por Manoel Barbeitos
Resulta moi preocupante que mentres os sinais de que estamos ás portas dunha nova crise son cada vez mais contundentes, altos responsables políticos, tanto españois -todos aspirantes a gobernar logo do 10N- como galegos sigan negando estas evidencias. Resulta moi preocupante pois parecera que imos cara os mesmos e graves erros que se cometeron nos anos 2008 e 2009 cando, coa crise financieira chamando á porta, os gobernos español e galego de turno seguían repetindo aquilo de que España e Galicia estaban na mellor posición para evitala. E logo pasou o que pasou, que a improvisación e as malas prácticas converteron o que era unha crise financeira nunha grande recesión cos efectos e as consecuencias de todos coñecidos e sufridas.
Estamos ás portas dunha nova crise. Unha crise, nembargante, diferente a anterior porque agora, en termos macroeconómicos, estamos diante dunha crise de oferta, de ingreso, que non de gasto; de produción, que non de consumo. Varios son os factores que a están incubando.
En primeiro lugar, a guerra comercial Estados Unidos-China, que fai cambalear as bases institucionais e comerciais da actual economía mundo capitalista. Unha guerra comercial entre as dúas primeiras potencias que deriva en políticas proteccionistas con aplicación de aranceis aduaneiros ás importacións procedentes doutro país que están xa afectando ao comercio de economías relevantes, velaí o caso de Alemaña, a terceira potencia comercial do mundo, dando claros sinais de estar ás portas dunha recesión técnica. Estamos, xa que logo, diante dunha guerra comercial que se vai estender a toda a economía mundo, que ameaza incluso con mudar as bases e o curso neoliberal da actual mundialización -liberalización, desregulación, privatización- e que, xa que logo, vai ter efectos recesivos no comercio e a produción mundiais pois afecta á cadea de valor mundial. Efectos que xa se están empezando a ver, por caso, no IED (Investimento Estranxeiro Directo) e na deslocalización de cadeas de fabricación a nivel mundial en sectores claves como os de telecomunicacións, electrónica… Porque está repercutindo sobre os custos e, xa que logo, sobre as marxes de beneficios de empresas multinacionais. Acaba así afectando á produción mundial, xa que por mor desa guerra comercial grandes multinacionais estadounidenses, xaponesas e chinas vense obrigadas a buscar novas ubicacións cos efectos recesivos conseguintes na produción. Estamos diante dunha guerra comercial que será moi dura, que se prolongará no tempo e que cuestiona as bases da actual mundialización neoliberal que entran en crise. Unha guerra comercial que, por outra parte, carrexará “consecuencias non desexables” como por caso unha nova crise alimentaria no mundo, xa que os países máis vulnerables dependen nun 90% das exportacións/importacións de alimentos que se verán afectadas negativamente pola guerra comercial.
Outro dos factores da crise vén do impacto que as novas tecnoloxías están a provocar na produción mundial. O grande desenrolo das novas tecnoloxías (vid. ALBINO PRADA: Crítica del hiper-capitalismo digital. Editorial Fundación 1º de Mayo) está provocando elevados desaxustes produtivos en moitas e relevantes empresas que non parecen quen de axustar a súa produción as novas realidades tecnolóxicas. En moitos casos por mor de que maioritariamente estas empresas, en vez de aproveitar as ganancias e a abundancia de liquidez para mellorar a súa competitividade, destináronas á recompra de accións.
Esta última práctica das grandes empresas ten o seu impacto nos mercados financeiros, pero neste caso non como na crise anterior que afectou aos bancos, senón que agora atinxe á Bolsa como así poñen en evidencia os últimos movementos das máis relevantes. A burbulla especulativa orixinada no mercado de accións é na que veñen cabalgando as grandes empresas –non hai máis que, por caso, ver a evolución con máximos históricos do IBEX 35 principal indicador español do mercado de valores- que, como sinalaba, preferiron investir en Bolsa antes que en melloras na produtividade, vai rematar estourando, baixando os prezos e provocando desequilibrios relevantes nos balances daquelas. Desequilibrios que xa están provocando efectos recesivos sobre a produción e negativos sobre o emprego disparando de novo o desemprego. As reformas laborais neoliberais facilitaranlles esta saída.
Centrándonos en Europa, un factor de risco está non só nos efectos negativos do brexit senón, fundamentalmente, no esgotamento das irresponsables políticas seguidas até agora na Eurozona. A aposta exclusiva polas políticas monetaristas derivou nun grande enfeblecemento económico que está afectando xa á produción. Algo que cabía esperar: si debilitas a demanda interna, máis cedo que tarde esta debilidade rematará afectando á oferta. Nembargante, volvendo ao principio, non hai que menosprezar os efectos que o brexit terá sobre as economías europeas e non só por razóns comerciais. Dada a relevancia que os bancos ingleses teñen nos intercambios financeiros resulta lóxico esperar que o brexit afecte dalgún xeito a aqueles cun maior endurecemento das condicións de liquidez a nivel europeo e unha evolución negativa nos índices bursatis.
Tampouco se debe menosprezar o impacto que no mercado mundial do petróleo está provocando a agresiva política ofensiva dos Estados Unidos contra Irán e Venezuela. Dado o peso que estes dous países teñen na produción e no comercio mundial de petróleo, de ir a máis a tensión os efectos sobre o mercado do petróleo (produción, comercio) serán inmediatos. As consecuencias, as xa coñecidas: caídas na produción e no comercio exterior, alza dos prezos….
Finalmente está o problema sistémico da débeda que alcanzou valores a nivel mundial que a converten practicamente en insostible non só a longo prazo senón tamén a medio. Un problema que pode agravarse si as tensións comerciais rematan trasladándose, cousa moi probable, a uns mercados financeiros xa de seu moi volatis e especulativos. Si ás tensións financeiras, agudizadas pola situación das Bolsas, lle sumamos a tendencia última a adoptar políticas monetarias aínda mais restritivas, todo pode rematar por facer saltar as presións inflacionistas. A continuación asistiremos a unha suba dos tipos de xuro e a alteracións no mercado monetario por unha alza no tipo de cambio das principais divisas. Dado que a práctica totalidade das débedas son nesas divisas, as alzas no prezo das mesmas provocarán, como pasara cando estourou a crise da débeda, enormes problemas de pago e un novo -pero agora máis grave- estoupido da débeda.
Aínda que dada a súa relevancia debería ser obxecto dunha análise aparte, non podemos obviar os efectos e os custes derivados da emerxencia climática na que estamos por mor dun acelerado e incontrolado quecemento da atmosfera. Un quecemento que tamén afecta á produción e comercio mundiais e, xa que logo, ás perspectivas económicas. Dado que os chamados “riscos climáticos” non fan máis que acentuarse, os custos humanos, económicos, sociais e de desenrolo da emerxencia climática serán cada vez maiores.
Neste contexto de acumulación de riscos e no que fai referencia a España sería desexable que os partidos que aspiran a gobernar logo do 10N expuxeran con claridade as súas alternativas diante do que se anuncia como inminente. Pero, saben que estamos as portas dunha nova crise?. O goberno galego segue negando a evidencia. Polos Orzamentos 2020 que vén de presentar non parece decatarse.