Sábado 3, Xuño 2023
HomeDestacadasCANDO ALBERTE ASÍ O CONSIDERE

CANDO ALBERTE ASÍ O CONSIDERE

Repitámolo unha vez máis: nos dez últimos anos, e á parte da abdicación do Rei emérito, a única mutación significativa das institucións do Estado foi a do sistema de partidos. Onde había dous partidos turnantes, agora hai cinco. Se, ao comezo, as políticas dictadas pola UE a Zapatero determinaron a aparición pola esquerda de Podemos, na última lexislatura a radicalización nacionalista en España ante o procés determinou a división da dereita en tres bloques que compiten entre si en ardor guerreiro.

por Antón Baamonde

Esa nova configuración do arco político é a que lle deu unha incontestable aparencia de vitoria ao PSOE. En cifras absolutas, non é que os dous bloques de electores mutasen moito en porcentaxe. Aparentemente, tanto esquerda como dereita, bloques en número case simétricos, acudiron a votar, pero a división da dereita penalizou a esta última, introducindo un factor radicalmente novo na política española. Os 11,3 millóns de votos da dereita foron unha cifra récord para ese segmento de opinión que se quedou curta, no entanto, fronte aos 11,4 millóns de votos da esquerda. En 2004 e 2008, PSOE e IU chegaran aos 12,3 millóns, así que por ese lado non se alcanzou o máximo histórico. Os 2,6 millóns de votos nacionalistas (o 10% ) constitúen o terceiro bloque de electores en número. É unha cifra considerable, que ás veces se oblitera, coma se eses votos non contaran. Se se lles tomara a palabra ás parvadas da dereita, trataríase de 14 millóns de electores da Fronte Popular fronte a 11,3 da CEDA.

Non foi sorpresa en absoluto a perda de fol de Compostela Aberta, Marea Atlántica e Ferrol en Común. Penalizounos, ademais da inimiga da prensa, a inexperiencia, a falta de ideas e certos déficits de xestión. Pecaron, si, de “adanismo”.

En Galicia, ídem, eadem, ídem: aínda que VOX tivo pobres resultados, pero case alcanzou o número de votos do BNG, a formación de C’s fíxose con dúas deputadas por Coruña e Pontevedra, e 182.678 votos, o dobre do BNG. Sen dúbida ese é un motivo de preocupación para Feijóo, porque esa división da dereita compromete tamén a súa reelección nas autonómicas do 2020, que pode convocar en calquera momento que estime oportuno dende xa. Toda a súa campaña nas municipais estivo dirixida a concentrar o voto da dereita para así presentarse en boa posición á cita cando queira que se produza. Pode estar satisfeito: o déficit de organicidade de C’s e VOX fixo que a hexemonía popular ficase incuestionada dentro dese bloque. É unha vitoria pírrica: as municipais confirmaron o seu escaso peso nas áreas urbanas. O PP é un partido rural e de clases benestantes, pero o que hai no medio é máis grande. Este é un dos grandes datos do día: a suma das esquerdas e do nacionalismo deixa cifras moi avultadas nas cidades fronte a un PP en aparente retirada. Só Ourense marca a excepción.

Lembremos que o dato máis sorprendente das eleccións xerais en Galicia radica na diferenza de dez puntos porcentuais entre os dous bloques, con vantaxe para o bloque progresista e nacionalista (54 % versus 44% ). É algo tan sorprendente que merecería unha análise e, mesmo, preguntarse se en Galicia tivo lugar un transvase de votos do PP ao PSOE, cousa que en España, polo que se sabe, non sucede, dada a polarización reinante. Así as cousas, o interese das eleccións municipais consistía en determinar o peso relativo de cada opción dentro de cada bloque, pero tamén en aclarar este aspecto.

O PSOE con vento de cola

Quedou confirmado que o PSOE navega con vento de cola. Os resultados nas cidades danlles as alcaldías da Coruña,  Santiago e Ferrol, consolida Lugo e arrasa, como estaba previsto, en Vigo. Noutras localidades, coma Vilagarcía tamén sae vitorioso, ou en todo caso mellora en número de concelleiros. Tamén mantén as tres deputacións actualmente no seu poder. Gonzalo Caballero, contra prognóstico, é un presidenciable. Terá que formar un equipo solvente, e facer que a súa figura colla peso.

Por suposto, esa posición de vantaxe pode degradarse. Dado que en Galicia o ciclo político é inercial a respecto do ciclo político do estado, o éxito presente pode ser moi rápido substituído pola ruína máis absoluta. E non o ten fácil. O PSOE nestes momentos gaña precisamente porque non di nada, ou para ser exactos, porque non emite mensaxes negativas. A dereita, pola súa banda, segue cabalgando no lombo do “a por ellos”: o que busca, e promete, é disputa. Confía en que a solución penal para Cataluña lle acerque ao poder e ao seu soño dogmático dunha España uniforme a base de decretos. Pero foi precisamente esa posición, a da Praza de Colón, a que foi derrotada nas urnas. A posición maioritaria non é favorable á posición catalá, pero ten un fondo desexo de volver a unha certa normalidade. Se o PP sabe interpretar os ventos, máis aló da espesa cortina de fume dos grandes medios madrileños, pode reconquistar centralidade.

O PSOE, que ten catro anos por diante, necesitará coraxe, e terá que facer reformas substantivas, tanto no social coma no que concirne á diversidade e plurinacionalidade do Estado. Non se pode vivir do aire todo o tempo. Se non o fai, non hai que ser presciente para entender que seguirá a sorte doutros partidos socialistas europeos. Dunha banda, todas as enquisas poselectorais mostran unha renovada correlación entre clase social e voto: nos barrios ricos, ou que se cren ricos, vótase a dereita; nos populares, á esquerda. Hai unha reversión de tendencias que hai que saber entender.

Obviamente, terá que buscar algunha forma de inserción de Cataluña. O federalismo terá que atopar algunha forma de concreción satisfactoria para cataláns. Hoxe por hoxe, os federalistas auténticos somos unha curiosidade para entomólogos. Aínda que en Galicia non hai problema: xa non xoga nesa liga. En Galicia, se a dereita perde o poder, todos os progresistas e galeguistas se darían cun canto nos dentes.

Non houbo sorpresas nas municipais

Nestas eleccións municipais, o éxito do PSOE en Galicia foi rotundo. Salvo iso, non houbo sorpresas. Non foi sorpresa en absoluto a perda de fol de Compostela Aberta, A Marea Atlántica e Ferrol en Común. Penalizounos, ademais da inimiga da prensa, a inexperiencia, a falta de ideas e certos déficits de xestión. Pecaron, si, de “adanismo”. Tampouco foi sorpresa o discreto, por dicilo dun modo elegante, resultado das Mareas locais. Agora está en causa a súa propia existencia. Polo seu lado, o  BNG, como se esperaba, mantivo os seus feudos e asistiu a unha mellora xeneralizada, pero modesta, dos seus resultados. Estaban tan abaixo, que só podían mellorar. Na perspectiva estratéxica non ten moito de que alegrarse.

Entre a Escila do PSOE e o Caribdis do BNG, o espazo mestizo, ademais de estar en descomposición está estreitándose. Aínda que Unidas Podemos tivo bos resultados nas xerais, nestas municipais só concorría como tal en Vigo ou Ferrol. Non é evidente cal será a súa sorte nas autonómicas. De partida, non teñen candidato/a e é incerta a fórmula da concorrencia ás eleccións.

O nacionalismo galego exterior ao BNG anda como polo sen cabeza. Non acerta cunha fórmula. Entender a conduta de ANOVA está máis aló das miñas posibilidades e creo que da de calquera ser humano normal. Talvez algún xenio da estratexia nos aclare algún día o sentido dos seus vaivéns. Pero CxG e os restos de Máis Galiza hoxe dentro da En Marea de Luis Villares tampouco parecen ter unha intuición de cara a onde ir. A estas alturas está claro que, cando se produciu o estoupido de Amio, non había plan. Nin A, nin B, nin C. É raro, se se considera que posúe mentes para nada inexpertas…

______________

Este artigo foi publicado orixinalmente na revista TEMPOS NOVOS, nº 265 (xuño 2019).