por Rexina Vega
Chámame a atención o ángulo de sombra no que labora nestes días o profesorado de todos os niveis educativos, temos todas o cú pelado de horas e horas de banco, os ollos secos de pantalla, os biorritmos alterados por unha especie de condena de Sísifo que nos fai subir unha pedra enorme e caer axiña a rolos costa abaixo. Camiñamos ás apalpadas, entre a néboa, pero camiñamos. Entrementres nin un mísero aplauso nin unha palabra de cariño nin de ánimo. Ben, temos palabras, pero son acusadoras, non chegamos, ou enviamos tarefas de máis ou non enviamos nada, o profesorado, xa se sabe, vagos e maleantes, ese traxe que a anterior crise deseñou para nós e que agora volve con toda a forza do seu tópico. E, con todo, seguimos e, con todo, mantemos o ánimo da tropa como mellor sabemos. Porque hai agora no noso traballo unha parte, non pequena, de teléfono da esperanza, de Encarna de noche, aquel glorioso programa radiofónico dos oitenta. Chámame a atención que a sociedade, que a opinión pública, non se decate do esforzo titánico que estamos facendo para manter o equilibrio mental das persoas novas. Porque, como seguro moitas de vós, queridas lectoras, estades facendo agora mesmo, a misión máis importante, a crucial que temos agora é intentar dar cariño. Nestes días a todas nos chegan un alude de historias persoais, de nervios a flor de pel, de avoas e avós mortos, de irmáns pequenos que coidar, de conflitos e inestabilidade emocional nas familias. O profesorado serve para iso, sempre serviu, para escoitar, para dar cariño, para construír un relato positivo no que triunfe o optimismo da vontade. Aí estamos, escoitando, enviando emoticonos de bicos, corazóns, trevos. Preguntando pola saúde das familias, dando apertas ao chou, en serie, montes e moreas…
E hibridez dixital
Con todo, esta profesión nosa, tan necesaria, está a piques de mutar. Dísenos que o ano vindeiro o modelo híbrido, dixital e presencial, será a norma da nova normalidade. Prepáranos para iso. Traballaremos máis, si, por menos soldo, seguro. E penso, á marxe da constatación desta segunda caída que bate sobre nós, que o cambio de modelo pode significar tamén unha revisión profunda de moitas cousas claramente mellorables. Xa que aquí estou expresando a miña sorpresa, debo dicir tamén que a reticencia ao aprobado xeral, pactado en países como Francia e Italia, con sólidos sistemas de ensino, paréceme un síntoma de todo o que non vai ben no noso sistema educativo. O país con máis fracaso escolar de Europa ve inaceptable unha promoción xeral dentro dunha programación curricular que é, todas o sabemos, tediosamente recursiva. Non sei, non o entendo. Ese cilicio, esa sospeita sobre o alumnado-cidadanía como nugalláns ao sol. Parece que sempre funcionamos de xeito reactivo contra ese tópico gravado a lume nos nosos acomplexados cerebros. É a solución un modelo que sanciona e non acompaña? Pois ben, agora non nos quedará outro remedio que acompañar. Entre as vantaxes do sistema híbrido está, sen dúbida, a transparencia, a trazabilidade. Este é a fin do escurantismo das aulas, da liberdade de cátedra que podía dar lugar a verdadeiros horrores consentidos. Agora, en aberto, intervidos, cos criterios de avaliación ben claros e explicitados, con equipos docentes por fin coordinados será menos posible a deformación cos que uns poucos lastraban o prestixio de todo o colectivo. Porque outro (fin do) mundo é posible… confiemos!