Luns 2, Outubro 2023
HomeOpiniónDaqueles pos, estes lodos

Daqueles pos, estes lodos

por Luís Álvarez Pousa

Saltaron todas as alarmas. Coas institucións en pé de guerra, é como se a democracia entrase en suspensión de pagos. Ao saltar polo aire a división de poderes, queda en suspenso a súa capacidade mediadora. Esa súa e fundamental maneira de asegurar a participación da cidadanía no debate e nas decisións que se negocian e substantivan na esfera pública. A esta hora, cando a dereita política, xudicial e mediática converxe nunha estratexia a cara de can contra un goberno lexítimo, chegando incluso con ela a amordazar as Cámaras nas que reside a soberanía popular, a democracia baléirase de contido e vese incapaz de satisfacer as débedas -os servizos- contraídas cos seus acredores, os cidadáns. 

O de agora ten todas as trazas de materializar o ata onde faga falta que verbalizan sen rubor desde o PP e VOX, evidenciando que non teñen límites na súa estratexia compartida. Un ten a sensación de que o que buscan é alterar nas súas partes máis sensibles a arquitectura da nosa democracia. 

Non se trata só dunha puntual e reiterada acometida das dereitas co obxectivo finalista de recuperar sen perigosos atallos o poder perdido. O de agora ten todas as trazas de materializar o ata onde faga falta que verbalizan sen rubor desde o PP e VOX, evidenciando que non teñen límites na súa estratexia compartida. Vendo como as gastan retorcendo con insólito fervor volcánico a realidade, revolvéndose con visceral e destrutiva retórica contra todo o que sae sancionado das Cámaras lexislativas cos votos que representan á maioría social do Estado, un ten a sensación de que o que buscan é alterar nas súas partes máis sensibles a arquitectura da nosa democracia.  

Os cálculos para conseguir o primeiro dos chanzos, a caída do Goberno, xogaban coa idea dunha imparable recesión económica, confiando en que un tsunami desa envergadura ía facilitarlle a Feijóo varear a árbore do descontento social. Como fixera Rajoy para gañar no 2011. Pero remataron os prazos, e os datos non presaxian para este ano que se vaia producir ese marco apocalíptico. Razón pola cal volven converxer as dereitas na matraca patriótica e nas posverdades coas que Trump rompera con éxito as costuras do clásico marketing político.  

Desta vez, contando xa abertamente coa decidida e activa participación das súas máis poderosas terminais xudiciais. Maxistrados do bloqueado CXPX, con doce dos 21 compoñentes nomeados polo PP, e do Tribunal Constitucional, algúns coas súas funcións caducadas, que optan por abandonar a lóxica do sistema, como garantes da legalidade, para comprometerse coa lóxica do réxime, a propia da loita polo poder político. Que, malia o extremoso dunha situación de bloqueo e rebelión antisistema que lles garante ás dereitas políticas controlar o ritmo do país pola porta de atrás, o rei non os desautorizase expresamente no seu discurso do Nadal, confirma ata que punto está deteriorado no Estado o sistema de contrapesos. 

Poucas veces o aforismo popular que di daqueles pos, estes lodos ten un tan axustado encaixe argumentativo á hora de analizar e valorar a crise institucional, e constitucional, que corroe coma nunca o baseamento do sistema. O que se ve e se escoita desde as tribunas públicas, as das Cortes, pero tamén as dos moitos medios de comunicación implicados na intentona, retrotráenos a escenarios anteriores nos que, estando en períodos de oposición, o PP e os sectores sociais que xogan na súa liga ensaiaron fórmulas de radicalización semellantes ás de agora. 

Zapatero fora vítima dun tempo no que o perdedor das eleccións do 2006, M. Rajoy, confesou en campaña que “lo que exige un mínimo de patriotismo y de sentido común es paralizar esta operación de liquidación de la nación española”. E desde o minuto un predicaron a doutrina okupa, como agora, inducindo a crer que o ganador era un goberno ilexítimo, o resultado dunha conspiración, na que ata metían a ETA, que tiña como obxectivo facilitar o despezamento da nación. Foi entón cando ao berro de “se rompe España” puxeron en marcha aquela insensata campaña contra o Estatut de Catalunya, recollendo sinaturas en contra por todo o Estado e presentando sete recursos de inconstitucionalidade, que o Tribunal Constitucional acabou aceptando catro anos despois, xa con maioría conservadora na súa composición, escudándose nunha visión constritiva do Dereito e actuando coma un lexislador negativo.  

As consecuencias foron catastróficas. Non só polo que, a resultas da imposición dun Estatut non votado pola cidadanía catalá, ía suceder no 2017, co Procés en erupción. Tamén pola crise institucional en que deriva a inhibición dos gobernos de Rajoy á hora de solventar o conflito coa política, deixándoo ó azar do código penal e duns tribunais de xustiza con maiorías formadas por maxistrados ideoloxicamente afíns. 

A sentenza do Estatut abriu a porta, como se constatou coa aplicación maximalista do artigo 155, a unha progresiva e abusiva intervención da xustiza na política, alterando esas iniciais regras de xogo. Como apuntan recoñecidos constitucionalistas, a xustiza viu incrementado o seu potencial para limitar substancialmente o dereito á autonomía constitucional, cesando gobernos e disolvendo Parlamentos, ou amordazándoos preventivamente, como vén de suceder agora. Neste caso, prohibíndolle ó Senado decidir o desbloqueo da renovación dos órganos nos que sentan maxistrados co mandato caducado desde hai catro anos, o CXPX, e seis meses, o Tribunal Constitucional, secundando abertamente a estratexia política dos que os nomearan no seu día. Agora con Feijóo, o moderado, na sala de máquinas. 

Aquela maioría absoluta do PP e M. Rajoy no 2011 xa é historia, agás nun único ámbito de poder: o do goberno dos xuíces. É onde, case doce anos despois, a dereita se mantén atrincheirada, bloqueando a súa renovación para poder así controlar cos seus maxistrados/soldados (o constitucionalista Joaquín Urías dixit) os nomeamentos dos tribunais superiores, o do Supremo entre eles. Con éxito, sen dúbida. Hai sentenzas e sobresementos que sobrepasan a capacidade de sorpresa e asombro dos máis inxenuos. As moitas causas abertas por corrupción contra o PP teñen nesa traballada e multiorgánica crise institucional un salvavidas político. 

Saírmos dese labirinto de paixóns desbocadas non é fácil. Pero tampouco imposible. Hai que poñerlle deberes ao sistema institucional e político de convivencia. Sen que as endebles lianas do 78, xa obsoletas, coarten o ritmo e o nivel de esixencia constitucional. Pero é necesario no curto prazo que coa máxima urxencia, e sen deixar pelos na gateira do procedemento a seguir, se adopten medidas de defensa que impidan que o sucedido nas vésperas do Nadal poida repetirse.