Non hai no discurso de Núñez Feijóo nada que alente a idea dun país proactivo. A política
para el redúcese a un exercicio de matemática contable. Cadrar os números.
Velaí a súa única rendición de contas. E para iso, con trampas, como lle botou
en cara o Consello de Contas despois de que os seus o proclamaran campión do
déficit. Xa que logo, un gobernante que esgota o seu percorrido na súa
voluntaria condición de simple contable. Sen que lle trema a voz cando, para
demostrar a súa eficacia, bota man do que mellor sabe facer: xogar coas cartas
marcadas, á maneira dun trileiro que dá gato por lebre. Por caso, aparentar un
esforzo solidario -a baixada nun mísero medio punto do IRPF autonómico para as
rendas máis baixas-, que será inferior en vinte millóns ao que vai ingresar
pola suba xeneralizada do céntimo sanitario.
Non dá puntada sen fío. Mal fan por iso os medios e mailos xornalistas en enguedellarse coa
puntada -sempre expresada en porcentaxes e comparativas cegas, ocultando de
onde se partía hai cinco anos- e non tirar con sentido crítico do fío. Non
doutra maneira poden chegar ao nobelo da súa acción de goberno, descubrindo
entón que o que realmente o fai avultado non é outra cousa que unha enganosa, por
oca, landra de carballo. Desvelarían así os mantras ideados e divulgados polos
seus máis admirados mestres no oficio de enmascarar nos ruídos da crise a
verdadeira folla de ruta á que os conservadores españois, entre eles Rajoy e o
propio Feijóo, están entregados en corpo e alma. A mesma que nos anos oitenta
deseñara o reagantatcherismo, e que con tanta eficacia executan agora cantos fixeron desa doutrina neoliberal o seu
catecismo, do que son examinados cada dous por tres por bispos e banqueiros.
Todo o que nese seu discurso non é enxeñería contable soa a falso. Por retórico -esa bucólica
descrición do espírito emprendedor do pobo galego- e propagandístico -esa teima
en traducir a humanidade demostrada polos veciños de Angrois en heroicidade,
converténdoa por indución no ADN dos galegos. Unha maneira máis de utilizar o
drama para ensaiar, naturalmente con el á fronte, unha ficcionada epopea coa
que ocultar o oco das súas políticas e do seu goberno.
Por caso, as que dan para auscultar un país tolleito, con tódolos seus activos políticos,
económicos e culturais en barbeito, e teñen non obstante no seu discurso unha
sorprendente capacidade de fermentación, simulando heroicidade e solvencia alí
onde non hai senón resignación e inconsistencia. Despois de cubrir con po coa
carraca de que a crise se nos impuxo como unha maldición bíblica por manternos
teimudamente en estado de pecado -eis o mantra de que viviamos por riba das nosas posibilidades-, e despois de encirrar
poñendo a tope tódolos altofalantes mediáticos e gobernamentais ata conseguir
que cale a falsa idea de que non hai outra alternativa para saírmos dela que a da receita que mata o que queda
do noso estado de benestar, non cabe pensar en emprendedores, nin en activistas
ou rebeldes con causa, senón en resignados cidadáns. O da solvencia é unha
boutade presidencial. Como tal é facilmente desmontable. De entrada, unha
pretendida solvencia tería que apoiarse na fortaleza dos ingresos públicos, non
no contumaz recorte do gasto público, pero na Galicia de Feijóo sucede ao
revés. Os orzamentos caeron no último lustro case un trinta por cento, medrando
unicamente o gasto de carga financeira asociada á débeda pública e tamén o que
lustra os beneficios empresariais. En román paladino: o orzamento é agora o instrumento
básico que canaliza recursos públicos cara o capital privado e as finanzas.
Porque, malia os recortes que principalmente colocan contra as cordas as
políticas de benestar social e de emprego, a Xunta non consegue os obxectivos
políticos de redución do endebedamento público -máis que triplicado nestes
últimos cinco anos.
No argumentario presidencial -ao estilo Montoro desde que Rajoy lle deu corda para predicar a
boa nova de estarmos saíndo da recesión- a solvencia de Galicia seica lle vai
deparar o privilexio de ser a primeira comunidade autónoma en recuperar a senda
do crecemento. Preguntarémonos de novo como é quen vai articular o milagre,
porque o PIB galego non fixo máis ca decrecer en términos reais, estando por
debaixo da media española, como tamén o está no referido á renda dispoñible
bruta per cápita. Unha situación depresiva que ten o seu dramático reflexo na
fortísima caída do emprego. Desde hai cinco anos -os mesmos que leva Feijóo en
San Caetano- o desemprego medrou un 197 por cento en Galicia, totalizando a día
de hoxe a cifra de case 270.000 persoas sen traballo. O que fai que a taxa de
actividade -un 54’6- estea tamén por debaixo da media española, sendo a segunda
máis baixa no cómputo das taxas das demais comunidades autónomas, unicamente
superior á de Asturias.
Co caruncho migratorio engangrenando o corpo social. Pois que é a xente moza, a máis
preparada e a máis capacitada, a que leva o estandarte no novo éxodo: desde hai
cinco anos, case cincuenta mil mozos e mozas de entre 16 e 29 anos, a dous mil
por mes. Todo un drama, ao que lle quixo quitar ferro unha ministra frivolona
cando substituíu emigración por mobilidade exterior. Feijóo quixo ignoralo no seu discurso parlamentario. Como ignorou
que tamén Galicia está no mapa da corrupción, con máis dun cento de políticos
imputados, a maior parte deles enganchados ao voo da gaivota azul -o delegado
do goberno galego en Ourense e nada menos que dez dos trece concelleiros do PP
no concello de Santiago, entre eles-, tocados el e o seu partido pola estela
que deixan a este lado do Padornelo o sumario da Gürtel e os papeis de
Bárcenas.
De que solvencia fala nun país que ocupa os peores postos no ránking español da pobreza -650.000
persoas en situación de exclusión social, segundo Cáritas-, cunha das maiores
taxas da UE entre a poboación menor de 18 anos. Como tamén ocupa o posto 13º
entre as restantes comunidades do Estado no relativo ao desenvolvemento do seu
sistema de servizos sociais, sendo ademais a terceira que máis reduciu o gasto
neles -un 18’65 por cento entre 2009 e 2013. Solvencia nun país que segue a ter
as pensións públicas máis baixas do Estado, como moi ben experimentan os
737.000 pensionistas actuais? Solvencia, estando como está a xoia do seu
sistema financeiro -Nova Galicia Banco- a punto de ser vendida ao mellor
poxador, mentres pechan numerosas empresas por non teren acceso ao crédito?
Tanto fume olímpico non só distorsiona e esvaece a realidade, que é moi dura. Tamén
contamina a política -semellante insulto á intelixencia non pode senón provocar
un maior afastamento da política e dos políticos-, e por iso acaba sendo tóxico
para a democracia e a convivencia.