Luns 2, Outubro 2023
HomeOpiniónENCANTAMENTOS

ENCANTAMENTOS

por Damián Villalaín

Os fenómenos de encantamento colectivo son fascinantes. Hai uns poucos anos, unha parte maioritaria das clases altas catalanas, e a ampla mesocracia comarcal que a ten como modelo, chegaron ao convencemento de que os expoliados e os oprimidos eran eles, e non a poboación traballadora, mestiza, multiidentitaria e bilingüe que vive e traballa principalmente na cidade de Barcelona e na súa Área Metropolitana. Esta insólita subversión das divisións convencionais e universalmente aceptadas entre opresores e oprimidos fixo que os ricos comparecesen ante o mundo, e sobre todo ante si mesmos, como vítimas do asoballamento intolerable dos pobres. Estes últimos, desde os seus pisiños hipotecados de 70 metros en Cornellá, Badalona, L´Hospitalet ou Nou Barris tiveron que asistir estupefactos a un simulacro de insurreción deseñada desde palacios gubernamentais, pisazos da Diagonal e masías reconvertidas en magníficas segundas residencias. O fracaso da intentona non fixo máis que incrementar a animadversión dos novos oprimidos –autodenominados como o pobo catalán– cara aos novos opresores, que pasaron do estatus de castellanos ou charnegos, xente un pouco vaga pero en proceso de integración, a convertérense en ñordos ou mesmo en irreformables colonos ao servizo da potencia opresora.

Hai cousa dun mes, outro fenómeno similar de encantamento colectivo empezou a tomar corpo nas zonas máis caras de Madrid. Tratouse nesta ocasión dunha parte da veciñanza do barrio de Salamanca, autoconvertida en vítima do castigo do goberno social-comunista empeñado en facer de España un país émulo da Venezuela chavista, da Unión Soviética das chekas, da Cuba da comida racionada. Oprimidos tamén eles por non poderen ir a misa ou a faceren as súas compras, os borjamaris rebeldes acusan á coalición gobernante de estar a executar un plan para arruinar a Nación, cuxa bandeira portan a modo de capa coa mesma épica gallardía coa que os etno-nacionalistas cataláns lucen a súa estelada. Escoito a un dos seus portavoces oficiosos, quen expresa a súa convicción de que o obxectivo do sanchismo bolivariano non é outro que empobrecer o país ata un grao superlativo para asegurarse deste xeito un voto maioritario, asustado pola miseria e dependente dos subsidios gubernamentais, da paguita. Unha parte do mundo post-converxente foi máis alá e insinuou ou afirmou abertamente que as medidas sanitarias do goberno español estaban destinadas a “matar” cataláns.

Farsa

Os borjamaris ou cayetanos, como se protagonizasen unha involuntaria versión farsesca da farsa procesista, chegaron a cantar varilmente o Bella Ciao, a enarborar pancartas nas que se podía ler Freedom for Spain, a facer da palabra Libertad! o seu berro de rigor e a aglutinárense nas redes sociais baixo os haastags #ResistenciaDemocrática e #SpanishDemocraticResistance. Non faltou tampouco a acusación ao goberno de xenocidio. No momento no que escribo, non podo saber se a rebelión dos borjamaris foi a máis ou rematou xa, aínda que cabe supoñer isto último tendo en conta o previsible avance da desescalada. En calquera caso, a súa protesta non pareceu alcanzar apenas eco nos barrios obreiros capitalinos. Neses lugares, como en Cataluña, os oprimidos de toda a vida convertéronse en novos opresores pola súa complicidade co goberno liberticida e asasino.

Sei que haberá lectores a quen este parangón entre as revoltas nacional-populistas catalá e madrileña lles parecerá esaxerada ou mesmo totalmente impertinente. Pero eu sigo a pensar que entre o fraguiano la calle es mía e o indepe els carrers serán sempre nostres non hai diferencias substanciais. Como tampouco as hai entre un pijo nacionalista madrileño e un pijo nacionalista catalán.