Luns 2, Outubro 2023
HomeOpiniónAutismo e civilización

Autismo e civilización

Iolanda Veloso

O 2 de abril, ademais do día internacional do libro infantil e xuvenil, é o día mundial de concienciación do autismo. No noso país tal día como este, entre outras actividades, ten lugar a presentación do primeiro conto con pictogramas publicado en galego así que, dalgunha maneira, conmemóranse as dúas celebracións cunha mesma actividade. Ademais búscase un novo espazo para a lingua galega, completamente ausente das formas de comunicación alternativas utilizadas por persoas con algunha discapacidade, como se o galego fose un problema, unha complicación máis, no canto dunha riqueza. Estas actividades veranse ennegrecidas polo fume que cobre o noso espírito chegado desde as Fragas do Eume e que acentúa esta sensación de que a terra se afunde baixo os nosos pés, de que o lume todo o arrasa, e non sabemos moi ben como paralo. Non é bo momento para o mundo editorial, nin para a cultura, nin para a nosa lingua, nin para as persoas con discapacidades así que esta maneira de celebrar o día de concienciación do autismo, aínda que sexa cativa, é unha boa nova.

A Organización Mundial de Autismo elaborou un manifesto para este ano no que incide sobre a necesidade de que as sociedades ofrezan apoios ás persoas con autismo para evitar a súa marxinación. Di que unha característica que define ás sociedades civilizadas é a forma na que axudan aos seus membros con capacidades diferentes, que están doentes ou que están privados dos elementos esenciais para o desenvolvemento normal dunha vida plena e conclúe que este mundo ten un longo camiño que percorrer. A realidade é que no noso país non só precisamos avanzar moito senón que, desgraciadamente, estamos retrocedendo. Os recortes en educación implican deixar moitos nenos e nenas sen os apoios básicos para a súa escolarización, o desmantelamento da sanidade pública condea á ausencia total de atención sanitaria específica universal e gratuíta e a reforma laboral exclúe por completo do mercado de traballo as persoas con capacidades diferentes. No caso do autismo o camiño cara á atención específica educativa e sanitaria estaba comezando timidamente e o panorama futuro non pode ser máis estarrecedor vendo as políticas do presente. Falarmos neste caso de oferta cultural ou de lecer semella xa un luxo máis que un dereito e a integración no mercado laboral unha utopía. De facermos caso da OMA, podemos seguir considerándonos unha sociedade civilizada? Que nivel de incivilidade estamos en disposición de aturar?

O Trastorno de Espectro Autista, que afecta principalmente á interacción social, á comunicación verbal e non verbal e provoca un repertorio restrinxido de intereses é un trastorno moi pouco coñecido pero cunha prevalencia moi alta, calcúlase que afecta a 1 de cada 150 nenos e medrando. Non podemos mirar para outro lado, ou si? Arredor deste trastorno hai aínda moitos interrogantes e eu tamén estou chea deles.