por María Alonso
Se outrora era polo Nadal cando agardabamos pacientemente o anuncio televisado dunha famosa bebida espumosa catalá, agora é no verán cando outra empresa (tamén catalá e de bebidas espumosas) sorprende pola orixinalidade audiovisual da súa publicidade. O equipo creativo desta cervexeira atopou no ecoloxismo a inspiración precisa para conectar cunha clientela cada vez máis concienciada sobre a necesidade de mudar o mundo sen renunciar a algo tan banal como é o refrescarse cos tragos dunha bebida alcohólica durante o estío. Nesta campaña publicitaria, composta polo momento de tres actos, apréciase unha interesante evolución: se o primeiro anuncio (titulado ‘Alma’) xiraba arredor das consecuencias terribles da contaminación dos océanos e mares, o segundo (titulado ‘Amantes’) evoluciona cara ao activismo para rematar cun terceiro (titulado ‘Compromiso’) centrado na necesidade de exercer a resistencia. En ningún destes anuncios, como é lóxico, hai referencia algunha á catástrofe medioambiental que tamén implica a Covid19. Quizais haberá que esperar a un cuarto acto para isto. Cando xa estabamos case concienciadas sobre a importancia de deixar de utilizar plásticos dun so uso, volvemos consumir dun xeito case compulsivo cubrebocas e luvas de plástico sen remordemento algún a causa dalgo tan humano como é o medo á morte. A nosa é unha sociedade condenada a ser recordada xa non polos restos arqueolóxicos que atoparán xeracións futuras, senón polo lixo, ciscallos e contaminación que, por unha causa ou outra, deixamos ao noso paso.
O ecocidio
E en medio desta pandemia mundial danlle o premio Gulbenkian, dotado cun millón de euros, á activista sueca Greta Thunberg. Algunhas daquelas voces que cando esta adolescente rifaba na cara dos máis importantes mandatarios mundiais alá polo 2019 tachábana de nena histérica manipulada por un suposto lobby ecoloxista, acúsana agora de malgastar os fondos deste premio na Amazonia e para levar á Corte Penal Internacional unha causa para que se xulgue ás principais multinacionais contaminantes acusándoas de ecocidio en vez de utilizalos para loitar contra a Covid19. Non se decatan estas persoas de que estamos a falar do mesmo. Xa o dicían Cheryll Glotfelty, Harld Fromm ou Richard Kerridge, cabezas pensantes da ecocrítica, cando a finais do século pasado falaban do perigo antropocéntrico e instrumental de ver a natureza coma un mero obxecto para a explotación humana. O ecocidio que denuncia Thunberg é a manifestación máis violenta do Antropoceno – a mostra da relación tóxica que a nosa sociedade ten co que nos rodea e está aí para protexernos de nós mesmas. A loita contra a Covid19 e contra o ecocidio é unha loita a sotavento para evitar a fin inevitable da nosa especie. Non son causas excluíntes. A diferencia entre elas é unha cuestión de tempo.