Venres 22, Setembro 2023
HomeOpiniónCERTEZAS E INCERTIDUMES

CERTEZAS E INCERTIDUMES

por Luís Álvarez Pousa

O 2020 entrou forzado. Hai demasiadas cousas en xogo. Entre nós e no mundo global. Eis polo que se fai atinada a sentenza de que, a día de hoxe, a incertidume é a única certeza, coa que o sociólogo Zygmunt Bauman saudaba a entrada do século XXI. Porén, e pese aos malos agoiros sobre o ciclo económico, ou sobre a emerxencia climática e a revolución dixital, que poñen contra as cordas o sistema produtivo e o modelo actual de crecemento, deixamos un ano no que se activaron os movementos cívicos contra o que podemos denominar a dirección do mundo, que se entregou de mans e pés ao máis depredador dos dogmas neoliberais. Desde a Francia europea ata Latinoamérica e Hong Kong.

Que o anunciado goberno de coalición veña sendo desde hai meses o obxetivo dunha cruzada político/mediática de signo reaccionario, con proclamas golpistas como a do ex xefe do Exército de Terra entre o 2008 e 0 2012 incluidas, hai que interpretalo nesa clave. O mesmo que a furia que sae do máis xenuino nacionalcatolicismo contra a sentenza do tribunal de xustiza de Luxemburgo a favor da inmunidade de Oriol Junqueras, un auténtico mazazo á estratexia xudicial, e á do Tribunal Supremo en particular, contra o independentismo catalá. Velaí a campaña do que chaman Spexit, ideada e proxectada por moitos dos que satanizaron contra o Brexit e contra os independentismos de Catalunya e Escocia os referendos que agora reivindican para darlle nos dentes á Europa que se atreve a non bailarlle a auga aos maxistrados que, ao dicir do TJUE, cometeron un triple fraude de lei cando, supostamente a sabendas, privaron ao líder de ERC, e desde o 13 de xuño, do dereito á liberdade persoal e do dereito de sufraxio pasivo.

Non sería especialmente preocupante esta reacción tan antidemocrática —no caso da cruzada contra o goberno PSOE-Podemos— e tan primaria —contra a sentenza do tribunal europeo— se non fose pola significación pública de quen as lexitima, alimenta e difunde. Os medios de comunicación confundindo a crítica (un dereito) coa propaganda ao servizo de intereses bastardos, no referido ao novo goberno, e responsables políticos como Núñez Feijóo, no tocante tanto ao que el e os do seu partido criminalizan botando a pacer o espantallo de que veñen os comunistas, como ao que deixa á sala segunda do TS e á xustiza española en coiros. Afirmar que “Europa non lle ten respeto ao Reino de España porque o Reino de España non se ten respeto a si mesmo por culpa do PSOE”, é propio dun hooligan, non dun representante do Estado político e de dereito en Galicia.

O que medios e líderes responsable deberan estarse preguntando, sen que iso lles impida criticar con argumentos obxetivos alternativas de goberno ou actuacións independentistas, é se a razón pola que a xustiza española está tan desacreditada como din os informes do Consello de Europa (a terceira peor considerada entre os 28) terá que ver non tanto cunha suposta incompetencia, senón coa súa descarada politización e cun ataque continuado de exacerbado nacionalismo español.

Carta de axuste do número 272 da revista TEMPOS NOVOS, xaneiro 2020.