Sábado 10, Xuño 2023
HomeOpiniónEN COIROS

EN COIROS

por Luís Álvarez Pousa

Acosado polas investigacións xudiciais, o rei emérito Juan Carlos de Borbón vén de refuxiarse, de común acordo co rei Felipe VI e o goberno de Sánchez, nos Emiratos Árabes Unidos. O comunicado da Casa Real co que se pretendía xustificar ese planificado desterro non se sostén: os acontecementos que desvelaron un presumible comportamento corrupto non son, como queren facernos ver, de natureza exclusivamente privada. Tocan de cheo á monarquía como institución. De personificar a lexitimidade dinástica na monarquía parlamentaria (aparece con nome e apelidos na Constitución do 78) deriva a dificultade, ou a imposibilidade, de separar a persoa da institución, que queda en coiros.

As acusacións ás que eses acontecementos deron pé son as de cohecho, fraude fiscal e branqueo de capitais. E por máis que aínda goce da presunción de inocencia, non se pode ignorar o cheiro a podre que acompañou desde hai bastantes anos ao rei que, por designio do dictador Franco, personalizou con luces e sombras aínda por iluminar o tempo da Transición. Sen que tampouco se libre de sospeitas o rei Felipe VI, pois que sendo sabedor desde o 2019 de que o seu pai o designara segundo beneficiario da Fundación Lucum (Suiza), onde o emérito tiña escondida parte do seu patrimonio, non o puxo en coñecemento da opinión pública ata un ano despois, cando a prensa estranxeira fixo o que a española nunca se atrevera a facer: sacarlle ao Borbón os seus máis escandalosos trapos sucios. Aproveitando, e non por casualidade, o balbordo producido desde o día anterior pola declaración do “estado de alarma”.

Pero aínda que con retraso, el foi quen desvelou así as sospeitas sobre a conduta do rei Juan Carlos durante anos do seu reinado, que dixo descoñecer, pois anunciou que renunciaba á herdanza que lle poidera corresponder por ser froito de dita conduta. Un coro de 75 exministros e ex altos cargos do PSOE e do PP, e juancarlistas reconvertidos da noite para a mañá en felipistas acusan de ingratitude a cantos, en medio desta crise, esixen que se depuren responsabilidades no Parlamento e nos tribunais, chegando moitos deles a reclamar o referéndum sobre o modelo de estado que sempre se lles furtou aos cidadáns. En boa lóxica, deberán dirixirse polo dito a aquel ao que tratan de salvar, o rei Felipe, que foi avalista das sospeitas sobre o rei fuxido.

A monarquía está ferida e desprestixiada. De non coincidir coas crises pandémica e económica, estaría pasando polo mal trago dun debate rupturista a cara de can. Pero nada está pechado. Atentos ao que suceda nos tribunais.