Luns 6, Febreiro 2023
HomeOpiniónE de novo, "puta"

E de novo, “puta”

por Rexina Vega 

Outra vez pasa, outra vez temos que escoitar esa palabra que denigra, ese compendio de valores tecidos durante centos e centos de anos de misoxinia patriarcal. As mulleres, sempre baixo sospeita, sempre sexualizadas, sempre reducidas a corpo, a animalidade. Desta vez iso, a animalización, era ben clara, non vaia ser que non entendésemos a mensaxe: “Putas, salid de vuestras madrigueras como conejas”. 

A forza da transgresión e o avance progresista convive agora cun auxe evidente da reacción. Eses que estaban calados, nunha incomodidade latente, comezan a facerse oír sen cancelas. Esta é a nosa nova realidade: o medre do neofascismo prende con especial forza nos machos novos heterosexuais. 

A palabra “puta”, que é profusamente empregada como sinónimo de “rapaza” nas letras actuais do rap, do trap, do reguetón, mesmo parece estar sendo revitalizada de novo. Cousas de colegas, marca de desenfadada linguaxe coloquial. E abundan as voces de mulleres, novas e vellas, que lle restan gravidade, ou mesmo que os xustifican, porque é “tradición”. Os berros dos cachorros da elite da residencia madrileña Elías Ahuja, co seu exacto complemento nas declaracións exculpatorias das rapazas da residencia Santa Mónica, son nestes días obxecto de debate polarizado nos medios de comunicación e máis na rúa.  

Decido abrir debate ao comezo da miña clase, un luns a primeirísima hora da mañá, confiando nunha resposta de condena unánime, xa que estou nunha facultade de Ciencias da Educación. O meu alumnado é diverso, teño alumnas trans, outras que se afirman na súa identidade non binaria, feministas implicadas e conscientes, pero tamén, ai!! rapaces escorados cara ao novo mantra das dereitas. A polarización está chegando cunha potencia imparable ás nosas aulas. A forza da transgresión e o avance progresista, como nunca, convive agora cun auxe evidente da reacción. Eses que estaban calados, nunha incomodidade latente, comezan a facerse oír sen cancelas. Esta é a nosa nova realidade: o medre do neofascismo prende con especial forza nos machos novos heterosexuais. O obxectivo a abater son as políticas de xénero, e xa non calan, procuran facerse visibles no espazo público ridiculizando os avances. Irene Montero como albo de todas as dianas, e a prepotencia do macho co seu riso faltón e o seu argumentario tradicional.  

Afortunadamente, as voces progresistas superan á da reacción e teño que maniobrar de urxencia para evitar a lapidación dos que disenten e xustifican os berros dos “Ahujos”. Con todo, este debate abortado nas miñas clases sérveme para comprobar o nivel de conflito no que agora navegamos. Falo diso con outras docentes que están en secundaria. Nesa franxa de idade, o profesorado xa hai tempo que chapoda nesas augas avoltas. O medo á reacción violenta,  non só dos alumnos senón tamén dos pais, está comezando a prender. Por máis que a promoción da igualdade estea nos decretos, nas programacións, nos proxectos de centro, moitas profesoras tenden agora a evitar prender unha chama que axiña pode descontrolarse. Unha situación inédita, que dá testemuño do avance inexorable da reacción. 

Estamos no comezo dunha guerra cultural que está rearmando o argumentario das masculinidades heterosexuais. A esquerda desatendeu ese flanco. As sucesivas campañas feministas están sendo recibidas polos machos novos como un ataque que os culpabiliza en bloque. É urxente, crucial, comezar a atender ás novas masculinidades, estamos xa chegando tarde.  

Mentres tanto, sorprende a banalización do uso da linguaxe, mesmo por parte de mulleres aparentemente razoables. A palabra “puta”, como a palabra “maricón”, só pode ter un uso político, o das subalternas que a resemantizan para destruíla desde a parodia. 

Dorna e a guerra cultural do PP 

A guerra cultural das dereitas comeza tamén a dar froitos no ámbito cultural. Este, que era un eido que tradicionalmente daban por perdido, comeza a ser un obxectivo prioritario. No noso país vai, paseniño, aparecendo unha folla de ruta na nova Xunta de Rueda. A intelixente apropiación da figura de Álvaro Cunqueiro, como galeguista conservador, no Día da Patria Galega ou a presenza institucional do Goberno no acto da Galicia Mártir este agosto na Caeira indican un movemento político que vai ter continuidade. Recentemente, o fulminante cambio na dirección da histórica revista de expresión poética Dorna, supón unha viraxe perigosa. Apartar ao eximio catedrático Ramón Lorenzo para situar no seu lugar a un rapaz de apenas vintetrés anos, Daniel Chapela, responsable das “políticas culturais” do PP, supón un ataque en toda regra  fundamentado no edadismo. Xente nova para formatear, papeis en branco. Non, xa non abonda a vella estratexia do pesebre, a compra de silencios subvención mediante. Aquí hai unha nova ambición que busca un discurso propio e desacomplexado.  Estas novas voces van chegar, están chegando xa, e van reconfigurar o discurso do galeguismo cultural. Cómpre ir armándose, non só para resistir, senón para integralos e, na medida do posible, fagocitalos.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]