Domingo 28, Maio 2023
HomeOpiniónAXITADORES

AXITADORES

por Luís Álvarez Pousa

A política travestida de axitación. Non é unha boanova. Pero é coa que haberá que lidiar nesta lexislatura. Sabendo, iso si, como as monta a dereita española cada vez que perde unhas eleccións. Porque esta de agora non é se non a terceira grande onda de axitación política neste tempo de alongada transición democrática. E algo das dúas anteriores quedou nas hemerotecas. A primeira delas, no 92, cando se produciu contra o goberno de González unha estratexia de asalto ao poder, aproveitando unha crise económica de media intensidade, co chamado sindicato do crime (a nomenclatura mediática do momento, con Ansón á cabeza) e escuros personaxes como o banqueiro Mario Conde en comandita. A segunda, no 2004, coa guerra de Iraq estalando nas conciencias do mundo civilizado, e cos atentados xiha-distas ás portas dunhas eleccións que deron na vitoria de Zapatero, que o aznarato nunca aceptou. Esta de agora é a terceira, e todo fai prever que será a máis invasiva —por terra, mar e aire— de todas.

As dereitas sábense ben apoiadas pola arañeira de poder institucional que o PP foi tecendo durante anos, aproveitando as súas maiorías parlamen-tarias. A día de hoxe, conta con aliados nos máis altos tribunais de xustiza e nos ámbitos de decisión —políticos, económicos, policiais, administrativos, episcopais, militares e mediáticos— máis influíntes. VOX é unha excrecencia súa, tolerada por algúns dos máis importantes poderes fácticos, temerosos de que un partido estigmatizado pola crise e pola corrupción poidera ser quen de tapar as gretas que se abrían no edificio institucional da pactada Transición. E C’s vai de retirada. Coa seguridade de teren atados todos os cabos institucio-nais, agás o do Goberno, son eses mesmos poderes fácticos que ocupan todos eses ámbitos de decisión e de influencia os que avalan a estratexia da axitación invasiva: todo vale para botar aos okupas esquerdosos da Moncloa.

As broncas parlamentarias van ser só a escenografía da tensión. Ruído e televisións al rojo vivo para alimentar a idea de que si se pode —xa vampiri-zan este berro saído das prazas do 15M— expulsar a comunistas e amigos dos separatistas do poder. Porén, a estratexia non vai quedar neses fogos de artificio. Será na batalla cultural, na xudicial e na económica, por esta orde, nas que as dereitas e as súas poderosas terminais articulen o asalto.

O do veto parental non é unha anécdota. Está moi pensado. Por máis que compitan electoralmente, VOX e PP sábense chamados a actuaren como vasos comunicantes. Abascal meterase ao trote na batalla cultural, empezando por este primeiro canonazo, que entra na sede Xénova como o mellor dos regalos. E Casado asumirá o protagonismo das outras dúas —a xudicial e a económica—. Coas cartas marcadas na primeira —Carlos Lesmes blindou estando en funcións os tribunais autonómicos e as presidencias das máis importantes salas do Supre-mo e da Audiencia Nacional—, e coas mobilizacións polas rúas na segunda.

Iso si, a saúde da democracia queda a desmán destes constitucionalistas.

Iso si, a saúde da democracia queda a desmán destes constitucionalistas. 

________________

Carta de axuste da revista TEMPOS NOVOS Nº 273 (febreiro 2020)