Domingo 26, Xuño 2022
HomeOpiniónAS PEZAS DO PUZZLE

AS PEZAS DO PUZZLE

por Luís Álvarez Pousa

A calima foi premonitoria. Fundiu en néboa seca a atmosfera, acotou a nosa capacidade de visión e acabou viciando o aire que respiramos. Como se de súpeto tódolos diaños (os da política e a economía, os do mix enerxético e a guerra) reactivasen as súas axendas maléficas para provocar o caos. No espazo global, onde o acontecer xoga bazas que removen as augas turbias da arquitectura financeira mundial, e no espazo doméstico, que nos avoca a unha escalada de contradicións e estalidos sociais, nun e noutro caso de consecuencias impredicibles -refocilándose neses fangos os paxarracos que alentan outra vez o berro de viva la muerte en versión ultra ou en versión canalla-.

A invasión e a guerra en Ucraína son a parte máis dramática e doorosa dese envolvente caos. O que fai dese territorio europeo a representación máis obscena do xogo de tronos que a día de hoxe tensiona, en dous bloques antagónicos, o mundo. E non parece se non que un e outro apostan por reeditar, ampliada a escala euroasiática, a guerra fría. Pero chove sobre mollado.

Non é casual que a crise provocada pola invasión e a guerra que Putin desatou nesa república ex–soviética converxa coa espiral de estalidos financeiros, ecolóxicos, sociais e xeopolíticos que a xuizo dos expertos abre un novo momento no desenvolvemento capitalista. Nesa dirección non debería admitir dúbida algunha o carácter estrutural do proceso inflacionista e o do esgotamento da enerxía que desde fai tempo vén ameazando as economías máis importantes, e con elas o estado de benestar da xente. Son moitos os factores que o xeran, pero un dos máis presivos é o das disputas entre bloques por garantir a súa seguridade e posición nun mundo multipolar e en crise. Enfrontándose por iso, e con todo tipo de instrumentos, á hora de controlar os recursos físicos e os exiguos núcleos de mercado rendibles da nova economía verde e dixital.

Non doutra maneira se explica que os EUA, cuxas principais armas na disputa actual pola hexemonía fronte a China son o dólar e o seu poderío militar, veña de resucitar a OTAN para entorpecer o progresivo traslado do centro de gravidade mundial a Asia. Como quera que Rusia está no camiño de ser o máis forte aliado do xigante chinés, nada como engrosar a Alianza Atlántica en base a ir dándolle na última década carta otanista a un bo número de países que marxean con ela, saltando polo aire o compromiso de non facelo adquirido no seu momento con Gorbachov. Nesa operación entraba tamén Ucraína, asumíndoo a UE. Que Putin a abortase pola brava, violando a soberanía dun estado independente e sometendo á súa poboación a un cerco de terror bélico, unha decisión que é condenable de principio a fin, non dilúe o matonismo provocador desa estratexia.

Xa que logo, unha estratexia endiañada. Que xa ten ademais no rearmamento dos estados da UE, Alemaña incluída, unha das máis funestas consecuencias. E na espiral de sancións, con escasa eficacia noutros conflitos anteriores, que vai ser de ida (penalizar ao réxime e inevitablemente á poboación rusa) e tamén de volta (porque van repercutir tarde ou cedo nas nosas economías). Como tamén as ten no máis básico do noso sistema de liberdades. Empezando por poñer a liberdade de medios e de información aos pés dos cabalos máis alá e máis acá da delgada liña roxa que separa Rusia de Occidente. E seguindo por sobrepoñer a dependencia enerxética a calquera outra causa, por moi ligada a principios e valores democráticos que estivera esta última, cando se convirte no principal obstáculo para avanzar en consonancia con estratexias ofensivas ou defensivas de forte contido xeopolítico.

Dá por iso moito que pensar cando para sustituir o gas ruso -até un 40 por cento do importado pola UE ten esa procedencia- por aquelo de non seguir facendo negocios cun represor dos dereitos humanos, a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, contabilizou en rolda de prensa nada menos que a Qatar, Azerbayán e Exipto! Sen que o verdadeiro patrón da alianza occidental, o estadounidense Biden, se quede atrás nese atracón de contradicións e hipocrisía política, que os seus socios europeos non teñen o máis minimo complexo en normalizar. Non ten por iso reparo algún en recurrir a Venezuela e Irán polos hidrocarburos que precisa canalizar licuados a Europa, desbloqueando o castigo que lles impuxera por supostamente non respectaren os dereitos humanos e a democracia, acusacións que agora borra dun plumazo.

Putin non é precisamente o contramodelo. Todo o contrario. Por iso ninguén creeu na cantinela da súa cruzada bélica para desnazificar Ucraína. El, que se ten distinguido por ofrecerlles paraugas a tódolas extremas dereitas, Vox incluido, do continente, e que mantén un réxime reaccionario e corrupto, cos grandes medios de comunicación ao seu servizo, e cun estado policial que ten por principal misión a represión e a desaparición forzada de opositores. Desde o 24 de febrero último, un criminal de guerra. Pero non é cousa de descansar nese cenagal antidemocrático e perverso o desasosego que nos producen algúns dos mecanismos cos que Occidente lle está plantando cara.

Detrás do discurso libertador de Biden -liberar a Rusia e ao mundo do carniceiro Putin (sic)- está en realidade a quintaesencia dun proxecto imperialista de novo cuño para o que non dubida en usar, como pezas canxeables, aos socios que mellor encaixen en cada momento nese puzzle. Por caso, aproveitando a ausencia na UE dunha política enerxética común (como se puxo de manifesto en España coa crise derivada dos altísimos prezos dos hidrocarburos e da electricidade), para que o progresivo desenganche gasístico de Rusia comporte na práctica unha maior dependencia do gas estadounidense, e xa que logo, da súa política xeoestratéxica. Matando así dous paxaros dun tiro: alonxar aínda máis á UE da órbita dos intereses rusos, sen por outra parte deixar de manter tensionadas as fronteiras OTAN/Rusia, e desa maneira debilitar a capacidade operativa desta última e de Putin como socio estratéxico de China.

O dito. Vivimos tempos caóticos. Seguimos en zona de pandemia. Coa inflación reventando tódalas costuras. E cunha guerra convencional botándolle gasolina. Se non é a tormenta perfecta, paréceselle.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]