Luns 2, Outubro 2023
HomeOpiniónDas xestas branquiazuis

Das xestas branquiazuis

Sara Torreiro
Sara Torreiro

O pesadelo tan só durou 370 días. Hai pouco máis dun ano a euforia na que vive sumida A Coruña era todo o contrario. A mesma herba que presenciou os bailes de Rodolfo Bodipo e o “follow the leader” corografado por todo o equipo viviu as bágoas e a desesperación de Valerón, Aranzubía e o resto do equipo aquel 22 de maio no que o Valencia apeou ao Deportivo da Primeira División. Tras vinte anos na máxima categoría, aquel Superdépor do míster Arsenio volvía ó cavorco da Segunda para compartir o fragor da loita cun vello coñecido: o Real Celta de Vigo.

Pero o prometido é débeda. O Flaco, rei entre reis do xogo e a elegancia, xuroulle á cidade herculina emendar o erro e devolver ao equipo onde merecía estar. Os xogadores demostraron o compromiso cun club que levou a Galicia polas catedrais do fútbol europeo. Lendoiro apostou pola continuidade das pezas grandes e claves do cadro de xogadores: Colotto, Zé Castro, Riki, Lassad, Guardado… misturou isto coa veteranía: Manuel Pablo, Valerón, Aranzubía; sumou canteira: Álex Bergantiños e Juan Domínguez e inxectou aire novo: Salomao, Bruno Gama, Ayoze, Jesús Vázquez. O único que faltaba no preparado era un toque con sabor a ascenso e apareceu José Luís Oltra. O adestrador que xa levara á gloria ao Levante e ao Tenerife. E como en tempos pasados Lendoiro acertou de novo e conseguiuno. Á suma do presidente engadíuselle un factor máis: os seareiros.

Os seareiros do Deportivo

Ao Deportivo custoulle ao principio. A adaptación á categoría e aos campos de Segunda non foi sinxela. Porén o equipo colleu ritmo cun impertérrito Oltra que mantiña con seguridade nas roldas de prensa que o cadro de xogadores aínda non estaba ben conxuntado, pero que todo se andaría. En total o Dépor perdeu nove partidos, e cinco deles nas catorce primeiras xornadas. Pero Riazor rematou sendo un fortín e os locais volvéronse tiránicos na casa, dobregando a canto rival se lle puxera por diante, cun estilo baseado no xogo fácil, unha defensa intratable e a efectividade. Mesmo de cando en vez non eran os amos do balón, pero tampouco lles facía falla. Valerón comandaba a nave, con Domínguez, Bergantiños, Guardado ou Gama de parella de baile no centro do campo.

O resultado viviuse onde a afección o merecía: na casa, en Riazor. Tras a agonía inicial do primeiro gol do Huesca o Dépor, convertido de novo en Superdépor, tirou de orgullo branquiazul. Riki empatou o encontro e Xisco, convertido no heroe insospeitado deste último treito, levantou a todo o estadio co segundo gol.

De novo, como na tempada 99-00 A Coruña celebrou a victoria da Liga. Pode que esta incluso teña un sabor aínda máis agradable. Queda como outra xesta do Dépor, dese Superdépor que lle arrebatou a Copa do Rei ao Real Madrid no ano do seu Centenariazo. Os branquiazuis agardan agora a que se lle sume o rival eterno, o Celta. Porque para un deportivista é un subidón que gañe o Dépor, pero se cadra aínda máis que perda o Celta e viceversa. Os dous derbis galegos de Segunda foron para María Pita, queda por ver se os celestes tomarán represalias a próxima tempada, en Primeira, cando a máxima categoría fale galego.