O aristócrata Méndez de Vigo, ministro de España e conseller okupa da intervida Generalitat, vén de poñerlle aires de jota ao 155. Nun santiamén, resolve pola brava un contencioso de anos, e ordena a devolución a Aragón de 44 pezas artísticas que as monxas do mosteiro de Sixena vendéranlle en 1936 a un experto, que as depositou daquela no Museo Nacional de Arte de Catalunya. Co Govern á sombra, cos Mossos neutralizados e ao mando de Zoido, e sen máis control parlamentar ca o do Senado, e nunca antes do 21-D, ninguén lle impide ao Goberno plenipotenciario de Madrid españolear á custa do xa famoso 155.
Para que logo digan os confabulados do 27-O que non o trouxeron para quedarse. O artigo de marras serviralles para manter a raia a quen ouse, dentro e fóra de Catalunya, rebelarse contra o que cada vez ten máis visos de ter na recentralización do Estado o seu verdadeiro obxectivo. Moi crecido co apoio do Rei, da dereita social e mediática, do Ibex 35 e do PSOE, Rajoy parece estar disposto a darlle ao tándem Aznar/Rivera un sorpasso privándoos da exclusiva involutiva que o seu padriño político anunciara xa no 2000 (nunha revista teórica do grupo Vocento), e á que lle puxo música o líder de C’s: que o Estado recupere a educación e as políticas culturais e lingüísticas das nacionalidades/nacións, integrando a criminalizada TV3 no paquete. Cun 155 de chicle e permanentemente activado, será cousa ben doada.
Velaí a base do que podemos entender como Catalunya conection: a aplicación política do todo vale con tal de suturar a crise do Réxime do 78, que o procés evidenciou coma nunca, e de desactivar o avance cara a un proceso constituínte, federal ou confederal, que asuma con todas as consecuencias a plurinacionalidade política e cultural do Estado. Utilizando para iso o 155 como máscara de lexitimidade e constitucionalidade. Esa estratexia involutiva, a base de triturar dereitos e liberdades fundamentais, vainos afectar a todos.
Non importará o que un cento de expertos penalistas veñen de denunciar: a inconstitucionalidade das actuacións gobernamentais que implementaron a
estratexia ofensiva e autoritaria botando man do artigo 155 –tremenda ironía– da sacrosanta Constitución. Visto o visto –a penúltima secuencia é a que fai desaparecer do tribunal que xulgará a Gürtel o maxistrado que levou a Rajoy de testemuña á Audiencia Nacional–, o que parece tomar corpo é aquilo de que España antes podre que rota. A esquerda española –e unha parte da galega– deberían sabelo interpretar en clave democrática e non tanto en clave patriótica coma até o de agora.
O único que pode estorbar esa operación de doma e castración volve ter a súa virtualidade en Catalunya. O vindeiro 21-D. Atentos.