Sábado 31, Outubro 2020
Home Opinión INCONTINENCIAS DUN PETULANTE EN FASE 1

INCONTINENCIAS DUN PETULANTE EN FASE 1 [RELATO]

«Pasaba o cazador
con bafexantes cans
arrecendendo a toxos e carqueixas
i eu tiña medo».

(O medo [O soño sulagado], Celso E. Ferreiro).

Un relato de Xosé Antón Jardón

En canto avistou xente sentada diante do bar, aquel tipo con cara de poucos amigos acelerou o paso máis do normal, calcando os pés contra o chan, como se quixese estrullar a casca do universo. Xa diante da cafetería, presentiu que os ocupantes dunha das poucas mesas que había na terraza estaban a piques de marchar. Foi entón cando o tal das polainas, agochado detrás dunha máscara de cor verde caqui cunha calcomanía da bandeira de España pegada preto da orella dereita, tivo ocasión de lucir as dúas pulseiras semellantes á estampa que levaba na cara. Amais diso, e da rechamante camisola sen mangas, chamaban a atención os inmensos xarretes dos brazos en forma de balón de rugby, decorados con cadansúa tatuaxe: no dereito, o escudo coa aguia de San Xoán e, no esquerdo, a silueta dunha muller espida de todo.

Sen darlle case tempo a que se fora o anterior cliente nin a que chegase o camareiro, aquel portento da natureza en forma de home, tinguido de vermello e amarelo, tomou posesión da mesa e a escape acendeu un cigarro.

–Bo día, señor. Se me permite, debería erguerse para desinfectar o mobiliario.

¡Tonterías! La culpa de esto la tiene Pedro Sánchez, por autorizar la manifestación del 8-M. ¡Tráigame una 1906 muy fría y un buen pincho de tortilla!

De acuerdo, caballero, ¿quiere algo más? –respondeulle o da bandexa, pasándose ipso facto ao español. Por se acaso.

En canto o do bar lle serviu o pedido, o patriota tirou o cigarro ao chan, para esmigallalo co pé, ao par de ir tras del todo apurado, decidido a entrar no interior do establecemento. Malia a súa petulante chularía, o camareiro non cedeu nin unha chisca.

–Se quere ir a servicio, debe agardar a que saia o que está dentro.

–¡Puto Sánchez de los cojones! ¡Usted es uno de los suyos!

Apertando o rabo entre as pernas e cada vez máis engurrado, foi indo devagar cara a terraza. Mais, como nunca hai dous sen tres, en canto chegou puido comprobar como aquel anaco de tortilla, que inicialmente semellaba medio queixo, se convertera nuns poucos migallos de pataca cocida esparexidos pola mesa adiante arredor da sinatura escrementicia dunha pomba agrisada.

–¡Esto pasa por el libertinaje que hai en este país, me cago en la leche negra!

Despois de espetarlle un couce á mesa, cada vez máis retorto, coas pernas encollidas e talmente encoladas unha contra a outra, o revirado visitante foise sen dar explicacións. E sen pagar, por suposto.

 [O meu tío Lisardo pensa que hai ocasións, nas que unha simple vexiga chea de líquido, a última parte do intestino ateigada de restos alimenticios ou a picardía dunha inofensiva pomba mansa son tan correúdas que mesmo poden facer domear a prepotencia e aparente valentía dos tipos máis varudos do mundo].

 

Novidades