Sábado 10, Xuño 2023
HomeOpiniónFroita que é amarga

Froita que é amarga

Xesús Veiga

Aínda que non o recoñeza, Mariano Rajoy desexaría que todas as semanas dos vindeiros meses fosen como a que rematou o domingo día 1 de Xullo.O cumio celebrado polos dirixentes da UE tivo un desenlace menos negativo do que prognosticaban moitos analistas e, sobre todo, o tramo final da Eurocopa de fútbol concentrou unha parte importante da atención da maioría da poboación do Estado español. O éxito da selección dirixida por Vicente del Bosque conseguiu aliviar, momentaneamente, os síntomas depresivos que presenta, dende hai tempo, o corpo social. O recoñecido bo fútbol que practican os xogadores que compiten coa selección española alimentou un mecanismo de autoestima que reduciu a presión sobre uns gobernantes que non son capaces de sintonizar mesmo con aqueles electores que propiciaron –hai pouco mais de seis meses- a súa chegada aos despachos oficiais que agora ocupan.

A pretensión de converter os éxitos deportivos nunha fórmula para esquecer e/ou substituír os fracasos e deficiencias padecidos na xestión dos recursos públicos é case tan vella como a propia existencia deses espectáculos. No caso español, o fútbol ten sido un dos refuxios simbólicos utilizados polos defensores dun nacionalismo español excluínte para buscar a patrimonialización dos trunfos iniciados na Eurocopa de 2008, establecendo unha interesada ecuación entre a ledicia expresada por moitas persoas afeccionadas a ese deporte e a súa presunta adhesión a unha concepción de España negadora das identidades nacionais de Catalunya, Euskadi ou Galiza. Nesta ocasión, teñen existido algúns intentos –aínda que expresados con menos contundencia- para repetir semellante construción discursiva, ignorando que ese patriotismo español de vocación imperial vive prisioneiro dunha realidade indiscutíbel:as graves hipotecas presentes na economía española e o papel subordinado que desempeñan os representantes do Estado –Rajoy nunca podería ter ameazado coa dimisión como fixo Mario Monti- nas instancias determinantes da UE. Hoxe, para vencer as resistencias de Merkel ou do BCE non abonda con facer un xogo bonito nos campos de fútbol ou pretender actualizar a versión de España como “unidade de destino no universal” e “reserva espiritual de Occidente”.

Antes de que remate o mes de Xullo, Mariano Rajoy deberá ofrecer novos sacrificios –e non precisamente rituais- no altar do ríxido modelo de construción europea deseñado en Berlín e Bruxelas: subir o IVE –aquel imposto que prometera non modificar- e preparar a rebaixa de salarios e a redución de emprego nas Administracións públicas. Daquela, Xavi, Iniesta e Casillas non poderán botar azucre nesa froita que nos vai amargar o verán.