A estratexia reactiva seguida polos partidos do bipartidismo tradicional (PP/PSOE) move a ratificar o cambio de ciclo que preconizou hai agora cinco anos o movemento do 15M. Con prólogos puntuais xerados por mor do Prestige –Nunca Máis– e da guerra de Iraq –Non á guerra–, e no revulsivo xenovés de 2001 contra os patrocinadores do G8. A estas alturas xa non cabe interpretar ese cambio só en clave activista, que é como se visualizou daquela a ruptura entre as elites políticas e unha nova xeración que renegaba, indignada, do modelo de representación no que aquelas adocenaran. O que o último CIS demostra é que ese ciclo de transformación política veu para quedar, porque foi asumido con todas as consecuencias pola sociedade. Velaí o nerviosismo das dúas organizacións nas que o réxime da Transición veu depositando en exclusiva, lexislatura tras lexislatura, a chave de acceso ao poder. E con ela, a salvagarda do statu quo político e institucional.
Daquel 83,81% dos votos collidos en 2008 polos dous partidos quendistas queda tan só un 37,2% neste 2016, case vinte puntos menos que en 2011. Semellante sangría non se entendería se, á parte de canto viña inducido pola deshumanizada xestión da crise económica, non houbera mediado ese tempo e ese clímax de radicalización democrática, que abasteceu de argumentario a contestación nas rúas e nas prazas das principais cidades do Estado. Nada como cotexar a orixe desa sangría de votos para demostralo. O bipartidismo sufriu o abandono da mocidade (case o 50% dos que votaron en 2011 conservadores e socialdemócratas do PSOE non pensa facelo o vindeiro 26 de xuño), o de milleiros de cidadáns que viven en poboacións de máis de un millón de habitantes, o 50% dos que posúen estudos superiores e tamén o dunha ampla capa de votos das clases medias/altas e altas.
O bipartidismo séntese cada vez máis orfo, e os seus dous socios non saben xa como contentar os seus principais patrocinadores, algún dos máis importantes poderes fácticos, que lles esixen pactar para frear de vez esa súa lapidación democrática, que á longa non é senón a súa propia. Uns e outros senten verdadeiro pavor diante do que ese novo ciclo de transformación política –que é ao tempo social, cultural e ideolóxica– pode ocasionarlles.
A corrupción estrutural do PP, e a necesidade de endosarlle ao goberno de Rajoy a gravísima deterioración económica e social no que deu a xestión que fixo e fai da crise, curtocircuitaron despois do 20D a execución dese pacto, o da gran coalición, que apadriñaba desde a retagarda un auténtico lobbie político/empresarial e mediático con influencia directa sobre o PSOE. Porén, a pouco que os resultados do 26X cubran as expectativas xeradas pola alianza electoral entre Podemos e Izquierda Unida e polas confluencias que volven ter vida propia en Galicia, Catalunya e País Valenciá, o sorpasso previsto pode deixar fóra de xogo a Pedro Sánchez, encargándose entón ese lobbie de naturalizar –sen ou xa coa Feijóo do sur á fronte– a volta ao statu quo. Quérese dicir, ao estadio de partida, coa dereita PP/C’s no goberno, seguramente sen Rajoy, e co PSOE preparándose para seguir sendo o pretendente quendista desde a oposición.
No caso de que o 26X dese nos cálculos que prometen as sondaxes demoscópicas menos manipuladas, os líderes do PSOE terán que repensar moi moito esa dramática decisión. Porque esa lóxica non pode senón ter para ese partido unha moi pésima dixestión. Refugar a alianza de goberno con Podemos/IU/Confluencias, que en tan só dous anos foron quen de fagocitar o seu máis activo votante de base, é explicable, sen dúbida. Porén, a alternativa pola que fai presión desde o mesmo 20D ese lobbie integrado polo contorno de Felipe González, os maiores prebostes do IBEX35, Cebrián, Prisa e a práctica totalidade dos grandes medios de comunicación, aínda comporta para eles e para o partido socialdemócrata un perigo aínda máis destrutivo.
A abstención –ou mesmo a polo de agora bastante improbable entrada nun goberno de gran coalición– tería como obxectivo revalidar na práctica, desde a oposición ou desde o goberno, unha sorte de bipartidismo imperfecto, confiando en que algún día próximo volverá ser completo. Coma antes do que un simbólico 15M puxo en danza. Pero iso sería tanto como ignorar o que diciamos ao principio: que o ciclo de transformación política impulsado polos movementos de contestación ligados directa ou indirectamente a ese acontecemento veu para quedar, está incrustado na sociedade, e que nada fai pensar –como se comprobou a raíz das revoltas municipalistas que trastocaron en boa medida o mapa político das principais cidades do Estado– nunha volta automática ao estadio previo.
No ámbito sociopolítico de Galicia todo está moito máis revolto. En boa medida porque é inevitable a conexión, por activa e por pasiva, con canto está removendo as bisagras do Estado. Tamén porque todo iso colleu mudando o paso a cantos souberon detectar e aproveitar as novas filosofías da indignación e da democracia real, tentando integralas no espazo e nas estratexias específicas requiridas polo país galego, asumíndoo como suxeito político. Coas Mareas en ascenso, asentando institucionalmente nos principais concellos urbanos de Galicia, a estratexia consistiu en excepcionalizar este tempo político dándolle fol a unha alianza de esquerdas e nacionalista que contribuíse a unha remuda estrutural nos órganos institucionais e de goberno no Estado –con moi bo resultado electoral, con sorpasso incluído ao PSdeG, e o fracaso de non verse recoñecidos como grupo galego no Congreso. E co nacionalismo en litixio, por mor desoutra movida, e porque hai feridas e vías abertas no buque insignia, o BNG, que o manteñen pouco menos que varado.
Os galegos e galegas iremos ao 26X coa mesma ou semellante predisposición que no 20D. Se se repetisen os resultados, cousa moi probable, e non se rompesen as alianzas, cousa que está por ver, sería doado pensar nunha máis que posible e forzada marcha no outono de Feijóo á oposición. Que ten ese temor próbao a carreira de rebaixas (el que se autoproclamara campión en adiantarse aos recortes) á que ultimamente está entregado. Haberá que sopesalo todo a partir da noite electoral.