Domingo 4, Xuño 2023
HomeOpiniónContabilidade creativa

Contabilidade creativa

Xesús Veiga

Pasou o mes de Abril, cumpríronse tres anos dende a chegada de Alberto Núñez Feijoo á presidencia da Xunta e non existiu a campaña propagandística que cabía imaxinar, coñecendo os precedentes e os talantes que caracterizan aos actuais inquilinos de San Caetano.

Cando alguén administra recursos públicos debe render contas periódicas do seu labor. Convencionalmente, utilízanse os intervalos anuais para facer un balanzo dos resultados da xestión dos gobernos. Semellante tarefa require unha premisa básica:comparar os parámetros que definen a situación do momento no que se practica a devandita análise cos que existían un ano antes. Resulta pertinente considerar, como información adicional, a evolución das circunstancias exteriores mais iso non debe confundir os planos da avaliación:o principal é o que sucede no universo directamente dependente da administración concernida e non o relatorio sobre as vicisitudes acontecidas na contorna da mesma.

O goberno de Feijoo alterou substancialmente a lóxica argumental que cabería agardar dos responsábeis políticos. No canto de explicar o empeoramento –na Galiza- das cifras relativas ao desemprego e á calidade na prestación dos servizos públicos fundamentais, difundiu estudos comparativos sobre a situación do déficit nas restantes CC.AA. e os volumes de redución do gasto público acometidos por unha boa parte das mesmas neste exercicio orzamentario.Con esa mirada, as supostas bondades da actuación do Executivo galego non se derivarían dos efectos provocados por ela senón da comprobación das maldades protagonizadas polos demais.Ou sexa:no territorio dos cegos, Alberto Núñez sería o rei porque aínda posúe un ollo san.

Cando xa se pensaba que a lectura triunfalista construída sobre eses vimbios propagandísticos estaba consolidada na opinión publicada, apareceu unha nova que rachou o relato idílico: durante o ano 2011 o goberno da Xunta pechou a execución do seu orzamento o 30 de Setembro. Cando faltaban tres meses a Consellería de Facenda decidiu non recoñecer novas obrigas de gasto e non atender os pagamentos correspondentes ás decisións tomadas nos meses anteriores. Non se aceitaron facturas dos acredores por mor de actuacións xa realizadas e aínda non cobradas e tampouco se aprobaron a execución de obras e/ou servizos previstos nos documentos orzamentarios. Con ese artificio contábel, a Xunta puido exhibir unha cifra de déficit mellor que a presentada por outras Comunidades sen practicar unha eliminación formal de todas aquelas partidas de gasto que non se podían manter. A “contabilidade creativa” ten estas cousas: permite adulterar o espírito da lei orzamentaria –previsións de ingresos e gastos para unha ducia de meses e non para nove- sen pagar os custes políticos asociados á utilización explícita da tesoira.

Con todo, o goberno galego debería saber que a contabilidade non é quen de agachar definitivamente a realidade económica.O que hoxe sae pola porta de atrás mañá regresa pola fiestra porque o po non se pode manter moito tempo debaixo das alfombras.