por Luís Álvarez Pousa
Na desescalada, a batalla céntrase no control político do relato. Por dúas vías posibles pero enfrontadas: a da xestión no día a día da pandemia, á que se agarra o goberno de coalición, e a que fai da explotación do medo e da morte un argumentario de consigna e desinformación masiva, que ten nos guerracivilistas de Vox e de Faes aos seus activistas. Se os de Sánchez e Iglesias se afanan para iso en non deixar fío de control sen amarrar, poñendo incluso en cuestión por ese obxetivo o deseño democrático do Estado das autonomías, os de Abascal e Casado aproveitan todos os atallos, legais e ilegais, co propósito de enlamar o terreo o suficiente como para xustificar, en modo emerxencia nacional, un golpe cirúrxico.
Nunha paisaxe tan polarizada, e vindo dun tempo de desprestixio das instititucións de intermediación, o resultado desa batalla é toda unha incógnita. Vai depender moito de como saiamos de apestados -coa Covid 19 pode que amaestrada, pero cos virus do día despois a flor de pel-, e de se o Goberno consigue ou non reverter a fascistoide cruzada coa que as dereitas tentan colgarlle en exclusiva o morto deste espasmódico e globalizado viacrucis. Como ben deixou escrito a filósofa Hannah Arendt, dado que todo o sucedido no terreo dos asuntos humanos podería ter sido doutra maneira, as posibilidades de mentir son ilimitadas. Abonda con tramalo e con utilizar as técnicas e os máis eficaces instrumentos de manipulación e difusión masiva.
Aos mortos por este coronavirus tráenos e lévanos como proba de inventario político. Non teñen límites. Non só os instrumentalizan nas redes sociais, ou a través dos comunicadores que infiltraron nas tertulias radiofónicas e no columnismo gore da prensa española (e galega), tamén en sede parlamentar. Por caso, fan dos falecidos nas residencias de anciáns -competencia exclusiva das CCAA- as vítimas máis dramáticas dun goberno socialcomunista, que aproveitaría o virus para aplicarlles a eutanasia (sic) pola porta de atrás. E ritualizan os lazos negros para maior impacto emocional e electoral. Xusto o que necesita, por caso, o goberno de Feijóo en Galicia para sacudirse a responsabilidade directa que ten sobre as 223 residencias nas que se produciu case o cincuenta por cento dos decesos. As denuncias presentadas ante a Fiscalía pola Federación REDE de Familias contra algúns altos cargos da Xunta destapan causas estruturais e de xestión: abandono, omisión de socorro con resultados de mortes e lesións, e prevaricación nas súas actuacións durante a pandemia. O loito oficial que decretou nas institucións e na TVG é, por iso, cando menos unha decisión de mal gusto. E faino mentres mantén nun antidemocrático limbo ao Parlamento.
A oposición de esquerdas e de dereitas terá moito do que tirar cando se esgoten as fases da desescalada. Aparte de examinar ao lexítimo e democrático goberno de coalición de como xestionou o estado de alarma, e de como cumpre socializando as consecuencias da recesión económica que vén, estará obrigada a desactivar a tentación autoritaria á que é tan propicio un estado de emerxencia. Pero sen atallos antidemocráticos.
____________
Carta de axuste do número 276 de TEMPOS NOVOS, maio 2020