza como unha parte do seu ecosistema cultural e informativo e os galegos -unha boa parte da poboación- seguen dándolle ás costas ao que máis nos achega a eles. Os dous países precisamos construír máis pontes de comunicación a través das institucións que nos representan, dos medios de comunicación, das organizacións empresariais e sindicais e da industria cultural no seu conxunto. A sociedade civil organizada ten que xogar un papel activo para que os congresos, os encontros institucionais, as declaracións de intencións morran ca súa clausura.

O número 300 de Tempos Novos, o que celebraba os primeiros vintecinco anos da revista, advertía unha vez máis a riqueza que supón a través do galego ter máis facilidade para entendermos en portugués. Pero para que esta conclusión enchoupe a mentalidade dos galegos precisamos que os portugueses entendan que a nosa lingua é irmá da súa, e que no canto de identificar a nosa fala como portuñol, o fagan como parte da súa riqueza. A economía galega non é nin tan valiosa ni tan influínte como outras do Estado e por suposto de Europa; pero é a que mellor complementariedade ten ca súa. Os gobernos e institucións portuguesas teñen que elevar o seu compromiso co noso país, coa nosa xente, para deixar de ser unha rexión fronteiriza e convertermos nunha parte dun proxecto en común. O ecosistema cultural do español non lle dá folgos ao galego.

A nós quédanos a necesidade de promocionar Galiza e o galego en Portugal. Se os nosos veciños non conseguen ver a nosa lingua como súa -respectada e considerada-, as posibilidades de estreitar as nosas relacións seguirán sendo presas das intencións. Precisamos que Portugal vexa a Galiza como unha parte cultural de si mesma e como aliado natural dun futuro en común dentro da Unión Europea. Os programas de colaboración e promoción aos dous lados da ribeira do Miño son claves para que o berro de menos mal que nos queda Portugal non estea a anticipar o final do noso país (especialmente dunha lingua como a nosa que precisa de voces que a recoñezan e a prestixien).

Como dicía o escritor sudafricano J.M. Coetzee no seu libro Mocidade “o único importante é facer o que se debe, sexa pola razón correcta, pola equivocada ou por ningunha”. Así sexa entre galegos e portugueses.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]