Luns 2, Outubro 2023
HomeOpiniónCATRO ANOS POR DIANTE

CATRO ANOS POR DIANTE

por Mini Rivas Cruz

O resultado electoral do 12 de xullo foi rotundo e contundente en moitos dos seus aspectos e comprometido para o nacionalismo polo capital político que o electorado deposita nas nosas mans. Ían pasando os días e ía medrando a aceptación da mensaxe do BNG. Isto albiscábase nas olladas de cordialidade da xente, e mesmamente nas enquisas, que sabemos sempre interesadas, que saían á luz.

Atrás quedan anos difíciles, os embates e as modas, unha travesía feita con fortes doses de humildade e de traballo coordinado. A militancia un dez sobre dez e Ana Pontón, a interlocutora capaz, á fronte.

Porque este diálogo coa sociedade vén de atrás. Nos conflitos que xorden no País o BNG está presente e toma nota deles para os  trasladar e facer visibles no Parlamento galego. Nas eleccións xerais, Néstor Rego consolida o inicio da tendencia e fai un impecable traballo redescubríndolle á sociedade que para ser deputado galego non abonda con nacer en Galiza. Que é preciso estar libre de ataduras para defendela en Madrid. Que se torna imprescindible crer na potencialidade e na singularidade galegas.

E a xente comeza a saber de novo que a razón de ser do nacionalismo non é outra que a defensa dos intereses cotiás do pobo galego. Dos que afectan ó conxunto da nación galega que son, en definitiva, os de tódolos días, os de andar pola casa, os de comer e vivir en comunidade.

19 deputadxs son un capital político para non adormecer, resultado da constancia e do esforzo, do traballo feito por toda unha organización ó servizo do pobo.

Necesario para amplia-lo proxecto de País. Forza para conseguir máis forza ante un PP que vai seguir coa súa política entreguista ós intereses do neoliberalismo e ós mandatos dos seus xefes en Madrid e en Bruxelas. Vendendo Galiza a cachos, devaluando a sanidade pública, deteriorando o ensino público e favorecendo o privado, deixando que os dereitos da vellez digna se xestionen coma negocio privado, permitindo que o mundo das finanzas e as súas operacións de mercadeo deixen ermo o tecido industrial, repartindo o noso vento enerxético sen contrapartidas sociais de dinamización económica, desordenando e forestando o monte segundo manda Ence e o taboleiro, incrementando as 170.000has de terra agraria abandonadas, desertizando o noso rural, esnaquizando barcos que non poden pescar. E todo isto porque non tivemos un goberno que defendese Galiza.

E nós estaremos aquí con toda a humildade pero tamén con toda a firmeza, poñendo o acento nunha nova Galiza, moderna, dinámica, máis rica e máis xusta. O noso labor será convencer de que a esperanza é posible e de que nós somos esa esperanza.

Porque o BNG será esa oposición forte que irá construíndo e afianzando a alternativa necesaria. Porque o nacionalismo estará alí onde xurda un conflito, onde haxa unha fenda social ou económica. E estará para denunciar, para esixir, para negociar, para dar solucións. Sempre co interese do País galego por diante. Sen ataduras. Sen feblezas. Coa firmeza acostumada.

E estaremos na necesaria fronte común diante da pandemia e os seus efectos máis inmediatos. Non para tapa-los buratos das grandes corporacións nin os intereses do gran capital. Si para estimula-lo emprego e para blinda-la sanidade e o ensino público. Si para poñer freo á pobreza. Si para reclama-lo autogoberno que permita a defensa de Galiza.

E a bouza non impedirá ve-los cultivos. Porque a cultura e a defensa da fala, sinais de identidade imprescindibles para sermos e estarmos, acompañarán cada unha das esixencias políticas, económicas e sociais. Porque é así, coma un todo, o xeito de entender a res pública do nacionalismo galego.

Terá que ser. Porque no 2024 queremos estar en condicións de propoñerlle ó pobo galego un goberno de país apoiado por unha ampla maioría que deberemos conquistar.

E así ha ser, palabra de honra.


Mini Rivas Cruz é Deputado electo polo BNG