Domingo 28, Maio 2023
HomeOpiniónInternet, entre a esperanza e a fraude

Internet, entre a esperanza e a fraude

Ninguén cuestiona xa a dispoñibilidade de Internet para fomentar espazos de mediación política. Sucede cando observamos a presenza e a operatividade que acadan na rede colectivos sociais non institucionalizados –conformando o que se deu en chamar redes cívicas. A facilidade coa que se poden instalar primeiro e dinamizar despois na rede, sempre para acadar obxectivos informativos e de comunicación interactiva, permite que sexamos optimistas respecto da porosidade de Internet a iniciativas de participación popular. E malia que aínda se está nunha fase de transición, cada vez se experimenta máis con ese poderoso instrumento en procesos e convocatorias electorais como a das municipais que veñen de celebrarse. Outro tanto sucede respecto da visibilidade á que poden acceder culturas e espazos xeopolíticos non coincidentes co do Estado-nación.

A existencia de redes cívicas dentro da rede de redes abre expectativas novas nesa liña política. Da súa operatividade beneficiouse no seu día o movemento altermundialista, que fixo de Internet un espazo social de relación, no que os distintos grupos organizados se intercomunican co obxectivo de presentar desafíos globais a provocacións igualmente globais. Tamén se evidenciou nos movementos que enmarcaron a chamada primavera árabe. Entre nós, aínda que en precario, palpouse ese efecto nas mobilizacións promovidas por Nunca Máis a raíz da pésima xestión que da catástrofe do Prestige fixeron os gobernos de Madrid e Galicia. Ábrense así parámetros de comunicación pública que eran descoñecidos até agora. Nesa dirección, Internet experiméntase como un instrumento cuxa tecnoloxía se pon ó servizo dunha causa social de alcance global, favorecendo prácticas democráticas que non serían posibles seguindo os métodos e os instrumentos de comunicación tradicionais.

Non é menos importante e decisivo que a rede de redes introduce un potencial identitario de múltiple extracción social e cultural, reequilibrando os efectos dunha globalización desbocada, que se ceba en estandarizar e homoxeneizar canto toca. Os niveis do local, do nacional e do internacional, ate agora impermeabilizados entre si, amósanse interrelacionados, asociados. A diversidade asenta no ventre da globalización, e a iso contribúen tanto a converxencia tecnolóxica que se produce a partir da informática e das telecomunicacións como a interactividade que xeran os medios máis avanzados, facilitando así ámbitos de resistencia singulares. Revalorízase o local, ó deixar de ser un simple referente xeográfico para converterse nun factor de alta significación política e económica, que se adapta a dúas das grandes necesidades das políticas de comunicación modernas: os intereses políticos da desterritorialización a que dá lugar o proceso de descentralización que propician as novas tecnoloxías, e a participación democrática que é posible gracias á aparición de novos medios e de novas canles de comunicación interactiva.

En definitiva, as identidades –as culturais e colectivas, por unha parte, e as socialmente emerxentes– teñen nesa arribada tecnolóxico/comunicacional unha oportunidade única para revalorizarse. Iso si, formando parte de procesos históricos configuradores de modelos sociopolíticos abertos e dinámicos, o que obvia toda interpretación esencialista. Non podería ser doutra maneira, pois que a clásica definición de identidade precisa complementarse, necesariamente, cunha definición sociocomunicacional. Quere isto dicir, porén, que as identidades dependen necesaria e imprescindiblemente dos medios, dos novos medios en particular, para reafirmarse fronte ó vendaval homoxeneizador da globalización, ou se se quere, da mundialización.

Non obstante, tanto a vía aberta á intercomunicación de grupos ou colectivos que teñen obxectivos en común á marxe das distancias físicas e socioculturais en que se atopen, como ese potencial desterritorializador, garantía da supervivencia da diversidade no ventre da globalización, non operan espontaneamente. Están fortemente condicionados polos usos dos aparellos que fan posible a converxencia tecnolóxico/comunicativa. Non falamos de memoria. Hai informes moi serios que denuncian unha progresiva involución ó respecto, subliñando a submisión das novas tecnoloxías a estratexias que en maneira algunha referendan as premonicións dos tecnoutópicos. Internet, neste senso, non se libra do pragmatismo managerial ó que alude o comunicólogo francés Mattelart –función exclusivamente xestora– que penetra en todos os niveis (local, nacional, internacional, supranacional ou transnacional) coincidindo co ascenso da doutrina, ideoloxía máis ben, da globalización.

Esa función xestora impóñena –impóñenlla previamente– as tecnoloxías en rede co obxectivo de se converteren nun referente para a organización da nova orde mundial en formación. Un proceso que non se explicaría suficientemente se non o contextualizamos na crise ideolóxica dos anos oitenta, que dá na explosión do neoliberalismo, facendo do mercado o principal órgano reitor e de goberno no mundo, apoiándose para iso nun discurso tecnocéntrico. Os efectos delimítaos moi asisadamente o experto Díaz Nosty: “Máis que o reflexo dunha vocación social, que sería a que podería obxectivar un verdadeiro cambio cara a unha sociedade da información, asistimos a unha incruenta pero decisiva guerra da información, na que non só se persegue o dominio técnico da infraestrutura, a comercialización das manufacturas culturais e informativas, a globalización dos mercados, senón a estandarización duns moldes sociais, a homoxeneización das identidades locais nos ámbitos de demarcación sociopolítica, o impulso en definitiva duns valores dominantes a través duns medios dominantes”.

Unha guerra que favorece fenómenos tan determinantes como o da concentración, que é consecuencia directa do reducionismo ideolóxico ó que leva a crise de ideas, así como da transferencia do poder de decisión e de regulamentación desde o Estado democrático ós xestores e administradores do poder económico, tendo ademais na súa base unha compoñente transnacional. É neste senso como a esperanza inicial que estaría detrás dese potencial cívico e descentralizador podería acabar en fraude.