Domingo 1, Outubro 2023
HomeDestacadasCAMBIO DE CICLO EN EUROPA, QUE CAMBIO?

CAMBIO DE CICLO EN EUROPA, QUE CAMBIO?

por Manoel Barbeitos

A práctica coincidencia nun curto período de tempo (menos de un mes) de catro citas electorais relevantes (xerais, locais, autonómicas e europeas) e a moi dispar cobertura mediatice levou a que, por caso, as eleccións ao Parlamento europeo non recibiran por parte da cidadanía española, e galega, a atención que merecían dada a relevancia e transcendencia que para a vida dos cidadáns europeos ten hoxe en día a gobérnana das institucións europeas. Seguramente que a maioría dos nosos cidadáns ignoran que moitas das decisións mais relevantes en, por caso, materia de política económica son tomadas por institucións europeas (Consello Europeo, Comisión Europea, Banco Central Europeo) que teoricamente deberan dar contas dos seus actos ao Parlamento Europeo pero que na práctica escapan ao seu control e fiscalización e, xa que logo, ao dos cidadáns europeos.

Como sinalara nun artigo ao respecto en TEMPOS NOVOS (Manoel Barbeitos: “Os rotos do sono europeo”. Maio 2019) son as políticas austericidas dirixidas con man de ferro dende as institución europeas citadas (a chamada troica), pero impostas por Alamana, as que están incubando o ovo da serpente fascista en Europa. Unhas políticas as que a alianza europea entre conservadores e socialdemócratas veu dando cobertura política durante todos estes anos pasados e que están provocando que os niveis de desigualdade social, pobreza e desequilibrio territorial sexan os mais elevados de sempre na UEM.

Cabe entón preguntarse si o resultado das eleccións europeas recentemente celebradas permite pensar que se poden producir cambios en Europa moi especialmente no que fai referencia as políticas aplicadas. Dados os resultados habidos resulta dicir facer vaticinios nembargante non hai razóns poderosas para o optimismo.

En primeiro lugar digamos que resulta moi preocupante que as forzas que representan o extrema dereita europea seguen en ascenso (20% dos deputados no novo Parlamento europeo) con resultados espectaculares en estados tan relevantes como Francia e Italia onde aparecen como a primeira forza política. Un dato de extrema gravidade e que debera mobilizar a tódalas forzas democráticas europeas.

Aínda que os conservadores e os socialdemócratas tiveron fortes caídas, seguen a ser as forzas maioritarias no Parlamento Europeo (43,5%). Si ben é certo que houbo importantes cambios no seo da socialdemocracia europea (cos representantes españois en primeiro lugar) o que pode dar lugar a cambios, por caso, na Comisión Europea e na presidencia do Parlamento europeo non cabe esperar, nin por casualidade, que os tratados europeos que montaron un anelo de ferro o redor das políticas neoliberais (vid. artigo anteriormente citado) sexan cuestionados. Poida que as autoridades europeas sexan agora un pouco mais flexibles en política fiscal e, por caso, en temas de déficits pero, de ningures, cuestionaran o ordoliberalismo que Alamana baixo ningún concepto está disposta a mudar así como que o loita contra a inflación deixe de seren o obxectivo central da UEM E ao que o resto das políticas (fiscal, laboral) han de seguir condicionadas.

Será moi importante agardar a ver a quen sitúan ao fronte da presidencia do BCE sen que queipa agardar que Alamana e o poderosísimo Deutsche Bank cedan o seu poder de influencia e de veto sobre algo tan decisivo como a política monetaria.

Non, non hai razóns para esperar grandes cambios na UEM en materia de política económica cun 70% dos parlamentarios partidarios das políticas seguidas ata agora. E si non os hai na UEM a marxe de manobra do goberno de Pedro Sánchez será moi pequena. Moitas das súas promesas quedarán, unha vez mais, sen cumprir e no caixón.

Pero, pódome equivocar como moitas veces ten pasado e oxalá asistamos, como sinalan algúns medios europeos moi optimistas, a “un cambio de ciclo na política europea”.