
Cada día van xurdindo novas noticias sobre bebés roubados no noso país e no resto do estado que verdadeiramente poñen a pel de galiña. Mulleres enganadas, abusando da situación de poder de persoal médico e relixioso nos hospitais, para quitarlles os seus fillos e dárllelos, a cambio de cartos, a outras parellas. O feito de roubar e vender bebés e o resultado de miles de persoas buscando as súas familias biolóxicas é absolutamente espeluznante. E isto estivo pasando no noso país durante anos e anos e non falamos dos anos escuros da posguerra e da ditadura senón que esta situación chega a antonte, bebés roubados nos anos 80. Mete medo pensar que lle puido pasar á miña nai. Imaxínoa soa no hospital, parindo mentres meu pai vai de camiño desde o traballo, e que unha monxa se levase ao seu bebé e volvese a contarlle que nacera morto. Non é unha escea dunha película de terror, podía ter acontecido exactamente así.
Durante anos foi ademais algo sospeitado, comentado, mesmo sabido, o que facía que moitas mulleres que ían soas insistiran en que os seus homes ou os seus pais estaban a piques de chegar para que non se atreveran a roubarlles os fillos. Porén, os estereotipos discriminatorios e de dominación ligados á maternidade fixeron que durante todo este tempo fose moi doado anular a loita destas mulleres calificándoas de inestables emocionalmente incapaces de asumir a morte dos seus fillos. Claro, cando para unha muller a súa única maneira de realizarse como persoa é sendo nai, como non había de perder a cabeza ante a frustración de non poder criar ao seu fillo? Descualificadas e anuladas como adultas racionais non hai outro remedio que tutelarnos como nenas incapaces de distinguir a imaxinación da realidade e sen posibilidade de tomar decisións meditadas sobre a nosa maternidade.
Por moitas razóns, económicas, sociais, persoais… houbo sempre mulleres para as que ser nais foi un acontecemento sobre o que non puideron decidir e con consecuencias trascendentais para a súa vida. En moitas ocasións pediron axuda pero hoxe vemos que o resultado non foi ofrecerlles recursos e apoios para tomar a súa propia decisión, fose cal fose, senón decidir por elas en función de intereses espúreos. O máis terrible de todo isto é que o fundamento ideolóxico que subxace a este comportamento é o que hoxe defende o partido que goberna no estado e no noso país e que actualiza a mesma tutelaxe sobre as mulleres que deu orixe a este dramático fenómeno dos bebés roubados que, en realidade, é o roubo da vida de moitas persoas, de moitas familias que se buscan porque alguén quixo “axudar” a unha muller a ser nai.