por Albino Prada
Rematado o ano 2021, podería semellar xa inútil avaliar que pasou en 2020 na nosa sociedade coa pandemia, pero non o é. Pois podemos tirar varias leccións útiles para o futuro analizando por xunto o bienio pandémico 2020-2021. A ocasión dánola o Instituto Nacional de Estadística (INE) que vén de facer públicas as súas primeiras estimacións económicas para todas as Comunidades Autónomas. Non foi sen tempo.
Antes diso tiñamos as estimacións do Instituto Galego de Estatística (IGE) que situaban xa a Galicia cunha caída do PIB (- 8,9 %). Dous puntos menos da caída anotada polo conxunto de España, aínda que iso supón caer case tres puntos por riba da media da Unión Europea.
A nosa cobertura de prazas en residencias por cada cen maiores de 65 anos está por baixo da media española e é da metade da de Aragón, Castela ou Estremadura. Para igualar a cobertura media española en Galicia deberíamos pasar das 22.000 prazas actuais en residencias a 30.000.
Mellor que a media española a causa da menor importancia que para nós tivo o peche turístico do exterior, pero con todo e iso, un afundimento moi por riba das economías da nosa contorna. Unha economía galega moito menos resiliente fronte a un shock externo que os nosos veciños (mesmo que Portugal, pero tamén que Francia), por máis que outros en España aínda poidan andar peor ca nós neste asunto (son os máis turísticos: Madrid, Cataluña, Canarias, Baleares). Que podemos engadir á vista dos datos do INE sobre este preocupante panorama?. Varias son as leccións tanto retrospectivas como de cara ao futuro. Vexamos.
Leccións retrospectivas
Primeira lección: Confírmase co dato do INE (- 9,1 %) de caída do PIB galego en 2020 que o impacto do Grande Confinamento en Galicia superou en tres puntos a media da UE. Temos unha economía moi aberta ao exterior, sobre todo por dous sectores (confección e automoción especialmente), que acusou a parálise pandémica das economías coas que comerciamos. Conviría daquela diversificar máis o noso comercio exterior en produtos, destinos e número de empresas.
Segunda lección: A nosa menor caída do PIB que no conxunto de España explícase polo afundimento das economías españolas máis dependentes do turismo exterior (Madrid, Cataluña, Canarias, Baleares, Valencia), pois descontadas esas economías, quedamos en situación intermedia.
Terceira lección: Coas últimas previsións dispoñibles para o ano 2021 para a Unión Europea e para Galicia, o balance do bienio 2020-2021 é moi problemático. Pois mentres no conxunto da UE quedaría por recuperar un punto de PIB, no caso de Galicia restarían catro veces máis. Todo un reto para este ano 2022 que vén, sobre todo á vista dos problemas nos mercados globais, tanto de recursos enerxéticos importados como de compoñentes e de loxística.
Máis aló do PIB
A caída do PIB por causa da pandemia e das medidas de confinamento e de mobilidade en toda España, e en Galicia en particular, que aquí avaliamos non serían, con todo, as máis graves consecuencias da pandemia en relación ao conxunto da UE.
Pois a conxestión e desbordamento do sistema sanitario tería provocado (mortes directas polo covid-19, e morbilidades habituais fóra de control) un dano na saúde pública gravísimo. A esperanza de vida da poboación tería retrocedido nun ano aos niveis de oito anos antes (cara o 2012) segundo recentes datos do INE. Un retroceso maior que o do PIB.
Eses danos estarían profundándose máis ao longo do ano 2021, polo crónico desbordamento da asistencia primaria e hospitalaria (nun país moi envellecido), por máis que o proceso de vacinación teña freado a morbilidade directa da pandemia. O deterioro da atención sanitaria a finais de 2021 no conxunto de España e Galicia segue a ser galopante.
Así, nos primeiros días desde ano 2022 o SERGAS suspendeu a actividade asistencial para o que non sexan coroavirus e urxencias nas unidades de Primaria do Rosal, A Guarda, Oia, Cangas (na quenda de tarde), Moaña (na quenda de tarde), Ponteareas, O Porriño, Tomiño, e os centros de Vigo de Navia, Nicolás Pena, Beiramar, Casco Vello, Matamá e Teis (na quenda de tarde). Suma e segue.
Nin saúde nin economía: en Galicia seguimos con retrocesos na esperanza de vida e na natalidade, ao tempo que lentitude na recuperación do impacto económico.
Non debera rematar este breve informe sobre o shock da pandemia entre 2020-2021 sen deixar constancia da miña sorpresa por non ver na axenda pública o reclamo dunha transición xeriátrica e na dependencia. Pois é evidente que os nosos maiores foron a zona cero demográfica da pandemia, e o sistema de residencias o epicentro desa desfeita.
A nosa cobertura (prazas en residencias por cada cen maiores de 65 anos) (datos IMSERSO 2020) está por baixo da media española e é da metade da de Aragón, Castela ou Estremadura. Para igualar a cobertura media española en Galicia deberíamos pasar das 22.000 prazas actuais en residencias a 30.000.
Peor aínda é a cobertura do servizo de tele asistencia. Neste caso para acadar a media española deberíamos pasar dos dez mil usuarios a sesenta e nove mil, multiplicar a cobertura de tele asistencia aos maiores galegos por sete veces.
Estes déficits cuantitativos deberan ter rápida solución nunha transición no sistema de coidados xeriátricos cara un modelo máis difuso e de proximidade, que conte cun acceso específico a un reforzado Servizo Galego de Saúde, e co apoio financeiro dun Sistema para a Autonomía e Atención a Dependencia que reduza as súas máis que preocupantes listas de espera.
Final
Máis aló da recuperación do PIB que houberamos acadado neste ano 2022 de non ter esbourado á pandemia, debemos mellorar aqueles atributos dunha sociedade decente e de desenvolvemento social polos que paga a pena traballar. Algúns deles quedan anotados neste informe. En todos teríamos xacementos de emprego potencial de proximidade nos que a prestación persoal (non dixital) e directa é determinante.