Mércores 30, Novembro 2022
HomeOpiniónAs "fake news" novas... e as de toda a vida

As “fake news” novas… e as de toda a vida

 por Xurxo Borrazás ilustración Daniel Pino

O anglicismo fake news referido a realidades supostamente novas para as que non había palabra ao xeito pode parecerlle unha “coña mariñeira” ás persoas que no franquismo se informaban a través do NODO, a prensa do Movemento ou o parte de Radio Nacional de España, co que o resto das emisoras se conectaban obrigadamente ao son dos pitos de cada hora.

Algo semellante acontece sempre en calquera outro rexime de liberdades restrinxidas, ben pola represión ou ben polo consenso tácito dos beneficiados do statu quo, por exemplo os EUA de comezos do século XXI, cando o goberno de George W. Bush, Dick Cheney e Colin Powell argallou o xigantesco fake diplomático-audiovisual das armas de destrución masiva en Iraq e os medios do sistema asentiron coma o can chinés na bandexa do coche.

A proliferación de pseudomedios asolaga o ecosistema informativo, neutraliza a influencia dos medios tradicionais e serve para que o seu correlato ideolóxico, os políticos e plutócratas sen escrúpulos, se sirvan deles como referencia e coartada.

Daquela, pseudonoticias fabricadas e posverdades hóuboas sempre? Si e non. Haber hóuboas, pero os peixes no oceano non se paran a pensar que aquela auga é salgada, non conciben as dimensións da súa masa e extensión nin se plantean a existencia de contornos non acuáticos. O consenso dos grandes medios tradicionais era ata hai unha década o oceano, nós eramos os peixes, en múltiples tamaños e cores, uns con máis espiñas que outros, o peixe grande papaba o cativo, etc. No rango de especies observábase variedade, pero a invisibilidade do oceano era unha constante.

Porén, algo mudou duns anos a esta parte. Ten que ver coa universalización das redes sociais e co acceso doado aos servizos de streaming que levaron a que calquera descoñecido nos conte a súa vida privada con pelos e sinais, literalmente, nos ensine a preparar sobremesas e bombas caseiras ou nos ilumine coa súa versión dos acontecementos políticos, económicos ou sociais nun formato que imita o dos informativos televisivos ou radiofónicos, coas súas tertulias e reportaxes, titulares, gráficas, editoriais, etc.

A cámara de eco

Os medios tradicionais nos sistemas democráticos buscaban un público amplo e procuraban evitar que sectores da poboación se desconectasen. Os novos medios buscan xustamente o contrario, illar os sectores cun interese particular e reafirmalos no que os separa do conxunto da sociedade. Buscan negar que, malia non saírmos sempre beneficiados, unhas accións poden compensar outras, confrontando a idea de que existen intereses comúns e presentándoos coma inimigos dos intereses particulares.

Isto, que se demostrou ser falso desde que os humanos viven en sociedade, combátese desde os novos medios coa mentira gasalleira, o ofrecemento dun grupo de conforto emocional homoxéneo e unha cámara de eco polarizada e incendiaria que nos fai primeiro desprezar as visións alleas, e finalmente cortar calquera vía de contacto con elas. Este é o campo das fake news, e ten sentido marcar tales prácticas cunha palabra que as diferencie da propaganda ou a desinformación clásicas. Non é que antes a información fose obxectiva ou independente, pero non perdía de vista o Contrato Social, unha convención que tensaba a corda en favor duns grupos máis que doutros e toleraba inxustizas controladas pero que en espazos difusos coma o que engloba o termo Occidente, permitía a convivencia de desiguais con maior dignidade que o individualismo insolidario do sálvese quen poida e a lei do máis forte.

A proliferación de pseudomedios asolaga o ecosistema informativo, neutraliza a influencia dos medios tradicionais e serve para que o seu correlato ideolóxico, os políticos e plutócratas sen escrúpulos, se sirvan deles como referencia e coartada. Cantas veces Donald Trump se defendeu polas críticas dun bulo grotesco que el mesmo difundira: inxectar lexivia para curar o coronavirus…

alegando que o lera nun blog ou llo escoitara a un youtuber? A consecuencia última é a suspensión do valor do coñecemento obxectivo, incluído o científico, en favor do cruce de opinións. Algo ten valor de verdade ou non dependendo de quen o diga, e quen o diga ten o valor que ten o altofalante e os watios dos que dispoña.

A dereita revolucionaria

Desde que día si e día tamén escoitamos os gurús da ultradereita citar a Gramsci, sabemos que as súas tácticas imitan as da insurxencia asociadas á esquerda, mesmo as dos grupos antisistema. As minorías revolucionarias sempre combateron o discurso hexemónico e maioritario, destapando as súas falsidades interesadas, criticando a parcialidade dos medios. Polo tanto, as críticas da ultradereita ao discurso dominante cóllennos formalmente co pe cambiado, obrigados a xustificar que os feitos demostrabeis teñen máis peso que as hipóteses.

Outro problema é que a implementación dos novos medios ten límites e ten graos. Non calquera persoa ou minoría é quen de poñer en marcha unha canle de YouTube ou de Twitch, cun estudo ben equipado e unha cualidade instrumental e técnica que lle permita pasar por profesional e non polo dormitorio dun friki morto de fame cunha cámara web torcida, e despois conseguir que o algoritmo a faga saltar axiña nos buscadores. Iso é caro, e dancho gratuito, o cal resulta máis doado para quen ten cartos ou liña directa con quen os ten que para aqueles que pensan que coa verdade e as boas ideas abonda. O resultado é que unha persoa usuaria de todo tipo de pantallas bate coas ideas da ultradereita a cada tecla que preme, mentres que só atopa as da esquerda se se esforza e sabe onde procuralas.

Para rematala, os medios tradicionais responden á competencia perversa pola publicidade e a axenda entrando na roda, convertíndose cada vez máis en medios de parte, xogando no campo do inimigo e coas normas que este determina en cada situación. Eles verán.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]