por Luís Álvarez Pousa
O fascismo do século XXI non evidencia a súa natureza criminal mediante estentóreas e ruidosas manifestacións, como sucedeu nos anos previos ao da súa derrota, en 1945. Acomodou a súa estratexia, sen renunciar ao seu obxectivo de sempre: corromper todo o que sostén a endamiaxe dunha sociedade democrática, como tan ben o describe Philip Roth en A conxura contra América. Agora persígueo accedendo ao poder mediante as urnas e utilizando as institucións para eliminar dereitos e liberdades. Estámolo constatando alí onde cos votos dunha cidadanía de visión curta os neofascistas conseguen formar parte de gobernos en países tan significados como Italia, Suecia ou Finlandia. Agora tamén en España, onde os ultras de VOX manexan sen complexos os fíos da negociación cun PP cuxa única pretensión, e a dos poderes fácticos que o sosteñen, é a de ocupar a Moncloa.
Minimizar o risco que comporta darlles licenza para matar -a capacidade destrutiva que lles reporta o compadreo Feijóo/Abascal deseca a democracia- é cometer o mesmo erro histórico no que se incorreu con Hitler, un populista ao que se ridiculizou sen reparar no que representaba. Porque Vox xa deixou de ser unha ameaza para se converter nun perigo real.
Minimizar o risco que comporta darlles licenza para matar -a capacidade destrutiva que lles reporta o compadreo Feijóo/Abascal deseca a democracia- é cometer o mesmo erro histórico no que se incorreu con Hitler, un populista ao que se ridiculizou sen reparar no que representaba. Porque Vox xa deixou de ser unha ameaza para se converter nun perigo real. Probas? Preside varios Parlamentos, participa nos gobernos autonómicos de Castilla/León, Valencia e Extremadura -é posible que tamén nos de Aragón e Murcia-, e cogoberna coa dereita conservadora en moitos concellos. Ás portas do 23X, do compromiso que o líder do PP fixera na campaña das eleccións locais –“non permitirei que Vox entre nas institucións”- só quedan as cinzas. Machistas, xenófobos, homófobos, negacionistas climáticos e revisionistas (branqueadores do franquismo), antivacinas, censores moralistas…, todos terán asegurado neses ámbitos territoriais -moitos deles con salarios públicos de escándalo- o seu minuto de gloria.
Claro que un non esperaba de Feijóo outro comportamento. Os que o coñecemos desde que, sendo alto cargo do goberno de Fraga, disfrutaba de viaxes e paseos en barco na compaña do narco Marcial Dorado -buscaba abrigo social estimulado polo historial amistoso do PPdG cos capos do contrabando e do narcotráfico-, sabemos que el opera en política coas técnicas do trileiro. As súas tan cacareadas catro maiorías absolutas en Galicia, incontestables desde a pura matemática do voto, saíron en boa medida da prestidixitación coa que manexaba o poder -redes clientelares, coa prensa ben pagá rendida aos seus pés, e cos medios públicos sometidos ao seu servizo-, acudindo por iso ás eleccións dos últimos 16 anos tanto ou máis dopado que Fraga Iribarne, que tamén se beneficiou do mesmo corifeo mediático e dun orzamento electoral co 65% do total en diñeiro negro (Pablo Crespo dixit).
É capaz, por caso, de afirmar que “en tempos nos que a palabra dalgúns políticos non vale nada, eu reivindico a política da palabra”, horas despois de impoñerlle á lideresa extremeña do seu partido que sacrifique a palabra dada –“a miña palabra non é tan importante”, acabou dicindo a humillada- e acepte aos de Vox no seu goberno. E en canto plató televisivo ou almorzo das elites económicas ou corporativas participa repite sen o máis mínimo rubor o que alguén lle escribiu un día recolléndoo dun discurso do escritor e ex presidente checo Václer Hável: “Non me elixiron para mentir”. Pois si. Minte moi ben.
É un lince escamoteando dados e datos, aqueles que como os referidos á boa marcha da economía non cadran ben co vaticinio apocalíptico que prognosticaran el e os seus gurús, incluíndo os da reforma laboral contra a que botaron os boches e da que agora di -quen llo impuxo?- que é substancialmente boa. Pero acaba véndoselle o plumeiro en canto ten diante a un xornalista dos non empesebrados ou en canto se lle desordenan as notas no Senado, e acaba metendo a pata por ignorancia e escasa cultura política. E manipula de cine. Sobre todo cando o deixan á súa bola, como en El Hormiguero, sen que o entrevistador repregunte como sería o seu deber profesional porque o entrevistado está dicindo burradas, evidenciando así a súa maldade. Porque un non concibe que o candidato descoñeza ata ese punto algunhas das leis que, de saír elixido, se compromete a derrogar -a lei Trans e a lei da Eutanasia- ou reformar -a lei do Aborto-.
Os pactos coa ultradereita teñen un efecto demoledor no corazón da democracia. Por máis que Feijóo e os do seu clan xenovés o enmascaren, poñendo como señuelo o anti-sanchismo, o que os documentos pactados certifican vai moito máis alá dese xenérico obxectivo. Penetran no sancta santorum do noso sistema de vida e convivencia. Os ayusos, coa lideresa madrileña en plan trumpista, puxérono branco sobre negro: “Sánchez ou España”. E Feijóo asumeuno sen tatexar. Unha deriva tan extremista, por inconstitucional e antidemocrática: tódolos que non están comprometidos co antisanchismo, e non participan do credo e da idea monocor de España que eles teñen, quedarían excluídos por antiespañois. O que demostra, ademais, que o PP de Feijóo non só lles pon aos neofascistas a ponte de prata pola que entrar nas institucións e aproveitar os diñeiros públicos para destruílas desde dentro. Tamén lles compra o seu ideario. Nos documentos dos pactos quedan ao descoberto auténticas bombas de man contra dereitos e liberdades que tanto custou conquistar.
Que España se sume desta maneira á maré reaccionaria que está activada en boa parte de Europa, é aínda moito máis desasosegante. Por iso resulta tan chocante e escandalosa a complicidade partidaria de comunicadores, tertulianos e editorialistas da prensa dominante, algúns deles con pedigrí constitucionalista, que se suman ao Sánchez ou España cun argumentario negacionista que revolve as tripas. Que non lles guste un goberno Frankenstein -nome co que descualifican por prexuízos ideolóxicos ao executivo de coalición progresista- non debera comportar que alimenten a besta que podería acabar dándolle corpo a un goberno Drácula.
Emerxencia. É o que mellor define este proceso de progresiva neofascistización das institucións e da vida pública. Co Estado plurinacional e pluricultural en vías de volver á España do No-Do, dos touros e do folklore falanxista, e coa Europa que soñamos travestindo de esvásticas as estrelas da súa enseña confederal, non cabe outra que facer do 23X unha xornada de rebeldía democrática. Nas urnas, evidentemente.