Luns 2, Outubro 2023
HomeOpiniónFIN DE PERIPLO

FIN DE PERIPLO

por Carlos Neira Suárez

O 12 de Xullo pasou con UP o previsto e un pouco máis, en sorpaso da súa propia decadencia. Foi un fito máis dunha serie ininterrompida de retrocesos en todos os ámbitos e convocatorias dende o 2015, en que tivo apoios  cercanos ao 25%, onde houbo confluencias e/ou existe reinvindicación nacional manifesta, e apenas  próximos ao 15% no resto. Esta deriva  pode ter dúas causas básicas: a primeira, a de traicionaren  os postulados de democracia radical, participación, transparencia e ética;  e a segunda,  a destrución das expectativas sobre o carácter plurinacional do Estado. A estas causas engadiríamos outras dúas, unha imputábel ás decisións propias e outra dada polo marco político xeral.

O capitalismo viña firme na súa xeira neoliberal. Grecia e Syriza mostraron a incapacidade da esquerda europea. A desesperanza e o temor afectaron á sociedade española, e os resultados de 2015 quedaron curtos para derrotar á dereita, mais tamén nos particulares desexos podemitas  de sorpaso ao PSOE. Cegados por esta intención, os seus dirixentes cometeron o erro de impedir o goberno PSOE-C´s que podía acabar co goberno de Rajoy, o que  deu lugar a novas eleccións, e peores resultados para Podemos e a esquerda, empuxou a C´s ao campo do trifachito, dificultou o entendemento cos cataláns e mostrou a pouca utilidade da nova alternativa, cega ante a mínima posibilidade de cambio. Regalounos dous anos máis do goberno do PP, ben aproveitados por Rajoy.

UP chega despois ao goberno, xa que logo, en condicións precarias, diminuidas solvencia e capital político, e con necesidades de apoios variados, máis aló da consideración de esquerda.  E cun ronsel de conflitos, adanismo, endogamia e privilexios,  divisións, exclusións  e abandonos, censos e votacións manipuladas, demandas xudiciais e imposibilidade de crear estrutura. O desastre sería maior se non contase coa sólida ainda que reducida organización de Izquierda Unida en todo o estado.

E así chegamos ao 12 de xullo, onde todo isto aumenta a súa dimensión e efectos.  Foi eiquí onde se inspirou o proxecto, e foi eiquí onde mostrou descarnadamente os seus defectos e a falsidade das súas proclamas. Sen Beiras e o seu partido, a orla de confluencia co nacionalismo na procura dun obxectivo común sería axiña desmontada. A idea estaría baseada en tres cuestións, baixo predisposición unitaria:  emerxencia social,  estruturación dun movemento participativo e representación autóctona nas cortes do Estado. Só na primeira, a preocupación social, atoparemos algo de que presumir.

Houbo a posibilidade de unir a toda a esquerda a este lado do PSOE, mais os partidos da “nova política” amosaron a súa nula disposición a considerala se había de incluir ao BNG.  Dende este último tamén houbo –como era de esperar—clara oposición, mais é verdade que nos momentos chave do Encontro pola Marea e Iniciativa pola Unión existíu unha posibilidade unitaria que tiña detrás a moitos centos de cadros políticos convencidos e ilusionados. Foi o primeiro desengano para os que agardabamos  disposición unitaria e fe na posibilidade real de cambio.

Os partidos inicialmente promotores suplantaron o concepto da unidade no chamado Manifesto de Mazarelos, unha simple coalición electoral dos tres socios.  Nas Xerais de 2015, no marco dunha forte polarización da política española, esta coalición tivo un grande éxito, obtendo 8 representantes, mais nunca quixeron que  esta representación tivese carácter galego, integrándose no grupo de Podemos con artificios de nomenclatura interna e circunstancial, nada operativa e de ningún modo institucional. Desprezaron o debate sobre o grupo parlamentar propio, e no breve transo de decembro a xuño a coalición tivo un retroceso de 74.000 votos, perdendo un escano no Congreso e outro no Senado.

Pola presión das plataformas locais chegouse á asemblea de Vigo de Xullo de 2016, onde se decide a fórmula de partido instrumental dotado de esqueleto organizativo, dirección, principios éticos e políticos e programas de goberno.

Nas eleccións galegas do 2016, a última hora e pasado o prazo, Pablo Iglesias decide cun chío a inclusión de Podemos en En Marea. Echenique designa dúas listas propias e impón a súa propia plataforma censal. Votaron as listas alias de conto infantil, persoas sen apelidos, identidades duplicadas, non residentes en Galiza e a Raíña de Saba.  Asemade, o control da votación foi dos propios encargados de Podemos. Resultado: nova maioría do PP, a suma de BNG e En Marea apenas superan o máximo de 1997, e un grupo parlamentar cheo de  persoas irrelevantes, de traxectoria política e/ou profesional  escasa ou simplemente falsa, nada partidarios do autogoberno, e menos aínda da representación real que debían ostentar. Varias destas persoas, con cargos nos seus propios partidos, negaron repetidamente ser de En Marea, desautorizaron o voceiro Villares moitas veces, pública e institucionalmente, mesmo cando as bases consultadas  opinaron sobre o caso escandaloso de Paula Quinteiro e os retrovisores.

Logo, combate interno, intento de controlar EM para facela inoperante, ou facela inoperante a pesar de todo, derrubaron a cabeza visíbel pensando de xeito ilusorio que só derrubaban a Luis Villares.  Enfrontaron unhas plataformas locais con outras, fixeron prevalecer as das presuntas “cidades rebeldes”, asaltaron con violencia algún plenario, competiron nas eleccións con En Marea e entre eles mesmos, apoiaron uns orzamentos discriminatorios con Galiza, e tomaron a chufa a axenda galega.

Ata agora, que foi a última, o electorado foilles dando leccións axustándolles o apoio na mesma medida dos seus desprezos. Agora, quedou sentada a necesidade de termos forzas políticas propias e soberanas, e que para un modelo de Estado onde Galiza efectivice o seu autogoberno non existen aliados na estrutura española de partidos. Que dependemos de nós.

Algo aprendemos, mágoa do seu custo.