por Luís Álvarez Pousa
É, seino, o signo dos tempos. Pero non por iso deixarei de alarmarme. Que un feito teña maior ou menor significación social non predetermina hoxendía o seu estatus na escaleta da actualidade. Os medios de comunicación comercializan os seus menús informativos xerarquizándoos segundo a súa capacidade de impacto. Non son pois as ideas, senón as emocións, as que se impoñen nesa estratexia, coa que pretenden competir entre eles e teren capacidade de influencia. Non interesa tanto buscarlle sentido ao acontecer (contextualizar) como manter permanentemente hibridada esa estratexia. Conseguirano secuencializando a actualidade en tempo de riguroso presente, para o que precisan de provedores que alimenten ese incesante fluir de información masiva. Unha ocasión de ouro para que calquera con poder e recursos sexa quen de marcarlles, no reino das fake news, a axenda desde fóra.
Fano. E de maneira obsesiva. Sobre todo se, como sucede entre nós, eses mesmos medios dependen para sobrevivir dos auxilios económicos que lles trasladan banqueiros, empresarios de postín, estraperlistas e gobernantes. Eis polo que, en circunstancias como a actual, coas dúas Españas machadianas a garrotazos, os que manexan a maquinaria do poder estean forzando que os medios tomen partido iluminando ou escurecendo, segundo lles conveña a eles, o cuadrilátero no que se reproducen os dramas nacionais. Os da pandemia, agora, os do Estado plural, sempre.
Os asuntos máis polémicos entran e saen das axendas dos medios cando e como lles veña dictado polo ruído de fondo (vocerío parlamentario, noticias falsas, deformación da realidade), no que converxen grupos que profesan unha adhesión inquebrantable á España única e que, en non podendo repoñer ese modelo, utilizan o “todo vale” para desbancar o goberno progresista de coalición. Cabe que profesen outra maneira de concibir España e de rebobinar para ela un proxecto inspirado nos principios doutrinarios dun nacionalismo excluínte. Porén, esas aspiracións poden e deben ser defendidas desde a racionalidade argumentativa, e non desde a visceralidade, utilizando os seus medios de comunicación maioritariamente afectos á súa causa— para fabricar un estado de opinión que, por asentar moitas veces sobre falsidades, acaba sendo tóxico para o sistema democrático de convivencia. É ao que leva o que está sucedendo estes días cando se manifestan contra a Lei Celaá de educación —que Casado ordena torpedear nas cinco comunidades gobernadas polo PP, asumíndoo Feijóo sen recato—, contra a cooficialidade real das linguas periféricas, ou poñendo de novo á desaparecida ETA no corazón do debate político, coa intención de vincular esquerda e terrorismo.
Unha axenda que reproducen con ese mesmo enfoque os grandes medios, sen cuestionaren en absoluto a carga desinformadora ou abertamente falsa coa que lle dan vida ao “todo vale”. Traizoando os seus deberes en democracia.