París foi o escenario. A noite do 13N convertérona os xihadistas do Estado Islámico nunha paisaxe de barbarie e terror. Un golpe de forza ben planificado e executado con precisión, e con brutal e simultánea eficacia, en seis lugares públicos da capital. Sen que as forzas policiais e de intelixencia francesas o detectasen a tempo, malia ter unha autoría grupal que obedecía ordes xerárquicas, e tiña por forza que estar articulado baseándose nunha interacción de complicidades localizadas dentro e fóra de Francia.
Buscaron conmocionar a comunidade internacional cunha demostración do que mellor saben facer: matar con espectaculares alardes de crueldade. De maneira indiscriminada. Todo pola patria do Califato, nunha estratexia totalitaria que revisten de cruzada contra os infieis que, a diferenza do seu rival terrorista Al Qaeda, ten como obxectivo construír a sangue e fogo un inmenso poder territorial –o que vai desde a ribeira do Tigris e o Éufrates ata África do norte. Quen poña reparos a ese seu obxectivo é un infiel máis e polo mesmo un inimigo que liquidar. As redes de adoutrinamento e de propaganda achegan o resto: un exército de militantes de variada procedencia, seducidos por esa sinistra causa dentro e fóra das zonas que manteñen militarizadas, executa a cegas as operacións de limpeza étnica –velaí o atentado que o pasado día 13 de novembro segou a vida de 43 persoas en Beirut– ou de vinganza, que produciu nesa mesma data as 132 vítimas de París.
Que facer? Porque aínda que é certo que o 80% das mortes causadas polo terrorismo xihadista no mundo concéntranse nos países en conflito (Iraq, Afganistán, Paquistán, Nixeria e Siria), musulmáns maioritariamente, non o é menos que cantos vivimos en sistemas democráticos e laicos que teñen nos dereitos e liberdades o patrón polo que rexerse, estamos sometidos ás mesmas ameazas, como xa o escrituraron con inusitada violencia os atentados de Nova York, Madrid, Londres e París. O que leva a pensar que a chave de paso para cortar terá que ser activada de maneira simultánea neses conflitivos escenarios orientais e nos territorios occidentais que están na diana dos xihadistas.
Que algúns dos fillos de inmigrantes que teñen o Islam por relixión acaben formando parte dese exército de fanáticos, como se constata que sucedeu nos atentados parisienses contra o semanario Charlie Hebdo e agora contra cantos asistían a un concerto de rock na discoteca Bataclan ou estaban ás portas do restaurante Le Carrillo e do estadio de fútbol, non deixa de ser outro dos fenómenos que contribúen a complexizar ese rede de conexións e de accións coas que o Daesh (EI) materializa a súa criminal cruzada. Que é o que estamos facendo mal? Fallan as políticas de integración. E fallan as estratexias belicistas impulsadas a partir do 11S, como se puxo de manifesto en Iraq, e ultimamente en Siria, con medio país controlado polo Estado Islámico. Nese caldo de cultivo é no que os dirixentes do terrorismo, sexan os de Al Qaeda ou do EI, multiplican as complicidades.
Por mor diso, non parece que a reacción máis conveniente para desactivar a barbarie se rexa polas técnicas propias dunha operación bélica a gran escala. Os bombardeos que ás 48 horas dos atentados de París acometeron dez cazas franceses sobre a cidade de Raqqa, en Siria, poden satisfacer os sentimentos de ira polo sucedido, pero non resolve case nada. Pola contra, pode que sexa o que os estrategas xihadistas quixeron provocar. Razón de máis para preguntármonos polas consecuencias que ese castigo vai ter en Europa, e máis en concreto en Francia. Esa guerra nunca a vai poder gañar Hollande sen ter detrás tódolos demócratas, que non van aceptar que todo o que non sexa a seguridade nacional quede sometido á estratexia de acción/reacción, sen outros límites que os da eficacia militar e policial. Nese endiañado escenario, todos nós correremos o risco de nos converter en reos dese terrorismo organizado e global. E connosco os millóns de musulmáns que o rexeitan e condenan sen paliativos. Sufríndoo por partida dobre os refuxiados, porque máis alá do éxodo ao que entregaron as súas vidas, serán vítimas inmediatas desa estratexia autodefensiva que bloquea fronteiras e somete os estranxeiros á disciplina da que se dotan os estados policiais.
Francia está na diana. É o país occidental contra o que o xihadismo de Al Qaeda veu dirixindo xa desde os anos 90 as súas máis duras e continuadas ameazas e activando as súas máis mortíferas maquinarias de terror –o secuestro dun avión de Air France que a punto estiveron de lanzalo contra a cidade de París, a bomba que estouparon nun tren de proximidades, e as intentonas nas que Al Qaeda primeiro e posteriormente o Daesh (EI) puxeron o seu selo despois de que Francia interviñese militarmente en Malí e no conxunto do Sahel entre 2013 e 2014. Nos últimos números da revista Dabiq, o órgano de propaganda do Estado Islámico, os xihadistas prometeron vingarse dos países que, como é o caso de Francia, participan nos bombardeos que contra eles se veñen producindo en Siria e Iraq: “os musulmáns continuarán franqueando os cruzados nas súas propias rúas e levando a guerra ao seu propio solo”. A matanza na redacción do semanario Charlie Hebdo, a decapitación dun empresario infiel preto de Lión e o arrepiante masacre do 13N son a foto fixa desa macabra ameaza.
Reeditar a “guerra contra o terror” ideada por Bush e coreada por Blair, Aznar e Durão Barroso, é reeditar o fracaso no que deu en Iraq esa estratexia belicista. Que ademais se saldaría de novo co custo de poñer en cuestión os valores da paz, a democracia e a garantía dos dereitos humanos. Reforzar e coordinar, tanto na súa dimensión nacional como supranacional/europea, os servizos policiais e de intelixencia para actuar con eficacia profesional no rastreo e detección de operativos terroristas e para a persecución e detención dos que lograran consumalos, é absolutamente necesario. Porén, a desactivación a medio e longo prazo desa arañeira de terror non se conseguirá mentres non se actúe sobre as súas orixes, e se establezan exhaustivos controis sobre as súas fontes de alimentación, sobre os circuítos de financiamento e adquisición de armamento.
Unha volta de porca ás estratexias de seguridade que permanecen intactas desde o 11S. Coa política, a diplomacia e a cooperación confluíndo, máis alá das operacións bélicas de castigo, no obxectivo global de desabastecer o xihadismo do osíxeno que necesita para respirar e matar. Con Siria no primeiro día desa nova axenda.