Luns 8, Agosto 2022
HomeOpinión. O XOGO DAS CHAVES. Tod@s elas son xente pouco convencional

[CINEMA]. O XOGO DAS CHAVES. Tod@s elas son xente pouco convencional

por Xan Daniel García Rodríguez

Acaso non é rechamante que nos comezos dunha película unha amiga interpele a outra sobre a conveniencia de que esta configure co seu compañeiro unha parella aberta por mor da ausencia de atracción erótica e actividade sexual co seu cónxuxe?

Este é o marco que nos presenta a película O xogo das chaves (El juego de las llaves). Un filme non só alternativo, senón tamén subversivo; desta película pódese deducir que o camiño á consecución da felicidade non ten por que radicar en deixarse ir ante as situación de tedio, rutina e infelicidade. Todo o contrario, cómpre abanea-la árbore; e iso, neste caso, formúlase cando, de xeito máis ben casual, se lles presenta ás personaxes desta película a posibilidade de xogar ao intercambio de parellas.

Loxicamente, adoptar actitudes antisistémicas traeralles fortes contradicións a todo o elenco de personaxes deste filme (contradicións afectivas, sexuais, amorosas, eróticas, familiares…).

Unha crítica de cinema pode ser moi diversa en función da perspectiva dende onde se realice. Unha crítica estrita e rigorosamente social, isto é, da base ou estrutura socioeconómica, formula menos problemas que no caso de se analiza-lo tratamento fílmico de, poñendo por caso, a superestrutura moral ou de costumes. Digo isto porque neste último suposto non resulta doado se subtraer de certas inhibicións e prexuízos que posuímos dende a mesma infancia e son difíciles de superar.

Laura (interpretada pola actriz Eva Ugarte), Antonio, Quique, Raquel, Cris, Dani… van ver interrompido o curso das súas vidas (que ata entón podía ser considerado como “ordinario”) a partir de contidos desdramatizadores do concepto “fidelidade”, que escoitarán de dúas persoas que Laura e Raquel van atopar no aeroporto de xeito totalmente accidental. Estas dúas persoas, unha das cales supón o encontro co pasado, son Sergio, un vello amigo do instituto que probou sorte sen fortuna no cinema californiano, e maila súa moza, Siena.

A partir dese encontro fortuíto xurdirá unha invitación de Sergio dirixida a todo o grupo de amigos para cear na súa casa. Dende ese intre a “rolda do destino” comezará a xirar.

Dado que estamos diante dunha obra coral, con multiplicidade de personaxes (anque soamente dous protagonistas, Laura e Sergio), non imos entrar a comenta-la caracterización (que sería interminable) de todos eles, se ben deixamos constancia de que a devandita caracterización si que se produce, e con gran corrección, no desenvolvemento do filme.

Practicando este xogo (unha auténtica “ruleta rusa” erótico-emotiva), que mata o aburrimento, todos eles terán sucesivas ocasións de tenta-lo destino, concretamente tres veces. Non obstante, esa primeira cea na casa de Sergio non a podemos contabilizar como tal, xa que o escándalo e a sorpresa do “bombazo” da proposta por Siena de mergullarse no mundo do intercambio de parellas foi de tal calibre que fixo imposible que se levase á práctica; aínda así, a semente ficou plantada… e os membros do grupo de amigos, nomeadamente as mulleres, non deixaron nos días subseguintes a esta proposta inicial de lles daren voltas aos miolos e valora-los aspectos, positivos e/ou negativos, que habería ter iso de seren swingers (intercambiadores de parella). Finalmente, acaban planificando con Siena unha sesión de xogo de chaves co impulso decisivo de Laura.

Tres procesos distintos

Os núcleos temáticos deste filme radican en tres procesos distintos. En primeiro lugar, o proceso de achegamento (ou reachegamento) dos dous protagonistas, Laura e Sergio, que culmina coa consumación físico-erótica da súa unión espiritual (unha especie de recreación desdramatizada da fusión carnal daqueles Calixto e Melibea da literatura medieval española). En segundo lugar, existen procesos paralelos de achegamento (carnal e espiritual) afectantes aos outros amigos do grupo, personaxes pero non protagonistas. En terceiro lugar, contémplase a evolución, colectiva, das situacións e relacións no seo do grupo, que non son relativas á faciana erótica.

Con relación á caracterización das personaxes, as principais e as secundarias, é boa. Existe tamén unha personaxe coral, que é o grupo de amigos.

Decatámonos en cada unha das personaxes dunha mutación na maneira de vivi-lo sexo a partir deste momento vital. Siena imparte doutrina como unha sacerdotisa (mesmo lles fala tamén de que vive unha relación aberta con Sergio).

Por fin, ten lugar o primeiro encontro, esta vez consciente e lúcido, e plenamente voluntario, de cara ao intercambio de parellas. É salientable unha escena, aquela na que se plasman as personaxes saíndo do portal da casa onde fixeron o xogo de chaves. Esta escena é paralela doutra que imos ver máis adiante na película.

Os destinos de cada parella resultante do intercambio son diversos (uns consuman, outros non). Laura e Sergio, protagonistas, recordan a mocidade de engaiolantes amores xuvenís.

Na detención no cuartel de policía, Laura enfróntase a esta (xorde, pois, o tratamento da cuestión do Poder e a represión social).

Á saída de tódalas personaxes da comisaría, de madrugada (xa é día), prodúcese unha escena paralela coa denantes mentada, a cámara lenta e cun plano xeral pasando a cámara dunhas personaxes a outras.

No plano das relacións persoais, á ruptura entre Raquel e Quique engádese a que se produce entre Laura e Antonio. Aparecen novas personaxes, Pedro e Natacha, unha institutriz procedente de Europa do Leste e con comportamentos bruscos, cáseque sádicos, tamén no plano erótico. Dani e Pedro vanse achegando afectivamente; e nun bar marítimo asistimos a unha confrontación, un novo enfrontamento entre Laura e Cris por mor dos amores de Antonio.

Sempre presente a circunstancia dos moi diversos enfoques verbo da sexualidade en cada parella, sobre todo na cuestión da exclusividade (pensemos no contraste entre a parella Raquel-Quique e a de Laura-Antonio).

Volven xogar ás chaves (por suposto, novamente “oficia” Siena).

O achegamento entre Pedro e Dani contrasta co cisma Raquel-Quique (que, iso si, practican sadomasoquismo e un trío con Natacha).

Existe unha cita por libre, por fóra do xogo, entre Sergio e Laura (que acaba nun concerto), mentres que si rematarán nun encontro estritamente sexual, tamén fóra do xogo das chaves, Antonio e Cris.

Mentres o cisma Quique-Raquel vai incrementando, prodúcese unha ruptura interna en Siena, que non se ve correspondida no seu amor.

O filme remata coa orxía final (que relembra á de Eyes wide shut, de Kubrick). E coa voda entre dúas das personaxes.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]