Domingo 4, Xuño 2023
HomeOpiniónGuiñol de inquisidores

Guiñol de inquisidores

O encarceramento de dous titiriteiros acusados de enaltecemento do terrorismo, obviando para iso o fiscal e o xuíz a natureza teatral e satírica do espectáculo La bruja y don Cristóbal, move a pensar máis unha vez na involución á que nos levou unha lexislatura de resaibos tipicamente franquistas. Que para xustificar o inxustificable deduzan o suposto delito do maltrato que os dous artistas lle deron aos bonecos do guiñol, fai que á parte de ser, en palabras de Jueces para la Democracia, un atentado contra varios dereitos fundamentais, é un auténtico esperpento. O que sen dúbida puido abrir un debate sereno sobre outros aspectos relacionados coa programación e as características da obra, con doses de violencia ficcionada como en calquera outro espectáculo de monicreques, acabou en circo político, co PP e a dereita mediática sobreactuando cinicamente para reclamar idéntico castigo penal para a alcaldesa Carmena, e esta última defendéndose de maneira claudicante coa presentación dunha denuncia contra os encarcerados. Non foi posible, pois, que unha vez restituído o dereito á liberdade de creación artística dos titiriteiros, cos dous excarcerados e sen os condicionamentos que aínda pesan inxustamente sobre eles, debater sobre os límites da liberdade de expresión, a protección da infancia, a subvención con fondos públicos de controvertidas obras culturais. Pero non. Impedírono unha minúscula pancarta coa inscrición Gora Alka-Eta que, nun contexto de ficción, portaba un boneco que tiña como obxectivo non o de provocar a comisión dun delito de terrorismo, senón denunciar a manipulación policial de probas para condenar a outro por iso, e tamén o ruído do que sempre se acompañan os axentes e intérpretes dunha renovada inquisición.

De purgatorios e corsés

España está politicamente en stand by, nas mans dun goberno en funcións que ten un presidente enrocado na imposible tesitura de manterse no poder, e conseguintemente nas mans dun partido que vén de ser imputado por corrupción, sen atreverse a asumir a necesidade de purgar como organización a deslealdade democrática e o latrocinio público cometidos por moitos dos seus dirixentes e cargos institucionais ao longo e ancho de toda a xeografía política. Inútil resistencia. Non hai día en que a podremia alimentada durante tantos anos polas Gürtel, Púnica, Taula, Campeón, Zeta e demais tramas montadas para delinquir non agrande a metástase. O castigo das urnas non foi o suficientemente forte como para mandalo directamente á oposición, pero deixouno ás portas, no purgatorio das indecencias políticas. Ningunha outra imaxe máis nidia ca esa para facer visible, malia os sete millóns e pico de incondicionais que o seguen apoiando, a súa inmensa soidade. É a imaxe dun partido illado e noqueado. Cun condutor, Mariano Rajoy, que se move coma un zombi, espantado, sen outro obxectivo que o de morrer matando. A iso dedica todo o seu tempo de gobernante en funcións, dando instrucións aos ministros máis mamporreiros do seu goberno para que encirren os cans do medo, aínda que nas maneiras caninas de facelo desvelen agudas patoloxías. Por caso, a do ministro Fernández retomando o espantallo de ETA para criminalizar un hipotético goberno de cambio, ou a do lingoreteiro ministro Margallo buscando o mesmo co xihadismo. O terrorismo como arma partidaria, unha estratexia que tanto rédito lles deu sempre (sen que viran nunca niso unha traizón á memoria dos seus propios mortos, cando certamente o era). A Rajoy, correúdo e escasamente documentado nas teorías dos politólogos máis comprometidos, abóndalle con dicir que un goberno de cambio ou un goberno no que el non teña sitio non é democrático (sic).

Por ser o  responsable político dun partido con metástase de corrupción, pola covardía que demostra na estratexia de morrer matando sen atreverse a recoñecer que el é o problema e non a solución, por canibalizar de maneira tan miserable todo o que se move fóra do establishment no que tan cómodo e servil se mantivo durante a lexislatura da desigualdade e da laminación de dereitos e liberdades, Rajoy merece pasar ao anonimato. E permaneza o partido dos Rato, das Aguirre e Barberá, dos Mata e dos Camps, dos Bárcenas e dos Granados e tamén dos Crespos… no purgatorio da política, purificándose e pagando o prezo por unha tan brutal traizón democrática e constitucional.

Tal como especulan uns e outros en declaracións para consumo público, facendo diso un descarado seguidismo os medios de comunicación que optan non por vixiar con ollos críticos e cívicos o proceso de negociación para un goberno de cambio, senón por servir de altofalantes e de amanuenses desas declaracións, vai ser moi difícil que os partidos que veñen da oposición no parlamento e na rúa conflúan en programa e estratexia nese novo executivo. Sen que tampouco teña virtualidade a gran coalición, a non ser que o PSOE acepte suicidarse seducido polo patrioterismo barato dun PP que contamina todo o que toca. Non deberan deixar pasar esa oportunidade de conformar un goberno de cambio, forzosamente en minoría, ao tempo que articulan pactos de lexislatura con outras forzas progresistas. Para iso, Sánchez non tería que estar tan sometido a corsés que limitan o alcance do cambio pregándose de novo ás vellas políticas do bipartidismo quendista, arriscando máis alá do que para a Feijóo do sur e outros baróns de pouco pelo é o politicamente correcto, quérese dicir, o que está medido polas liñas vermellas que impón o PP, especialmente no relativo ao que tarde ou cedo será inevitable asumir, o referendo catalán. Iglesias tería entón que verse constrinxido por ese desencorsetamento, sacrificando os excesos de bravata política que tanto estila.

Todo menos ningunear o mandato das urnas: negociar e converxer no goberno do cambio. Ir a eleccións anticipadas sería un fracaso de todos.