Domingo 28, Maio 2023
HomeOpiniónAs fracturas de España

As fracturas de España

Historiadores de diversas tendencias asumen que España está fracturada. Un diagnóstico certeiro, pero en absoluto novo. Analizalo sen inserilo nos prolegómenos da Transición, ou na prefabricada argamasa dos consensos constitucionais, é acientífico. Contra o que se ten publicitado, con éxito, pouco de todo iso foi modélico. Serviu para sosegar sables e amansar golpistas, pero tamén para andar corenta anos máis ligados a un arrevesado memorando de forzadas abstinencias políticas. Con tanta carga avariada nas mochilas, e sufrindo como sufrimos o estrés dun tempo caníbal, temos a sensación de atopármonos varados nunha especie de estación termo, coa estraña e dolorosa impresión de que viaxamos cara a ningunha parte. U-la política para rexenerar a pel de tantas feridas e fracturas? Parece encastada, amortizada.

Hanse explicar nese relato moitas das historias que a día de hoxe tensan as costuras que salvagardan o encastamento e amortización dese enerxético democrático que é a política. Unha delas, a máis estrutural e transcendente, a do reto catalá. En liña co dito, ese reto civil emerxe entre fracturas. Non é, como se nos quere facer ver desde os ámbitos do nacionalismo mediático e político español, o virus que enxendra en exclusiva a fractura de España. Identificala nesa sintonía, que banqueiros e líderes do neoliberalismo internacional tentaron converter sen éxito nunha película de medo durante a campaña do 11-S, é un erro sen paliativos. Ten nesa desactivación da política o seu punto neurálxico e tráxico.

Porque o independentismo que bordea en Catalunya a barreira do cincuenta por cento non chegou do frío. Chegou das fumigacións estatutarias, e tamén da cegueira política de partidos e gobernos centrais, malia ter o actual nas súas mans o máis parecido ao que se entende por un poder absoluto. Chegou, en definitiva, nos minutos de desconto dun réxime, o do 76, que ten tódolos síntomas de esgotamento, cando a colonización das institucións polos partidos que viñeron alternando no poder e a corrupción que uns e outros avalaron asentaran no sistema, poñendo o Estado e a democracia en almoeda.

Velaí a fractura do sistema, a da política, a da democracia. O máis eficaz fermento da fractura que historiadores e politólogos descobren nesta España que a día de hoxe é, e non só por mor das nacións que comparten soberanía de maneira forzosamente conflitiva dentro dela, a España social, económica e politicamente máis invertebrada. Non está por iso a política con azos para resolver pola vía do debate, do diálogo e da complicidade cívica o conflito catalá. Como non o está tampouco para resolver por esa mesma tripla vía a desorde social provocada por mor da submisión aos poderes fácticos da economía e das finanzas. Poñer como pantalla a constitucionalidade, tal que un dogma irreversible, para desentenderse do incendio que contribuíron a provocar, actitude que alentan directamente ou instrumentalizando as institucións que controlan a distancia, é a mellor maneira de alimentar o desamor e o secesionismo en Cataluña.

Os máis rigorosos constitucionalistas parten de que o principio democrático da vida política é a base dos principios constitucionais, non ao revés. Quérese dicir, que a política e a moral democráticas son anteriores á constitucionalidade. Máis claro aínda: o constitucional non esgota o democrático, porque tampouco a democracia se manifesta inmaculada e completa en cada Constitución. Xa que logo, a constitucionalidade/non constitucionalidade non debería ser o único argumento no debate político sobre o conflito catalá. Nin tampouco o da lei, que instrumentalizan como bozo co que afogan a política.

Agora, tras o 11-S que seguiu dándolles aos independentistas a maioría parlamentar e practicamente o 50% dos votos, e tamén cando o goberno de Rajoy se empeñou en negarlles aos catalás o incontestable obxectivo de votar para decidir que queren ser no futuro. Seguir alimentando a expectativa dunha derrota do soberanismo sen paliativos, en vez de construír pontes tentando evitar o estoupido definitivo, é dunha enorme estupidez política, propio de quen, amosando unha irresponsable actitude de desprezo e desdén tancredista fronte aos que colapsan Barcelona nun clamor masivo contra España, opta unicamente por utilizar a razón da forza (ameazas, procesamentos do president Mas e dúas exconselleiras polas urnas do 9-N, desnaturalización e instrumentalización do Tribunal Constitucional, o desasosegante retrouso do recurso á forca claudina do 155 e ao Exército…), desbotando a forza da razón. O que amosa a incapacidade de comprender que a racionalidade democrática reclama unha solución política pactada.

A estas alturas, as opcións redúcense a dúas: estado federal ou secesión. Unha disxuntiva que hoxe en día é moito máis difícil de resolver que hai catro anos, pois que asentaron dinámicas de improbable retorno aos estándares soberanistas existentes en vésperas de que o Congreso e o Tribunal Constitucional lapidasen o Estatut, pero nada é imposible coas armas da política e as dunha intelixente e franca sedución. Coa reforma en profundidade da Constitución, tan necesaria para salvar tanto as fracturas democráticas e sociais que lastran esta España de especuladores, corruptos e gobernantes submisos, como para afrontar o desafío catalá, que comportaría unha refundación do Estado plurinacional, plurilingüístico e pluricultural que somos.

Un obxectivo que en boa medida puidese depender das decisivas eleccións xerais previstas para o 20-D. Porque, quéirano ou non as forzas que conforman o lobby político/financeiro e mediático españolista, a sutura das fracturas –en plural– polas que sangra España só se pode acabar producindo nun novo proceso constituínte. O castigo ao bipartidismo PP-PSOE e a confianza depositada nas alternativas de empoderamento cidadá, como as mareas municipais que veñen de cuartear o poderío do PP e de Feijóo na Galicia máis politicamente activada, grazas sobre todo a que souberon poñer negro sobre branco a acción liberadora e participativa da política, interiorizan esa necesidade e esa aspiración.

Por iso sería un despropósito desbaratar a posibilidade dunha Marea galega de confluencia para as xerais do Nadal e para as autonómicas do 2016. Para que Galicia teña, nesa tesitura constituínte, grupo parlamentar con voz e voto non sometidos a outros intereses que non sexan os da cidadanía galega.