Domingo 28, Maio 2023
HomeOpiniónAnte a crise do BNG

Ante a crise do BNG

Camilo Nogueira

Nas eleicións estatatais do 20 de novembro o BNG evitou o desastre que suporía a perda de representación no Congreso do Estado español mais (un momento de drástica baixada do PSOE e da perspectiva dun Governo con maioria absoluta do mesmo PP que governa en Galiza e cando as formacións políticas proprias ratificaron os espazos espazos nacionais de Cataluña e Euskalerria) a repetición de resultados negativos pon en causa a súa capacidade… para estruturar a vontade política de Galiza como nación. O sucedido non se pode explicar de novo por causas alleas ao BNG nen menos atribuilas á “españolización” da sociedade galega como fai a organización, ignorando a función que lle corresponde no desenvolvimento da vontade política de Galiza como nación. Tanto máis cando, en grande medida pola acción do movimento nacional galego, nas últimas décadas a consciencia nacional galego non diminuiu senón que pola contra medrou.

O BNG non pode insistir nas posicións acomodaticias de anos pasados nen refuxiarse en trincheiras politicas que, interpretando de forma errada as circunstancias deste tempo, obstaculizan o avance da sociedade galega cara o pleno autogoverno e a autodeterminación. Ten que asumir o obxectivo da hexemonía democrática, como guía necesaria para a emancipación nacional e social, como xa fora preciso en 2001 cando os resultados dos comicios municipais, europeus e estatais de 1999 e 2000, confirmaran a posición de alternativa de Governo conseguida en 1997.

Ten que facelo asumindo inequivocamente a capacidade de Galiza para sustentar o pleno autogoverno, sen necesitar do Estado español. Apesar da marxinación histórica por parte do Estado, do dominio das instituicións autonómicas polos partidos estatais e do problema demográfica que padece por iso, por esforzo da propria sociedade Galiza conta neste momento con unha estrutura social e económica capaz de sustentar instituicións independentes. Tratando ao galego con todas as consecuencias como lingua estatal, proclamando tamén a sua condición diferenciadora de lingua intercontinental. Salientando a memoria histórica de Galiza, negada pola ideoloxía que ainda inspira a Constituición do Estado español, cando define a España como nación exclusiva. Malia a influencia socio-económica, cultural e mediática das instituicións do Estado, a sociedade galega está mais preparada que nunca para un proxecto nacional renovado desde os valores de xustiza, igualdade e solidariedade e para toda a sociedade. O carácter de Galiza como nación non é compreendido na idea oficial do Estado español. Pode conviver cos paises do Estado nunha entidade plurinacional, mais tamén estar en Europa e no mundo coa súa propria personalidade.

Nun mundo interdependente no concernente á economía os direitos sociais e os direitos humanos, a emancipación nacional depende dunha certeira visión sobre o estado do mundo, da solidariedade con todos os movimentos liberadores e da implicación na resolución dos problemas da humanidade. Neste contexto, obstaculizando a percepción sociedade galega dos seus obxectivos, na visión internacional que ainda domina no BNG subxacen ideas procedentes das circunstancias da Guerra Fría. O BNG non integra no seu discurso que xunto con EEUU, estados como China ou a Federación Rusa, constituen espazos principais do dominio capitalista, pondo en causa da condicións de traballo e dos direitos democráticos e sociais conquistados polas clases populares.

O BNG ten que compreender a Unión Europea como o espazo histórico onde defender os direitos democráticas e sociais, a paz e a solidariedade no mundo e autodeterminación de Galiza como nación. O proxecto histórico da Unión Europea non pode ser identificado simplesmente cos governantes que propugnan ( como tamen o fan os actuais governantes de Galiza e do Estado español), dunha política capitalista neoliberal que pretende reducir as instituicións do estado do benestar. Tampouco se pode deixar de lado que é no ámbito europeu onde se manteñen con maior firmeza os servizos públicos básicos fillos do afán socialista, nen se pode ignorar que o lugar central do capitalismo neoliberal e do fundamentalismo de mercado, non está na UE senón en EEUU. A falta de recoñecimento específico das nacións sen Estado internas segue a ser unha eiva da UE. Mais esta realidade non pode ocultar que na legalidade comunitaria non existe ningún impedimento para o recoñecimento do carácter desas nacións dentro dun Estado plurinacional, tanto na presenza como tais nas instituicións comunitarias como, en concreto, na aceitación como oficial da lingua propria Non rexe tampouco calquer norma que negar o alargamento interno da UE integrando un Estado independente emerxido no territorio dun Estado membro, como pode ocorrer no caso de Escocia proclamar a súa independencia. Unha visión apropriada sobre a UE evitaría que, como un hábito acrítico, se lle atribuan non só decisións negativas para Galiza desa procedencia, senón tamén as que corresponden ao Estado español e ao Governo Galego. Contribuindo a salientar a diferenza a Galiza no Estado español, a Unión Europea fixo subir á tona o territorio conxunto de Galiza e Portugal que como un espazo supraestatal constitui un singular continuo de Ribadeo a Sagres, tendo unha dimensión demográfica tanto ou máis importante que a dos paises do corredor que desde Cataluña se estende até Almeria. Unha diferenza que pasa tamén por fortalecer as relacións con paises doutros continentes, como Brasil e outros, que teñen inequívocos vencellos culturais con Galiza.

A reflexión sobre as condicións internas e sobre o marco exterior en que se decide a cuestión nacional e os intereses sociais e económicos de Galiza tería que atinxir tamén a relación coa sociedade e á estrutura e ao carácter interno do BNG. Pensado no seu nacimento como unha frente nacional popular, é de facto unha organización unitaria con componentes partidarios que teñen formulacións estratéxicas diferentes e mesmo contraditorias, o que constitui un gran obstaculo para conseguir a compreensión da sociedade e avanzar cara a hexemonía democrática. Conservando toda a forza adquirida, tería que recoñecerse quer como unha organización unitaria e plural, respondendo toda ela a unha mesma acción externa e aos mesmos obxectivos políticos. De non ser así sería obrigado evoluir cara unha alianza de partidos ou formacións organizadas con presenza e apoios proprios na sociedade, con fins e programas consensuados.

Neste momento a tarefa prioritaria do BNG non é a de elexir unha candidatura á Presidencia do Governo Galego, senón a de apresentarse ante á sociedade como unha organización que procura a emancipación nacional e social desde a hexemonía democrática. Tanto mais canto que Galiza non dispón dunha instituición estatal que garanta a permanencia ou a reprodución de partidos políticos proprios, de maneira que a construción destes instrumentos nacionais -como os sindicais, os culturais e en xeral os cívicos- responde a un esforzo imenso da sociedade de custosa reprodución frente a tendencia uniformizadora e centralizadora das instituicións estatais.