Sábado 9, Decembro 2023
HomeDestacadasDISFRACES E URNAS

DISFRACES E URNAS

por Luís Álvarez Pousa

Umberto Eco deixou escrito (Ur-fascismo,1995) que “o fascismo pode volver baixo o máis inocente dos disfraces”. Profético. Non polo que ten a ver con aqueles partidos neo-nazis, xenófobos, racistas, anti inmigración, supremacistas brancos, islamófobos, misóxenos, homófobos, ultra-populistas… que avanzan por Europa e América a cara descuberta. Si polo que se constata noutros partidos que nos últimos anos veñen promocionando os mesmos vellos mitos, crenzas e doutrinas, pero rebautizados e postos ao día para facelos de consumo rápido, sen que provoquen nauseas, a través dos diferentes procesos electorais.

Toda unha estratexia de branqueo que pasa polas urnas, nas que os ultras se convirten nunha dereita respetable, apta para o xogo institucional. Unha vez dentro, canto máis poder vaian acadando maior será o adobío do que serán obxeto por parte dos medios de comunicación e das empresas demoscópicas. O raro e o polémico venden máis. Reprodúcese ese proceso con VOX. Entronizado polos votos de 400.000 andaluces, os ultras españois normalizan o seu ideario retrógrado, antisocial e anticonstitucional, abondándolles para conseguilo con someterse á liturxia parlamentaria. Revístense co disfraz de demócratas, malia teren unha intención xeral ferozmente antidemocrática.

Fixan por iso axenda política. E fano refugando todo o que poidera darlle corpo a un programa de emerxencia social, que non vai con eles. O deles é lanzar cebos para que mordan o anzó os adversarios, provocando corrementos de terras no interior dos partidos da dereita e centro dereita. Asi é como para o 28-A a substancia electoral das tres dereitas se vai esgotar na españolización do Estado, no constitucionalismo de zarzuela e na criminalización dos diferentes. Exclusión pura e dura de máis de media España. Sen que do outro lado se converxera nun programa alternativo de rexeneración democrática, apoiándose nos grandes movementos emancipadores que, como o do feminismo, son os chamados a ser a contratendencia ao xiro reaccionario, e global, que está condicionando a política e a convivencia preto e lonxe de nós.

Todo parece estar desorganizado. Caótico. Con gravísimas fisuras democráticas -como as que se evidencian no xuizo do procés ou no caso dos oito mozos de Altsasu condenados pola Audiencia Nacional a 13 anos de cárcere por unha pelexa nouturna-. E xa se sabe que en río revolto, ganancia de pescadores. En primeiro lugar, a daqueles que, baixo a batuta de Steve Bannon, se saben argolas dunha cadea -The Movement, a organización creada en Bruxelas polo asesor de Trump-, que ten como obxetivo básico o de acabar coa distinción entre ditadura e democracia. Pero tamén a dos que, por estratexia puramente electoral, chupan roda de Vox e asumen a súa axenda e o seu argumentario.

O 28-A está en xogo algo moito máis importante que o poder. Xógase a súa reputación a democracia.

_______

Carta de axuste do número 263 (abril 2019) da revista TEMPOS NOVOS