Luns 20, Setembro 2021
HomeOpiniónANÓMALO DESLEIXO

ANÓMALO DESLEIXO

por Luís Álvarez Pousa

O último escándalo de ciberespionaxe que vén de poñer ao descuberto unha investigación coordinada polo grupo Forbidden Stories (un consorcio internacional de medios), e do que foron vítimas activistas, xornalistas, políticos, opositores e avogados de causas humanitarias como a dos estudantes secuestrados   e desaparecidos no México de Peña Nieto, está pasando desapercibido. É coma se os anteriores escándalos dese tenor, e desa gravidade, que Julián Assange, Edward Snowden ou Hervé Falciani divulgaron comprometendo a gobernos e a organismos internacionais, deixaran saturada para sempre a nosa capacidade de sorpresa. O caso Pegasus, o solftware espía producido pola compañía israelí NSO Group, reactualiza a perversa utilización que das ferramentas tecnolóxicas fan reximes e gobernos autoritarios (Arabia Saudí, Arxelia, Marrocos, Bahréin, Hungría, Turquía, Azerbayán, Togo, Ruanda…) e tamén democráticos (India, México agora, EE.UU antes), con Rusia sempre de incógnito, contra as liberdades.

Ningunha fiscalía dos países europeos (Francia e España, entre eles) nos que se comprobaron nomes de xornalistas e activistas espiados a través dos seus móbiles instigou ata agora unha investigación sobre a probable complicidade dos seus gobernos e servizos de intelixencia. Tampouco nos restantes 18 países —agás no México de López Obrador, un dos políticos espiados por Pegasus cando lideraba a oposición— se teñen noticias desa actuación xudicial. Moito menos alí onde, como no caso de Marrocos, esa práctica de vixilancia clandestina (e represión) está institucionalizada. Tampouco hai voces de
organizacións sociais que denuncien o que só uns poucos medios (aqueles que forman parte dese consorcio investigador no mundo) manteñen activado nas súas axendas. Coa excepción de Xornalistas sen Fronteiras, que esixe sancionar aos responsables e unha moratoria sobre a venta destas tecnoloxías de vixilancia, ata que se establezan garantías para evitar o seu uso na represión das liberdades.

Que a cidadanía ignore estes e outros atentados contra o noso sistema democrártico de convivencia e contra as liberdades, é unha auténtica anomalía. Tarde ou cedo pagarémola moi caro. Como pagaremos a permisividade que está dándolle á extrema dereita de Vox, e ao negacionismo sobre o golpe de estado e a ditadura franquista que Pablo Casado asume activamente, un estatus de normalidade que, de seguir así, tendo como ten o altavoz de boa parte do nacionalismo mediático español, acabará volvéndose contra todos nós.

Como xa estamos pagando a insensibilidade social (non chega ao 1% de preocupación no último CIS) fronte a outra anomalía democrática, a dun sistema xudicial sobrecargado de mochilas e prexuizos ideolóxicos, que actúa como un axente político que cogoberna e decide á marxe e mesmo en contra do Parlamento (iso que se deu en chamar lawfare), e que vén de reverdecer, ao igual que durante o procés en Catalunya, coa sentenza que ilegaliza o primeiro estado de alarma pandémico.


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]