Luns 25, Setembro 2023
HomeOpiniónE DIGO EU... EN FEBREIRO

E DIGO EU… EN FEBREIRO

por Dani Álvarez

Allende

Estes días publícase Violeta, a nova novela da escritora chilena Isabel Allende. En decembro, tiven a oportunidade de entrevistala na súa casa de San Francisco (California), nunha das experiencias máis marabillosas que tiven nos anos que levo traballando de xornalista. Ás veces, afastarse a 9.000 quilómetros de distancia durante uns días, e conversar só con alguén que vive alonxada da troula política e social na que estamos enguedellados nós, serve para tomar algo de aire fresco e perspectiva. Isabel Allende está a piques de cumprir 80 anos, e segue traballando cada día, a pesar de que leva vendidos 75 millóns de libros, o que a fai a escritora en lingua castelá máis lida do mundo. A súa vida é toda unha novela por si mesma: casou tres veces, a última aos 77 anos; tivo dous fillos, un deles morreulle con 28 anos tras pasar un ano e medio en coma; sufriu o exilio durante a dictadura de Pinochet; foi abandonada polo seu pai e, o máis importante, conserva unha vitalidade e unha paixón que eu, coa metade de anos, non son capaz de imaxinar.

Violeta

O novo libro de Allende conta a historia de Violeta, unha muller que pasa dos cen anos, e que vivu dúas pandemias, a da gripe de 1918 e a actual da Covid19. Ademais das cousas que podemos aprender desta muller, un personaxe que está inspirado na propia nai de Isabel, o libro describe algo que todos sabemos pero que ninguén parece ter interiorizado: daquela pandemia saímos con millóns de mortos e unha vacina anual. Da actual, sairemos con millóns de mortos e xa veremos que máis. Polo momento, imos por tres vacinas nun ano. Esta pandemia é a calamidade da nosa xeración e, aparte da traxedia sanitaria, está contribuíndo a que o mundo sexa un espazo onde a racionalidade retroceda, e a emotividade conquiste espazos. Aló onde a razón é desprazada polas emocións, a democracia perde apoios.

Emigrantes ou refuxiados

Isabel Allende é sobriña de Salvador Allende, o presidente lexítimo de Chile derrocado polos militares ás ordes de Pinochet no 1973. Daquela, ela era unha xornalista de moita notoriedade no país, e pouco despois tivo que fuxir, e comezar unha nova vida en Venezuela. Por esta razón ten unha experiencia vital moi marcada e unha descripción poderosa de cal debe ser a ollada que Europa e os Estados Unidos deben ter sobre as persoas que tratan de entrar na procura dunha vida mellor: “o migrante é unha persoa nova que quere empezar outra vida; un refuxiado fuxe dunha situación que é de vida ou morte, non ten opción e debe deixar todo atrás. O primeiro mira cara ao futuro, e desexa que os seus fillos sexan daquel país ao que vai a progresar; o refuxiado vive coa chave da súa casa pendurada ao peito, desexando voltar, pero cando pode regresar, o que atopa é un país distinto do que deixou, no que xa non ten espazo. Por iso, cando falamos dos refuxiados, hai que ter unha grande compaixón”.

A idade

Ademáis do seu inquebrantable feminismo, Allende destaca porque é unha muller que non só non agocha a súa idade, senón que presume dela: 80 anos. “¡Chegar aos 80 e poder seguir traballando é fantástico! Hai un tabú con respecto á idade, como se facerse vello fose algo de carácter ou de personalidade. Hai que vivir con dignidade e con ledicia. Os anos dinche que cada día que vives é un menos dos que che quedan por vivir, por iso cada mañá é como un almanaque ao que lle van caen follas”. A idade dá a sabiduría?”. “Como che vai dar a sabiduría a idade? Os anos non che dan nada que non cultivaras antes. Se de novo es un cargoso, de vello serán tres veces cargoso. Así que comeza a cultivar o encanto, porque iso será o que te salve de vello. Coa idade vólveste máis do que xa eres”.

A guerra

Pasei uns días dixerindo esta conversa, da que podería extractar moitas máis ideas, antes de aterrar de novo no páramo do debate público español, onde o principal pasatempo estes días é debatir sobre se hai guerra ou non, como antes se debatía sobre as macrogranxas, un pouco antes sobre o volcán de La Palma e anteriormente sobre a pandemia. Aquí, os nosos representantes políticos falan de que haxa unha guerra cunha naturalidade e frivolidade difíciles de comprender. Non sei cantas frases desta xeración política gardaremos para a posteridade, pero hai algún que fai de Cantinflas un estadista.

As vacas

Antes de que de Ucranía fora a nova diversión da política en España, tivemos uns días de intensidade máxima con actos políticos diante de vacas. O PP púxose a muxir as declaracións non feitas polo ministro Garzón, e para iso os seus dirixentes, empezando por un pletórico Pablo Casado, amosáronnos centos de vacas por diferentes provincias. Malia todo, o mellor momento, con diferenza, foi o que protagonizou Carlos Iturgaiz nunha granxa alavesa: no medio do mítin, un animal empotrou a outro con toda a convicción coa que Iturgaiz bruaba contra o comunismo, o PNV, Bildu e os demáis socios de Sánchez. Imaxínanse que esta desfeita de PP sexa afrodisíaco para as vacas?

Os vellos

O tema da idade é moi importante nunha das loitas crecentes que están agromando nesta sociedade dirixida entre o medo ao virus e o exceso de tecnoloxía. Os vellos están atopándose fóra de xogo ao ver como a atención presencial se reduce ao mínimo imprescindible ou, directamente, é liquidada, como acontece coa banca. A responsabilidade social que teñen as entidades financeiras está agora atravesada pola súa responsabilidade na anterior crise, de maneira que unha xestión despersonalizada debe supoñer un sinalamento social inmediato, como por certo acaba de facer o goberno ao chamar a consultas aos banqueiros para que corrixan esta práctica. Pero debemos interpelar tamén ás administracións públicas, e aquí inclúo tamén aos funcionarios, porque se acomodaron moi rapidamente ao sistema de interacción social con Internet como única ferramenta. Hai milleiros de persoas que queren facer trámites e aclaracións relacionados con cuestións relevantes na súa vida que xa non son recibidos por ninguén. Para os funcionarios, é moito máis cómodo chequear documentos que se reciben por email que atender cara a cara a alguén que ten dúbidas; para os responsables das administracións, que ninguén pregunte dúbidas é o mellor expediente que se pode presentar nunha rolda de prensa. Fagan o favor de recapacitar, e voltar ao roce e ao contacto coa xente. A atención presencial leva dous anos en pausa, e necesitamos que alguén nos mire aos ollos.