Mércores 28, Setembro 2022
HomeOpiniónCEMITERIO DE ELEFANTES

CEMITERIO DE ELEFANTES

por Anna R. Figueiredo foto Diego Seixo

A canción fala de sermos mozas e de fuxir soterrando os soños. Enceta unha melodía melancólica con instrumentos de vento, o mesmo vento que leva a quen volveron a casa por Nadal, as  emprendedoras. As novas, que avanzan na situación post-pandémica retecendo un presente que queriamos innecesario as que emigramos e retornamos. As menos novas, contando os días que perderon desde Marzo de 2019 coa rapazada que xa naceu noutras terras correndo entre os pés, e alternando a lingua nai coas pouquísimas palabras aprehendidas entre centolas de Noiteboa e bacalao pre-badalaico.

A canción fala dos fusiles que acaban cos elefantes, que son do mesmo calibre que a inxustiza política e social que acaba coas mandas.    

A canción fala dos fusiles que acaban cos elefantes, que son do mesmo calibre que a inxustiza política e social que acaba coas mandas. Non importa que as paquidermas, de excelsa memoria, sexamos grises ou rosadas, porque deixamos que os furtivos de alenmar queden co noso marfil. Este país non é para novos, non é para nenas, non é para nais e pais dispostos a desenvolverse como unidade coidadora e como persoal laboral cualificado.

Chega xaneiro e nos avións non hai espazo para virus, que o aire fica anegado de esencia a empanada de xoubas e outros produtos locais en contrabando lixeiramente legalizado. Na terra prometida a casa é fermosa e ten xardín. A cidade oferta todas as posibilidades que unha crianza precisa para nacer e medrar libre con oportunidades culturais, educativas e de futuro. Na terra prometida hai rostros con engurras de saber que as fillas camiñarán polas rúas do estado, de Europa, de Estados Unidos, facendo daqueles lugares o seu fogar, que serán cidadás de propio e que nunca terán a necesidade de reconstruír un país que ou ben descoñecen ou ben establecen coma epítome da infancia e do descanso forzado nas vacacións escolares.

Perdidas no espazo aéreo de ningures, as elefantas e a súa proverbial capacidade para a lembranza temen enfrontarse á sabedoría popular. Temen estar perpetuando unha fuxida cara adiante nun planeta que pide redución da pegada de carbono cando elas saben que só grazas ás tecnoloxías do transporte están a poucas horas da casa e da familia. Que souberon que as fronteiras poden pecharse e que unha pode pasar meses sen soster as mans de súa nai. Temen estar perdendo a vantaxe da tribo ao pensar nos avós que fican no aeroporto e son unha presenza continua nunha pantalla, semellante á ficción dos debuxos animados. Temen que pasará se algunha delas morre no alén, quen velará o seu corpo, onde residirán na eternidade. Pensan no que non se atreven a falar na mesa familiar que desharmoniza o consenso segundo avanza a festa e baixa o viño. Afogan un nó grande no estómago e tragan unha bóla salgada e amarga de bágoas con resaibo a cebola e colorante. Ignoran as instrucións da compañía aérea sobre que facer en caso de despresurización da cabina porque ao fin e ao cabo pouco importa que as elefantas, por moito que nolo tiveran dito de nenas, non saben voar coas orellas.

Velaí outra ficción demagóxica coma que marchar é unha elección, que o Prestige non foi un erro, que emprender é ir facer fóra da casa ou que Galicia é a fin do mundo.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]