por Luís Álvarez Pousa
Co PSOE con vento de cola, e co xuizo polo procés na recta final, o 26M non prometía grandes sorpresas. No Estado e na UE. Asi foi. A remuda nas alcaldías do cambio -en Madrid, Barcelona e Galicia-, que tanto babeo produciu no sarao mediático da noite electoral, tivo nesa dobre circunstancia o seu principal, que non único, activador. Un PP en caída libre e un Ciudadanos en plan vampiro só conseguiron premios de consolación, pero con Vox no paquete, e con Macron e Valls tirando da cadea. Promete máis morbo político o que se aveciña, con Sánchez e os seus parapetados no burladeiro do poder, coas forzas do establishment e as súas terminais mediáticas tensando a corda para reeditar o pacto socioliberal.
Nese escenario, que ten nese conglomerado de poderes que é Madrid o seu principal laboratorio, a España carpetobetónica recupera o seu ardor guerreiro ás portas de territorios por conquistar, sen que importen os estropicios que se poidan producir. Non só o de Catalunya, onde a Fiscalía amartela contra toda lóxica a estratexia de castigo que veñen de denun ciar desde a ONU, tamén o de Euskadi, onde reinventan a ETA como unha excusa, ignorando en ambos os dous casos que as súas respectivas poboacións son o principal muro de contención contra a cobra, esta si, do nacionalsocialismo. Coa aparente complicidade do sanchismo, que ofrece desde a oposición o que non dá desde o poder.
Non sabemos a día de hoxe en que vai quedar o baile de máscaras que colleu aire tras as eleccións do 28A e do 26M. Pero non pinta nada ben. Os burladeiros que utiliza Sánchez para non compartir goberno nin complicidade con aqueles aos que lles debe o seu vento de cola, ou para aplicarlles un cordón sanitario a cantos se excluiron do que Ciudadanos lle impuxo a el, poñen ao descuberto unha estratexia de ruptura coa marexada de esquerdas que saíu das urnas. A pouco que as dereitas se recentralicen -e se volve aos pactos con Rivera, provocará que ocurra-, perderá espazo e peso electoral nesa franxa do centro político que agora ocupa coxunturalmente. E deborarano entre os do Ibex35 e os do sane
drín pesoísta.
Sábeo ben Feijóo, que ve no aznarismo de Casado un dos seus peores estigmas. Entre outros, de moi diversa tipoloxía, que o acorralan (o voto ao PP retrocede aos tempos da vella AP, co poder urbano e as deputacións nas mans do PSdeG e BNG, e coa perda dunha porcentaxe moi conside rable do voto rural, ese seu graneiro de sempre), e que o abocan a acabar o seu periplo político da mesma maneira que Fraga. Algo que nunca entrara até agora no seu calendario.
_____________
Carta de axuste do número 264 (maio 2019) da revista TEMPOS NOVOS