Non son os movementos alternativos que activan a participación da cidadanía nos asuntos públicos quen provoca que o bipartidismo entre en barrena. Teñen o PP e mailo PSOE ferramentas máis que sobradas para neutralizalos: o control case absoluto das institucións, recursos económicos da máis variada procedencia, medios de comunicación… O que as eleccións do 25-M e as últimas sondaxes sociolóxicas veñen deixando en evidencia é que esa acelerada e radical desafección cidadá ten raíces máis fondas. E son ambos os dous partidos maioritarios os que pagan o pato. Con razón. Porque nese seu afán por poñelo todo baixo os seus pés, aínda á custa de prostituír tantas veces o espírito e a letra da Constitución, acabaron sendo percibidos como os causantes exclusivos da situación de descrédito institucional e político á que chegamos.
Son cada vez máis os cidadáns que se decatan da area movediza sobre a que colleron corpo a nosa armadura institucional, o noso sistema político e a mesmísima Constitución. É agora cando, por moitos e variados factores –externos uns, internos outros–, queda ao descuberto que non están servindo para que a cidadanía goce dos dereitos que a Carta Magna lle recoñece, nin para impedir os abusos que tanto nos alarman e avergoñan.
Rachar co bipartidismo non é máis que o resultado de teren chegado millóns de cidadáns, por indución e por dedución, a esa conclusión. Que ten no sistema político, e de maneira singular no bipartidismo que el consagra, ao máis directo responsable. Por acción e por omisión –ás irresponsabilidades dos políticos habería que engadir as de algúns grandes empresarios, as doutras autoridades, maxistrados e tamén as do propio Rei/xefe do Estado.
Para provocar a apertura dun novo período constituínte que faga posible o debate democrático sobre as institucións, sobre como organizar mellor o Estado e a nosa economía, e sobre como blindar o noso estado de benestar. Para o que cómpre impulsar una nova maioría social e política que desborde o bipartidismo.
Remendo e remedo
Na reunión á que foran convocados pola ministra Mato, os representantes das comunidades autónomas explicitaron, como con ningunha outra operación política, as miserias que esconde a gobernanza conservadora en España. Disputándose o reparto dos 17 millóns que o goberno de Rajoy destina contra a pobreza infantil, non fixeron senón abrir en canal a propaganda do réxime. As políticas sociais perden aceite por todas partes, e tiran dos remendos para enmascarar as fugas.
Se as estatísticas máis solventes din que hai máis de 2.500.000 nenos menores que viven en fogares que están por debaixo do limiar da pobreza –datos de UNICEF, con 82.000 deles en Galicia segundo o último informe de Cáritas–, o remedio económico que achega o Estado para socorrelos parécese máis a un aguinaldo ou regalo de Reis ca a unha acción estratéxica contra ese cancro. Que, por ser radicalmente inxusto, tanto nos deshumaniza e tanto nos tería que rebelar.
España está á cabeza en pobreza infantil na UE, só por detrás de Romanía –datos de EUROSTAT. É sen dúbida un problema estrutural, como denuncian as diferentes organizacións sociais. Que ten detrás estatísticas arrepiantes: 11,7 millóns de persoas están afectadas por distintos procesos de exclusión social –aquelas que dispoñen só un 60 por cento do ingreso medio do resto da poboación–; cinco millóns viven situacións de exclusión severa –con menos dun 40 por cento do ingreso medio do resto da poboación. Dos fogares de todas elas saen os case tres millóns de nenos aos que o goberno de Rajoy vén de auxiliar con 17 millóns –algo máis de 700.000 euros para Galicia.
Pero aínda podemos afinar máis á hora de sopesar a xenerosidade do executivo conservador. Porque todos eses nenos pobres son os fillos do desemprego. Do que había cando chegou o PP ao goberno, e do que hai agora, despois de tres anos no poder. Moitas desas familias e as que xa estaban sen subsidio en España –máis de dous millóns de parados en España e máis de cen mil en Galicia– teñen fillos que están en situación de pobreza. Extraendo o sucedido só no último ano a partir dos datos e das análises de expertos, verémolo con maior claridade. Nese 2013, unhas 350.000 persoas deixaron de percibir calquera tipo de prestación por desemprego –en Galicia, unhas 20.000. O Estado aforra por ese concepto nada menos que uns 500 millóns de euros cada mes –25 millóns mensuais en Galicia. Pois ben, o goberno tenta paliar esa carencia vital, valorada en 500 millóns cada mes, con 17 miserables millóns para todo o ano –en Galicia, 25 millóns cada mes con menos de un millón por ano.
Un remendo ou un remedo? O segundo, sen dúbida. Porque non doutra maneira se pode valorar que, máis alá do que xa queda suficientemente explicitado en porcentaxes e cifras, ese mesmo goberno veña de gastar máis en obras e mobles para seis ministerios –case 20 millóns, segundo o BOE– que en erradicar ou cando menos paliar a pobreza e a desnutrición de case tres millóns de nenos.
Abondaría con isto para deslexitimalos como gobernantes. E desde logo, para depurar responsabilidades. Porque é coa integridade física e contra a dignidade e os dereitos dos nenos, recollidos por certo nas declaracións universais asinadas por España, coas que xoga un goberno que se di democrático. Disfrazándose para ocultalo de falso rei mago. Outro disfrace que sumar ao entroido no que se solemniza o descrédito da política e dos políticos que o utilizan.